sábado. 26.04.2025
El tiempo

O FIOT revoluciona a noite carballesa enchendo os locais de hostalería de espectáculos

O FIOT revoluciona a noite carballesa enchendo os locais de hostalería de espectáculos
Antón Coucheiro estrea no mesón A Cabaña a súa obra "Múltiple" Antón Coucheiro estrea no mesón A Cabaña a súa obra "Múltiple"
Chega unha das citas máis esperadas do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O FIOT enche a partir de mañá os locais de hostalaría de Carballo co inicio da XVII edición da Rúa dos Contos, que este ano ten programados 18 espectáculos aderezados con contos, monólogos, música, maxia, improvisación, clown e variedades e que se celebrarán nas dúas primeiras fins de semana de outubro, converténdose no aperitivo da programación de sala e do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado).
O arranque desta nova edición correrá a cargo de Antón Coucheiro, quen elixiu o mesón A Cabaña (21.00 h) para facer a estrea da súa obra “Múltiple”. Este espectáculo cómico e participativo irá esfiando historias improvisadas sobre os alter ego do protagonista e estará acompañado pola música en directo de Túlio Rosendo. Tras a representación de Coucheiro, os espectadores poderán seguir en bares e pubs unha ampla programación que inclúe seis estreas de obras, tres delas absolutas e outras tres en Galicia, que se suman aos grandes referentes que fan da Rúa dos Contos un emblema da narración oral na comunidade. Sesións dobres A primeira fin de semana da Rúa dos Contos revolucionará a noite carballesa cunha programación para todos os gustos. Así, mañá na cafetería Colón (22.30 h) a narradora Paula Carballeira dará vida a varias historias que teñen como eixo vertebrador a memoria. Xusto ámedianoite, a cervexaría A Boa Estrela vibrará co “Humor Salvaxe” do contador ferrolán Pepo Suevos, avalado por máis de mil actuacións e que non deixa indiferente a ninguén coa súa verba irreverente. O sábado , a compañía Daboapipa levará ao bodegón O Pescador (21.00 h) os contos dos nosos maiores e a realidade na que vivían, aínda que dun xeito cálido e divertido. O cantante dos Revenidos, Manuel de Eva, tamén fará gala do seu gran talento a través dun espectáculo divertido e moi sorprendente na cervexaría Ágora (22.30 h). Na medianoite do sábado, A Barra Bar será testigo da estrea en Galicia de “El fin del mundo está cerca”, un concerto teatralizado que conta coa música de Chanson Mor Món e no que se exorcizarán dun xeito moi peculiar algúns dos hits de chiringuito dos últimos anos. O Mercado Municipal acaparará todas as miradas o domingo 4 coa sesión dobre (dúas funcións por 5 euros) protagonizada por dous grandes referentes do panorama teatral. Despois de conquistar  os escenarios de Europa, África e América, ás 20.00 h, o mestre da narración Félix Albo presenta “El pueblo de los mellados”, unha historia delirante de humor e intriga na que ninguén é o que parece.  Pola súa banda, os incombustibles Mofa e Befa lanzan ás 21.30 h o seu espectáculo “Sempre ao lonxe”, que substitúe a “A Galiña” por motivos alleos á organización do FIOT. Esta obra toma como referencia a melancolía pola superstición racial que a ciencia enviou para sempre ao caixón dos recordos. Unha das principais novidades deste ano son as sesión dobres no Mercado Municipal de Carballo, que permiten obter un pase para dúas funcións nas que actúan grandes referentes do teatro nacional e internacional por tan só 5 euros e que se poden mercar de forma anticipada en Internet. Ademais, aínda que moitos dos espectáculos son de balde, as poucas funcións que teñen custe pódense adquirir por Internet a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova) ou no teléfono 902 504 500, así como nos propios locais nos que se representan. Se quedasen entradas libres, o mesmo día do espectáculo pódense mercar na billeteira do Mercado Municipal a partir das 19.30 h.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • FIOT

Comentarios