![A compañía madrileña Producciones Meridional estrea o sábado en Carballo a obra "Los esclavos de mis esclavos". Imaxe: Producciones Meridional]()
A compañía madrileña estrea o sábado en Carballo a obra "Los esclavos de mis esclavos". Imaxe: Producciones Meridional
Achégase unha das estreas máis esperadas do FIOT. O punto álxido do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo será este sábado, 24 de outubro, ás 21.00h coa estrea mundial da obra
“Los esclavos de mis esclavos”, da compañía madrileña
Producciones Meridional, coa que o festival mantén unha longa relación e que foi merecedora do Premio do Público do FIOT en 2003.
Trátase dunha obra de gran intensidade, que parte do pequeno microcosmos dun secuestro para falar do macrocosmos humano e xeopolítico no que estamos inmersos. Nesta esperada peza teatral, Producciones Meridional mestura o serio co humor e co poético e busca, ao memo tempo, a complicidade do público.
O argumento fala de dous homes e unha muller secuestrados nunha cova, nas montañas de Afganistán, xunto coa muller en burka que lles leva a comida. Sobre o escenario, catro vítimas da situación xeopolítica e do seu propio desexo de acción.
Dende onte xa están dispoñibles as
entradas para ver a estrea mundial de “Los esclavos de mis esclavos” e o espectáculo de creación colectiva “Locus Amoenus”. Os interesados poderán reservar as súas butacas a través do sistema de televenda de
ataquilla.com ou chamando ao teléfono 902 504 500 (de 9.00h a 22.00h). No caso de que nos próximos días aínda quedaran butacas libres, ademais de por Internet, as entradas para a programación de sala poderán mercarse na billeteira do Pazo da Cultura a partir das 19.30h do día da representación de cada obra.
Teatro galego
Durante a programación desta fin de semana haberá unha ampla representación do teatro galego da man de grandes actores e actrices que actuarán o venres 23 ás 21.00h na comedia política “Presidente”, protagonizada polo Xograr de Outono do FIOT,
Celso Parada, que estará acompañado por rostros ben coñecidos da escena teatral da nosa comunidade como
César Goldi,
Federico Pérez, Iolanda Muíños e Merce Castro.
A compañía galega
Teatro do Morcego presenta esta obra recentemente estreada de
Xosé L. Prieto, un xoven autor galego que xa ten varios premios Max e María Casares. O argumento céntrase na campaña electoral do Presidente, que visita persoalmente os votantes nas súas casas para convencelos de que a súa opción é a mellor. A través de familias de distintos contextos sociais e ideolóxicos, o Presidente non desiste ante o que vaticinan as enquisas e intentará construír unha versión dos feitos a súa medida.
Antes da función, ás 19.00h, terá lugar o
“Café con...”, no que os espectadores poderán conversar coa compañía e actores de “Presidente” para coñecer de primeira man a obra e resolver dúbidas e curiosidades mentras gozan dun agradable momento tomando un café.
Ciclo OTNI
![Atresbandes presenta o sábado a obra "Locus Amoenus" dentro do ciclo OTNI]()
Atresbandes presenta o sábado a obra "Locus Amoenus" dentro do ciclo OTNI
A sexta edición do Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) traerá este sábado ás 21.00h a Galicia a estrea da obra
“Locus Amoenus”, dos cataláns Atresbandes, unha compañía que, pese á súa xuventude, ten xa unha relevante proxección internacional.
Gañadora do Premio á Mellor Dirección no Skena Up Festival de Kosovo e finalista do Premio BBVA de Teatro, trátase dun traballo de creación colectiva, representado desde a naturalidade e inspirado no relato “El Túnel”, de F. Dürrenmatt. Esta peza vai na procura do “Locus “Amoenus”, un lugar idílico, de confort, que na actualidade é sinónimo de pracer, xuventude eterna e vacacións da realidade. Na busca dese estado atópanse as súas personaxes, que conversan entre eles mentras esperan o descarrilamento do tren no que viaxan e que terá como consecuencia inevitable a súa propia morte.
Entrega do Xograr de Outono 2015
Durante esta fin de semana tamén haberá tempo para o acto de entrega do
Xograr Outono 2015 que recaerá en mans de
Susana Dans, unha actriz que destaca polas súas grandes interpretacións nas máis importantes compañías galegas, así como por ter un dos currículos artísticos máis completos das actrices na nosa comunidade.
O acto de entrega do galardón está previsto para este venres 23 ás 21.00h, previo á función de “Presidente”.
Máis información
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- FIOT