Unha Axenda das Letras que sería un orgullo para o propio Vidal Bolaño


Impresionante chega a Axenda da ponte das Letras Galegas deste 2013, adicadas a Roberto Vidal Bolaño. Non nos entran todas as citas na Axenda Costa da Morte, que chega con cousas de toda índole e condición, pasando polo teatro, música, exposicións, festas, citas gastronómicas, carrilanas... Todo ademais acompañado polos poucos programas municipais culturais deste ano (ver abaixo), contando, iso si, cunha das citas máis especiais de toda Galicia, o Festiletras.
Comezamos o xoves 16 de maio en Corcubión e a golpe de maxia, para irmos ata Muros cunha obra de teatro solidaria. Pero o xoves hai 3 citas que realmente son fantásticas: o monólogo de Rober Bodegas no Couto no marco do Festiletras, un Concerto de UltraqÄns no enCántame Carballo e a megafesta en Corme polo tenista Martín Varela.
O propio das Letras Galegas, o venres 17 de maio, comeza curiosamente a golpe de tortilla, coa I Festa da Tortilla de Serantes e a Feira do Pincho de Tortilla de Cee, que durará toda a fin de semana.
Despois de comer toca ir cara Vimianzo, a celebrar a data das Letras en Pasarela e mais a disfrutar das Festas de Trasouteiro, que o sábado terán a Gran Baixada de Carrilanas.
Poderemos achegarnos tamén á inauguración da exposición de Viki Rivadulla en Muxía, unha Viki que tamén ten no Couto, no Festiletras, outra das súas salgadas exposicións. De aí Muros onde terá lugar o peche da VII Mostra de Teatro Xosé Agrelo, con Aquelando Teatro representando "Integral", unha obra precisamente de Vidal Bolaño.
Tamén temos citas musicais ben interesantes, con 3 concertazos: Uxía no Couto, Balakandraca en Carballo e Zenzar en Cee, despois de disfrutar dun monólogo premium.
E pecharemos a noite do venres a ritmo de orquesta, nas Festas dos Remedios Vellos de Lira, as de Trasouteiro ou nas Festas do Espírito Santo de Camelle.
O sábado 18 de maio continúa completísimo, comezando coa ruta de sendeirismo por Vimianzo e rematando a mañá na sesión vermú nas Festas Espírito Santo de Cortes-Muros, de Camelle, ou de Trasouteiro, como dicimos para quentar motores para a Baixada de Carrilanas.
Pola tarde teremos un Recital Poético e Cee, con Rosalía Fernández e Serxio Iglesias léndolle a Rosalía, e moita música. Como a da IV Xuntanza Folk de Lires, o concerto de aCadaCanto no Couto, o de Adrenaline na Praia do Lago ou o do Ataque Escampe en Carballo. E máis verbenas claro!
O domingo 19 de maio teremos teatro en Corcubión, as tremendas Mucha e Nucha para poñer o broche de ouro ao Festiletras 2013 e mais a cita dominical por excelencia, desta volta musical, na sesión de Vimianzo.
Máis información
Letras Galegas na Costa
- A Universidade Popular de Corcubión revive con Letras.
- Arrinca a semana das Letras tamén en Carnota.
- As FestiLetras da aldea do Couto viven a súa idade de ouro.
- Fisterra prepara unha Semana das Letras moi divertida.
- Cee propón un poético maio de Letras.
- Zas adica o mes das Letras a Vidal Bolaño.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).