Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Volve o Carballo Interplay cos youtubers, as webseries, as estreas e as conversas como protagonistas

Volve o Carballo Interplay cos youtubers, as webseries, as estreas e as conversas como protagonistas
A cuarta edición do festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay converterá de novo, a primeira semana de maio, a vila na capital da cultura dixital global. Segundo veñen de anunciar en rolda de prensa o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira; a coordinadora de actividades do Interplay, María Yáñez; e a directora do certame, Sonia Méndez, o CIP traerá a Carballo do 4 ao 6 de maio "unha selección do máis creativo que hai a nivel internacional no mundo dos contidos dixitais". O Carballo Interplay, que nacía hai catro anos como o primeiro festival de webseries de España, converteuse axiña nun referente estatal e agora avanza un paso máis, explorando os formatos máis diversos e os contidos dixitais máis novidosos cun completo programa de actividades que encherá a vila de proxeccións, de debates, de vídeo conferencias e de conversas sobre o presente e o futuro dos contidos para internet. Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo. A coordinadora de actividades do evento, María Yáñez, fixo un repaso polo programa do IV Carballo Interplay, con propostas para públicos de idades e gustos diversos e onde "as mulleres creadoras terán un importante protagonismo". Participarán no CIP as novísimas youtubers Soy una pringada, unha anti-youtuber basca con máis de 80.000 suscritores, e Carolina Iglesias, unha guionista e comediante coruñesa que ten máis de 30.000 suscritores no seu canal, Percebes y grelos. Dúas voces diferentes que reivindican o seu particular humor e creatividade, nun panorama superpoblado de contidos sobre moda, beleza e videoxogos. Tamén haberá un oco para o feminismo, a familia e a cultura popular en Youtube, da man da guionista e xornalista Isa Calderón, creadora das “reviews fuertecitas” coas que despelexa películas desde unha óptica feminista e humorística, e de Los Prieto Flores, unha extensa tribo familiar que ofrecerá no Interplay un show ao vivo recreando o - ben coñecido polos seus seguedores - salón da súa casa. Charlas interplay2017 Todas as actividades que se enmarcan dentro do Interplay 2017 son gratuitas e de acceso libre ata completar aforo Tras unha década de experimentación e amateurismo, a produción de contidos audiovisuais para internet está madurando, tamén no que respecta ao salto profesional. Diso falarán, o sábado pola mañá, Mafalda González-Alegre (de Flooxer, o escaparate do talento dixital de Atresmedia), Borja Prieto e Natalia Flores (da axencia creativa Está pasando) e Teresa Segura e David Sainz (da produtora Different Entertainment). Despois, o CIP transitará os camiños que unen a televisión convencional coas narrativas dixitais da man dos community manager de Land Rober - Javi Mos, que coordina unha comunidade de máis de 100.000 usuarios - e Luar (Pilar Rodríguez, encargada de conversar cuns 30.000 usuarios), e máis de Miguel López, El Hematocrítico, colaborador habitual de medios como Atresmedia, El Diario, Mongolia ou Cinemanía e incansable comentarista televisivo. Internet pode ser, tamén unha ponte pola que saltar a traballar na televisión. Diso falará Rubén Ontiveros, pioneiro do mundo webserie, na súa master class sobre o Humor na rede, na que fará un percorrido polos diferentes formatos da comedia e analizará as posibilidades que dá Youtube de experimentar co humor. Ontiveros foi o creador de Que Vida Más Triste, a primeira webserie do Estado e traballou como guionista de programas como Vaya Semanita, Homo Zapping ou La Hora de José Mota. A compañía de teatro Chévere - premio nacional de Teatro - celebrará o seu 30º aniversario no Carballo Interplay, repasando a súa historia a través do seu código fonte audiovisual, un formato híbrido entre conferencia e proxección polo que xa pasaron Xosé Antonio Touriñán, Belén Regueira e os guionistas máis coñecidos e recoñecibles da televisión galega, os Zopilote. Os padriños do Interplay David Sainz e Teresa Segura serán os padriños do Interplay 2017 e aquí presentarán a longametraxe Fogueo; unha película pequena que quere demostrar que o importante cando se queren facer cousas é, precisamente, facelas. A outra estrea mundial do CIP 2017 é a da webserie Peter Brandon, coa que os Porco Bravú gañaron o premio ao mellor proxecto de webserie en galego na pasada edición do festival. presentacion-carballo-inteplay-2017 Hoxe presentouse o festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay que se desenvolverá entre o 4 e o 6 de maio Neste sentido, Sonia Méndez recordou esta mañá que o prazo para presentar proxectos de webserie en galego está aberto ata o 17 de abril. "É unha aposta do festival", asegurou a directora do Interplay, "apoiar a produción de novos contidos para Internet". O premio é de 1.500 euros e a webserie gañadora decidirase nun pitching no propio festival. Xosé Regueira, pola súa banda, destacou que outra dos proxectos que participaron na pasada edición e que non resultou premiada dentro do CIP si contou co apoio do concello de Carballo, chegou a realizarse e gañou, de feito, o premio Mestre Mateo. As persoas que queiran participar, poden facelo a través da web do certame. Tamén están aínda abertas, na web, as inscricións para os obradoiros FormaCIP para adultos e para crianzas. Tanto o alcalde como o concelleiro recordaron que o festival é "un referente de novas maneiras de crear e de difundir contidos" e que o seu recoñecemento dentro e fóra de Galicia reforza "o liderado creativo de Carballo".

Máis información e inscricións

  • Bases para o concurso de webseries
  • Bases para proxectos de webserie en galego
  • Formulario de inscrición.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios