luns. 13.04.2026
El tiempo

Baio alzou o SOS pola Sanidade Pública

Concentracion de SOS SANIdade Publica no Centro de SAude de Baio
Concentracion de SOS SANIdade Publica no Centro de SAude de Baio
Baio alzou o SOS pola Sanidade Pública

O Centro de Saúde de Baio acolleu este mediodía unha concentración co gallo da celebración do Día Mundial da Atención Primaria. Convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, e apoiada pola delegación comarcal do BNG da Costa da Morte, o acto formou parte dun coxunto de mobilizacións nunha vintena de concellos galegos para reclamar unha sanidade digna e de calidade.

No caso concreto de Baio, denunciouse a falta de persoal médico en centros da atención primaria da bisbarra, sobre todo especialstas en pediatría.

Na concentración, a portavoz de SOS Sanidade Pública, Ana Lestón, dou lectura a un manifesto no que se denunciou o proceso de desmantelamento que está a sufrir a Atención Primaria na nosa comarca.

A Atención Primaria debe mellorar a saúda da poboación e racionalidade do sistema sanitario, pero carece de apoio político necesario para sobrevivir

Os sistemas sanitarios orientados á Atención Primaria teñen unha maior esperanza de vida, menores taxas de mortalidade, mellor control das enfermidades crónicas e garanten un funcionamento eficiente do resto do sistema sanitario.
Porén, a Atención Primaria en Galicia atravesa unha grave crise por falta de apoio político e de recursos suficientes. Son ben coñecidos os problemas para contactar cos centros de saúde, as longas esperas para recibir atención, a substitución das consultas presenciais por telefónicas, as dificultades nas interconsultas hospitalarias e a carencia de profesionais necesarios para ofrecer unha atención integral baseada na promoción, prevención e atención comunitaria.
A espera media para acceder aos centros de saúde supera os 10 días, chegando en moitos casos a máis de 15 días; milleiros de nenas e nenos carecen de pediatra; e o persoal abandona a Atención Primaria pola precariedade laboral, mentres se incorporan profesionais sen formación especializada, poñendo en risco o modelo sanitario público.
Como consecuencia deste deterioro, dispáranse os casos graves, colapsan as urxencias hospitalarias, empeora o prognóstico das enfermidades e aumenta o sufrimento das persoas, ao tempo que se favorece o recurso á sanidade privada.
Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública Costa da Morte denunciamos o proceso de desmantelamento que está a sufrir a Atención Primaria na nosa comarca.
A falta de profesionais é alarmante, especialmente no caso da pediatría, o que obriga a que as nenas e nenos teñan que desprazarse fóra do seu concello para seren atendidos. Esta situación é inaceptable e evidencia o abandono do rural por parte da administración sanitaria.
As listas de agarda para unha consulta médica superan incluso os 15 días, impedindo unha atención axeitada e a tempo. A política sanitaria do señor Rueda non lle dá ningunha prioridade ao rural, deixando centros de saúde, como o de Zas, con prazas médicas sen cubrir e sobrecargando ao único profesional dispoñible.
Pero na Costa da Morte tamén temos un hospital comarcal en Cee onde servizos imprescindibles para a cidadanía da Costa da Morte coma Hospitalización a domicilio ou Psiquiatría, son totalmente insuficientes e dende a Xerencia da Coruña, lonxe de dotar de máis recursos, limita o crecemento dos mesmos.
A Atención Primaria necesita cambios e melloras para saír da crise. Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, esiximos:
1. Incrementar os recursos da AP ata o 25% do orzamento sanitario (está no 14%).
2. Garantir a accesibilidade, e a continuidade asistencial con máis profesionais: Medicina de Familia, Pediatría, Enfermaría, Saúde Mental, Fisioterapia, Traballo Social, Saúde Buco Dental, Logopedia, Persoal Administrativo, Matronas, entre outros, para dar unha Atención Integral nos Centros de Saúde.
3.Unha política de persoal xusta e incentivadora, con oposicións anuais ata completar as prazas vacantes na actualidade.
4. Combater o abuso da medicalización e a burocracia innecesaria.
5. Reorientar a atención primaria cara á Saúde en lugar da enfermidade, desenvolvendo estratexias de saúde comunitaria.
6. Que a atención que se presta dende a Hospitalización a Domicilio (HADO), sexa por criterios sanitarios e non por distancia ao Hospital de Referencia. Por riba de estar máis lonxe do Hospital non reciben este servizo.
7. Asegurar a formación e a investigación de calidade en todas as categorías de persoal.
8. Incentivar a Participación Cidadá, ca posta en marcha do Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.
9. Prestar especial atención á saúde mental e ás persoas maiores.

 

Máis novas

Comentarios