Venres. 29.03.2024
El tiempo

O "senegalego" Chekh Fayé presentará en Carballo o seu novo libro

O "senegalego" Chekh Fayé presentará en Carballo o seu novo libro
A dramática historia do senegales Cheikh Fayé terá eco en Carballo con motivo da presentación do seu libro, "Ser Modou Modou". Cheikh era mestre en Senegal ata que tivo que emigrar e desde hai 14 anos reside na Coruña, traballa pola zona vendendo en rúas e feiras –entre elas tamén nas de Carballo– e agarda poder obter a nacionalidade. Cartel-Ser-modou-modou_Carballo_19-12-17 Presentación libro Cheikh Faye Sobre a súa chegada aquí, a nostalxia da súa terra, as dificultades, a vida dos inmigrantes africanos en Europa, a loita diaria por conseguir uns ingresos mínimos para sobrevivir e para poder mandarlle algo á familia que deixou lonxe... comezou a tomar notas e a publicalas no blog https://senegaliza.wordpress.com/, que agora se converteu en libro co título antes comentado de Ser modou modou (“Modou” é o nome xenérico co que se coñecen os inmigrantes africanos en Europa), editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. E todo isto quixo facelo en galego, na nosa lingua, en sinal e como exemplo de integración social e lingüística nesta terra que o está acollendo. A presentación do libro terá lugar este vindeiro martes na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, nun acto que comezará ás 19.30 h, con entrada libre. O autor conversará sobre a vida dun inmigrante africano na nosa terra que sobrevive diariamente vendendo, e sobre acollemento lingüístico, cultural e social. No acto participarán tamén alumnas e alumnos do obradoiro de acollemento lingüístico que está tendo lugar no Fórum Carballo, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística.   En opinión do autor do prólogo da obra, "Estes textos que se presentan aquí son, nestes tempos de valados e fronteiras, un espazo libre, un xeito de diálogo con espírito aberto de reflexión crítica; unha visión sobre Galiza dunha persoa nacida a miles de quilómetros na África atlántica. Haberá outras moitas visións sobre Galiza, sen dúbida, máis esta ten mirada limpa, inocente, amable (demasiado amable?) mais tamén crítica, cando cómpre, sobre o noso país e as súas xentes. É difícil atopar unha historia máis tenra que a que Cheikh nos conta en Tres comidas en Corme e penso no acaídos que serían estes textos para a materia de Valores Éticos, como ferramenta didáctica e para a aproximación a outras realidades, a outras miradas, na formación da vida social e política d@s adolescentes da Educación Secundaria".

Comentarios