Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O programa Apego enche Carballo de actividades para os máis pequenos

O programa Apego enche Carballo de actividades para os máis pequenos
programa apego Despois da posta en marcha do programa Apego en maio do ano pasado, son máis de 120 familias de Carballo - e arredor de 1.500 en Galicia - inscritas nel que recibiron a caixa de benvida con materiais como, entre outros, unha mantiña-boneco-apego, un libro de recomendacións para a crianza ou un álbum de primeiras experiencias, e algunhas desas familias, naqueles casos en que o neno ou a nena xa naceu, recibiron tamén un disco cunha selección de música infantil en galego, todo iso para incentivar e facilitar a socialización da infancia en galego. E tamén son centos as familias participantes nas actividades do Apego e, polo tanto, as que agardan as propostas para estes últimos meses de ano. Conforman este novo programa de outono propostas propias, xunto con outras da Biblioteca ou doutros programas, nuns casos dirixidas a nais e pais, como charlas e obradoiros; e noutros casos tamén aos propios nenos e nenas, como concertos, teatro ou contacontos. E é que o que pretende o Concello de Carballo é reunir nun único programa toda a oferta infantil e familiar en galego. Así, nesta última semana de outubro terán lugar tres actividades arredor da celebración do Samaín. Mañá mércores a Biblioteca Rego da Balsa acollerá o contacontos de A Trastenda dos Contos que leva por título "Contos de medo que deixan durmir". O sábado 29 celebrarase unha pequefesta do Samaín, na que haberá xogos, animación musical, obradoiros de maquillaxe, globoflexia ou “meiguiñas”, contacontos, fotocol..., e na que as nenas e os nenos poden ir disfrazad@s. Terá lugar na ludoteca municipal a partir das 17:30 horas e pódense recoller convites para nenos e nenas de 2 a 6 anos na propia Ludoteca ou na biblioteca Rego da Balsa. Xa o último día de mes, o luns 31, a mesma Ludoteca acollerá tamén un obradoiro do Samaín. Actividades para novembro ratos biblioteca rego balsa En novembro comeza una nova edición de Ratos da Biblioteca no Rego da Balsa Durante o mes de novembro desenvolveranse sete variadas actividades. A primeira delas trátase dun obradoiro de educación sensorial para nais e pais con bebés de ata 12 meses, que terá lugar no pazo da Cultura o xoves 3. O mércores 9 comezará unha nova edición dos contacontos dos Ratos da Biblioteca no Rego da Balsa, e farano con Viaxe pola Galicia Encantada en dobre sesión. Ao día seguinte, o xoves 10, terá lugar, tamén en dobre sesión, teatro para bebés no pazo da Cultura, neste caso da man da compañía Trompicallo, coa orixinal proposta "O día que chegou unha nube e choveu". O domingo 13 de novembro celebrarase o primeiro dos concertos, neste caso Canta o cuco, no que Uxía e Magín Blanco lle poñen voz e música a textos infantís de Manuel María nun espectáculo músico-teatral organizado pola concellaría de Cultura. O xoves 17 terá lugar tamén no pazo da Cultura a charla "Atención temperá: importancia e servizos en Bergantiños", a cargo de Yaiza Antelo, coordinadora da Unidade de Desenvolvemento Infantil de Apoio Familiar - UDIAF - de Bergantiños. Continuarán o mércores 23 as sesións dos Ratos da Biblioteca, nesta ocasión cunha Viaxe a África. E rematará o mes de Apego co exitoso concerto infantil de Pitusa Semifusa, que terá lugar no pazo da Cultura o domingo 27. E para o Nadal... Xa no mes de decembro haberá unha nova charla para nais e pais. Será o xoves día 1 a cargo da psicóloga Raquel Bello, de Oikos, e co título "E o teu..., aínda non fala? E a túa..., aínda non anda", tratará sobre as fases de desenvolvemento infantil e as presión sociais. O domingo 11 volverá a música para nenas e nenos ao Pazo, neste caso da man de Lydia Botana, Bolboreta, que traerá o seu espectáculo De aquí para alá, con ritmos de todo o mundo. O mércores 13 continuarán as sesións dos Ratos da Biblioteca, desta vez con O rato ilustrador. E rematará o mes de Apego, antes das actividades de Nadal, o xoves 15 con Este queixo queixolán, unha sesión dobre de xogos e contacontos para bebés da man de Pavís Pavós. ¿Cómo participar? Todas as familias de Carballo con bebés e nenas e nenos pequenos están convidados a participar e a través das cales se pode transmitir a lingua con apego. No programa completo, que se pode consultar en www.carballo.gal e en www.apego.gal, descríbense os métodos e prazos para participar en cada unha das actividade. Todas aquelas persoas que están a agardar un bebé tamén poden contactar co Servizo de Normalización Lingüística - 981 704 304 ou en [email protected] - para inscribirse no proxecto Apego e para recibir, ademais de información, tamén a caixiña cos materiais de benvida ao mundo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios