1ª Galicia: Fisterra, Baio e Dumbría empezan a ser temidos
00:30 03/12/18
Non se despegan da zona alta o Fisterra, en posto de promoción, e o Baio, cuarto clasificado, despois das súas vitorias de hoxe. Sobre todo meritoria a do Baio no difícil campo do Tordoia, así como a do Dumbría en Rianxo sobre a hora con gol de Cespón. O Soneira tras un gran partido ante o líder e a Esteirana no último minuto son a outra cara da moneda. Aínda por enriba ambos tiveron lesionados, Sito no Soneira e Rafa Piñeiro na Esteirana. Cando veñen mal dadas todo se xunta.
C.D. LALÍN 1 - S.D. ESTEIRANA 0
SD ESTEIRANA: Alex de Yi, Code, Simón, Samu Pensado, Rafa Piñeiro, Dani Rama, Maroñas, Alex Rama, Pablo Rama, Josiño Barreiro e Elías. Tamén xogaron Manu Tobío, Manuel, Adrián e Iker.
GOL: 1-0 95´Ferreiro
Dura derrota a da Esteirana no Manuel Anxo Cortizo de Lalín. Os de Geno perderon o encontro no minuto 95 despois de desperdiciar claras ocasións para levarse o partido. O campo estaba en bastante mal estado e iso condicionou o encontro. No primeiro tempo foi un choque igualado, sen ocasións. A Esteirana aguantou ben no segundo tempo ata o último cuarto de hora, no que se notou o esforzo sobre un terreo de xogo moi pesado, e a base de fútbol directo o Lalín buscou a vitoria. Nunha falta lateral levouse o premio e a Esteirana nin sacou de centro. O peor, con todo, foi a lesión de Rafa Piñeiro no xeonllo.
S.D. FISTERRA 3 - BERTAMIRÁNS F.C. 0
SD FISTERRA: Iván Bouzón, Julito, Andrés, Roco, Breixo, Aarón, Roa, Rubia, Pablo Lestón, Mané e Mackay. Tamén xogaron Dani Martínez, Edu, Pichino, Adrián Castro e Joselu.
GOLES: 1-0 8´Mackay de penalti 2-0 30´Mané 3-0 47´Mackay
Partido controlado de inicio a fin polos verdes. Nunha boa xogada de Mackay prodúcese o penalti que o mesmo dianteiro transforma para abrir o marcador. Co vento a favor o Fisterra foi un ciclón. Unha gran xogada de Mackay, con pase a Pablo Lestón que deixa co peito para Mané, e este metea na escadra. 2-0 ó descanso. E no Segundo tempo unha falta na frontal que anota Mackay sentenciou o encontro. O Fisterra esta de doce e parece practicamente imparable.
SONEIRA S.D. 2 - SIGÜEIRO C.F. 3
SONEIRA SD: Javi Souto, Samu Vázquez, Sito, Aarón, Alemán, Alex Taibo, Pichi, Sandelo, Agra, Basti e Adrián Pose. Tamén xogaron Fran e Darío.
GOLES: 0-1 15´Bautista 1-1 18´Basti 2-1 35´Sito 2-2 57´Jorge 2-3 75´Adán
Gran partido do Soneira sen premio e por enriba coa lesión de Sito, un dos puntais da defensa. Nada máis empezar Aarón puido facer o 1-0, pero o gardameta visitante faille un paradón. Adiántase o Sigüeiro á saída dun córner. Iguala Basti e Sito completa a remontada. A baixa de Sito notouna o conxunto de Pedro Gómez. O líder remontou o encontro no segundo tempo. Co 2-2 o Soneira falla un man a man e Adán, o de Louro, mete o terceiro dos visitantes. Co Soneira volcado o Sigüeiro ten dous balóns ós paos para sentenciar.
TORDOIA C.F. 0 - C.D. BAIO 3
CD BAIO: Dani Varela, Isaac, Yago, Alex Figueiras, Damián, Norberto, MC, Bieito, Iván Rojo, Rubio e Peque. Tamén xogaron Sergio, Josiño e Pablo
GOLES: 0-1 57´Iván Rojo 0-2 85´MC 0-3 88´MC
Vitoria baiesa dedicada a Fachal, no difícil terreo de xogo do Tordoia, unha das revelacións do campeonato. Tivo que sufrir no primeiro tempo, onde Dani chapoulle dous mans a mans a Denis. Pero despois do tempo de lecer o gol de Iván Rojo abriu a lata, e a partir de ahí o contragolpe do Baio foi mortal. Sergio e MC puideron facer o segundo, e foi MC aproveitando un rexeite do penalti lanzado por el e un man a man o que sentenciou o encontro.
C.D. UNIÓN 1 - C.F. DUMBRÍA 2
CF DUMBRÍA: Iván Baña, Canario, Matías, Iago, Marcos Mouro, Alberto, Rivi, Marcote, Cespón, Darío e Yuyo. Tamén xogaron David, Xabi e Charly.
GOLES; 1-0 36´Juan 1-1 70´Darío 1-2 90´Cespón
O Dumbría trouxo tres puntos de ouro de Rianxo, remontando no segundo tempo un encontro que se lle puxera costa arriba. Un gol de Juan adiantou ós locais á media hora. A expulsión do local Manu Vigo axudou a un Dumbría volcado en busca do empate. Empatou Darío Capelo, e foi un dos veteráns de guerra, Diego Cespón, o que sobre a hora anotou o tanto que dou o triunfo os de Julián.