Pedro Tasende expón a súa Vida Intensa no Pazo da Cultura


Nunca é fácil ser profeta na túa terra. Temos bos exemplos pola volta, como a proposta da Sala de Exposicións Antón Mouzo de Vimianzo adicada á artistas locais. E parece que Carballo quere apostar tamén pola calidade da casa.
Así, o creador carballés Pedro Tasende vén de estrear a súa exposición "A vida intensa", que estará no Pazo da Cultura até o 25 de febreiro (de 17:00h a 21:00h). E o fai despois de colaborar coa exposición "Miradas 2" e de actuar en Carballo co seu grupo musical Tímperis, demostrando así a súa polivalencia.
Montaña rusa sentimental

Así podemos definir esta combinación de escenas nas que os corpos, os xestos, din moito máis que as palabras. "A expresión do corpo humano" é clave, para, cun afán expresionista, amosar todo o mundo interior que Tasende leva absorvendo dende que marchou fóra de Bergantiños, aló polos 18 anos.
Agora, de volta, asume este reto, o de superar o medo a ensinar o que se crea para un e na intimidade ante o público, loitando contra "ese medo ao amor, á timidez, en definitiva, a vivir".
Novas relacionadas
- Carballo acolle as Miradas de 32 artistas da Costa da Morte.
- Carballo estrea dous meses de Venres Culturais.
- María Jesús Pérez Cabirta descobre as súas cores a todo Vimianzo.