mércores. 15.07.2026
El tiempo

O acollemento lingüístico faise realidade en Carballo

Curso de Acollemento Linguistico Carballo
O acollemento lingüístico faise realidade en Carballo

Que a lingua é un refuxio, unha forma de integrarse, unha ferramenta de acollida, integración e cohesión social, é algo evidente. En Carballo téñeno claro e levan anos promovendo cursos de acollemento lingüístico, como o que acaba de rematar. 

Un grupo de arredor de 25 persoas vén de completar con éxito os cursos organizados polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) carballés. 

Nesta edición, as aulas contaron cunha gran diversidade de perfís e procedencias, que reflicten a riqueza multicultural do concello. Entre o alumnado atopábanse veciños e veciñas chegados desde a República Dominicana, Venezuela, Perú, Colombia, Uruguai e tamén de comunidades como Madrid. Ao longo das sesións, impartidas polo docente Tono Formoso, os participantes non só adquiriron as nocións lingüísticas básicas para o seu día a día, senón que tamén crearon un espazo de intercambio e convivencia idóneo para fortalecer os lazos coa comunidade de acollida.

O acto de clausura estivo presidido pola concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, que foi a encargada de entregar os diplomas acreditativos a un alumnado moi agradecido e satisfeito coa experiencia.

Tras o acto formal, a celebración continuou nas Escolas do Xardín Agra de Caldas coa tradicional Festa do Trouxen. Fiel ao espírito desta celebración, cada un dos participantes achegou algo de comer ou beber —moitas veces pratos típicos dos seus países de orixe mesturados coa gastronomía galega— para compartir nun gran xantar.

Comentarios