Martes. 21.05.2024
El tiempo

O Fiotiño, ou como soñar unha noite de teatro

O Fiotiño, ou como soñar unha noite de teatro
Fiotino 2014

Afondando no espírito que define a 23ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, a organización aproveita a efeméride dos 450 anos do nacemento do gran dramaturgo Shakespeare para roubar o título dunha das súas obras máis emblemáticas e atoparlle un novo sentido, dando nome ao campamento infantil do “Fiotiño”, que se estreou con grande éxito e aceptación na pasada edición do FIOT.

O título da actividade, “O soño dunha noite de outono”, será o fío argumental para crear unha montaxe teatral na que, partindo da fantasía e da creatividade e a través de distintas dinámicas e exercicios, os nenos serán os protagonistas dun divertido percorrido pola historia do teatro durante unha noite enteira.

Nesta ocasión, debido ao éxito e demanda da primeira edición de 2013, “O Fiotiño” organizarase en dúas quendas. A primeira iniciarase ás 19.00h do venres 3 e rematará ás 11.00h do sábado 4 de outubro e, de haber solicitudes para un segundo campamento, este terá lugar nos mesmos horarios comezando na tarde do sábado 4 de outubro e rematando na mañá do domingo 5. A actividade está dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos (teñen preferencia os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte). En cada quenda hai dispoñibles 25 prazas e o mesmo neno non poderá asistir as dúas noites.

Inscricións

O prazo para anotarse estará aberto desde este luns 22 ata o venres 26 en horario de 10 a 13.30 horas nas oficinas administrativas do Pazo da Cultura.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios