Xabier Ron (AGE): “A Xunta entrega a dedo millóns de euros aos grandes grupos de comunicación galegos”


Falabamos onte con Montse Prado, voceira do BNG no Parlamento Galego, sobre o rexeitamento do PP á Lei de Publicidade Institucional proposta pola Asociación de Medios en Galego. Hoxe toca falarmos co deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xabier Ron, o outro grupo que suscribíu a Proposición de Lei da AMEGA, para analizar a decisión do goberno do PP.
Ron quéixase do esquecemento da Xunta sobre lei de publicidade institucional que o presidente comprometera, entre outras moitas ocasións, “no Debate do Estado da Nación do 15 de outubro de 2013, mais tamén en comisións parlamentarias ou en campaña electoral”. AGE, que asumíu como propia a proposición de lei redactada pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA) para que o Goberno regule con criterios transparentes as achegas que fai aos medios de comunicación. “Esta norma debe ser fundamental”, reflexiona Ron. “Debe regular a ética -e é triste que teñamos que regular a ética nunha administración- para non usar a publicidade como medio de propaganda e autobombo, xa que o único que quere facer é convencer á cidadanía dos logros do goberno”. A tramitación da proposta de AMEGA, que contou co apoio de todas as forzas da oposición parlamentaria, foi bloqueada polo Partido Popular grazas á súa maioría absoluta no Parlamento.
Verbo do diñeiro que a Xunta entrega aos grandes grupos de comunicación galegos en forma de campañas publicitarias, Xabier Ron sostén que “hai fontes que falan de millóns de euros que se entregan a dedo e logo é moi difícil seguirlles o rastro” xa que, entre outras cousas, o Executivo autonómico “divide os lotes para non superar o límite de diñeiro que marca a lei”. O deputado recolle a proposta da AMEGA e defende que “a distribución das axudas tense que facer con criterios de concorrencia, ben publicitadas e ben transparentes”.
Entre os argumentos para desbotar a proposición de lei de publicidade institucional desenvolvida por un feixe de pequenos medios que usan a lingua galega, o PP argumentou que teñen menos audiencia que os grupos mediáticos habitualmente beneficiados. Mais Xabier Ron explica que “as contías de diñeiro opaco van aos grupos de maior difusión porque crean esa roda e o monopolio informativo devora a pluralidade que debe existir en todo país”. “O peixe grande come o pequeno”, engade.
Dáse a circunstancia de que os medios beneficiados incumpren ademais os compromisos de uso da lingua galega no seu traballo. O portavoz de AGE neste debate explica que, en relación á promoción da lingua, “o diñeiro público que se pon en determinados medios é perverso”. Resolve que só serve “algunha nota na sección de cultura ou de educación, mais o galego está expulsado nos medios que reciben as axudas das notas de política, de economía, do que a cidadanía visualiza como o máis importante”.
Novas relacionadas
- Montse Prado: “O PP predica pero non practica a transparencia”.
- A Xunta vota en contra da transparencia nas axudas a medios de comunicación.
- A AELG premia á Asociación de Medios en Galego.
- AMEGA denuncia a exclusión de medios en galego das axudas institucionais.
- Construíndo o futuro dos medios en galego.
- A Amega denuncia a política de publicidade institucional da Xunta ante expertos europeos.
- A Asociación de Medios en Galego reclama máis transparencia cunha proposta de Lei de Publicidade Institucional.
- A AMEGA, en contra da devastación dos nosos montes.
- A Xunta comprométese a traballar coa Asociación de Medios en Galego.
- Un bo ano para os medios en galego.
- A Asociación de Medios en Galego presentouse aos catro Grupos Parlamentares.
- 17 de maio: A Xunta “pasa” do galego.
- En marcha a Asociación de Medios en Galego con participación costeira.
- Nace a Asociación de Medios en Galego coa presencia de QPC.
Fonte e máis información
- Nova da Asociación de Medios en Galego realizada por Radiofusion.