Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O Festival Interplay, unha regueifa audiovisual de vangarda

O Festival Interplay, unha regueifa audiovisual de vangarda
Presentacion oficial do II Festival Carballo Interplay

Xa pegamos un vistazo ao programa de proxeccións as 43 webseries que forman parte da segunda edición do pioneiro Festival Carballo InterPlay (CIP), que terá lugar entre o xoves 16 e o sábado 18 de abril. E facemos un paralelismo cunha das múltiples actividades que desenvolverán, pois o concepto de "regueifa audiovisual" parece acertado para esta grande aposta.

Hoxe tocaba presentación oficial, e na cita estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira; a directora do CIP, Sonia Méndez; o responsable de Grupo Calvo, empresa patrocinadora dos premios do festival, Fernando Añón; un dos artífices da webserie "Poetarras" -gañadora do premio á mellor webserie en lingua galega no CIP 2014-, Daniel Vilaverde; e Beli Martíñez, profesora coordinadora do "Proxecto Neme: a memoria audiovisual de Carballo”.

A chegada dunha ampla oferta internacional foi a nota máis salientada pola organizadora. Pezas de México, Argentina, Francia, Brasil ou Reino Unido, entre outros, estarán presentes en Carballo, a nova capital das webseries.

En todo caso, quixeron destacar que o festival trascende o mundo das webseries para centrarse en todo tipo de producións audiovisuais e contidos dixitais explorando as posibilidades de Internet como medio para a narración, o humor, a non ficción, o patrimonio audiovisual ou a performance interactiva.

Presentacion oficial do II Festival Carballo Interplay

Mañás no Forum e tardes no Pazo

As mañás están reservadas no Fórum Carballo a diversas actividades paralelas destinadas a ver desde varios ángulos a industria dos contidos dixitais e as distintas formas en que Internet nos axuda a facer humor, a preservar a nosa memoria colectiva ou a rebuscar no noso código fonte audiovisual. Polas tardes, o Pazo da Cultura é o escenario elixido para a proxección das 43 webseries da sección oficial, escolleitas entre as 144 enviadas ao festival.

Estreas

Haberá o momento das grandes estreas, o xoves 16 cun novo capítulo da webserie "Entertainment" dos creadores de "Malviviendo" e coa película "Searching for Meritxell"; o venres 17 cunha "batalla audiovisual" cos artífices de "Venga Monjas" e "Malviviendo"; e o sábado 18 coa Gala de peche.

Regueifa audiovisual

Unha das citas máis novidosas desta segunda edición do CIP é o "Interfight: I Encontro de labazadas audiovisuais" ou "regueifa audiovisual" que manterán Xavi Daura e Esteban Navarro de "Venga Monjas", padriños deste CIP, e David Sáinz e Teresa Segura de "Malviviendo", padriños do CIP 2014. Segundo explica Daniel Vilaverde, de "Poetarras" -gañadora do premio á mellor webserie en lingua galega en 2014- coordinador da cita xunto co guionista Enrique Lojo, o encontro consiste nunha "batalla de vídeos" a través dunha divertida loita coa proxección de pezas audiovisuais sacadas de Internet e mesmo realizadas polos propios protagonistas co obxectivo de enfrontarse entre eles poñendo a proba os seus coñecementos e implicando tamén ao público asistente.

Gala de peche cos "Irmáns Lumieira”

Hai que mencionar tamén outras moitas actividades, como a presentación dos traballos elaborados durante o ciclo de formación FormaCIP que tivo lugar entre novembro e abril; unha master class con Belén Santa-Olalla; unha charla con Joan Carles Martorell; un coloquio moderado por Paula Hernández e a repetición de citas exitosas na primeira edición como o Vermú con CREA ou o Código Fonte Audiovisual, no que Belén Regueira toma o relevo de Touriñán.
Non hai que esquecer as citas lúdicas e de ocio xa pola noite o venres e o sábado no Pub Dublín.

E hai que destacar a Gala do sábado, a partir das 20.30 horas, este ano presentada polos "Irmáns Lumieira"- sospeitosamente parecidos aos irmáns Lumière, inventores do cinematógrafo-. Serán interpretados por Carlos Meixide, Tomás Lijó e Suso Alonso baixo a dirección de Sandra Lesta, e serán os encargados de levar o humor á cerimonia de entrega de premios.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios