Sábado. 12.10.2024
El tiempo

2ª Autonómica: O Nantón afunde

2ª Autonómica: O Nantón afunde
Xornada 29 e as cousas seguen apretadas por arriba e por abaixo. Por arriba Club do Mar e Camariñas non perdoan, mentres que a loita máis intensa segue pola 3ª e 4ª praza. O Fisterra non pasaba do empate en Buño e ve como o Malpica, que superaba con apuros á Esteirana, se coloca a 1 só punto. Corme e Baio, que vencen xa por inercia, seguen de preto, ao igual que o Muros, que perdía en Sofán. Pero a cousa tamén está quente por abaixo, cun Nantón desquiciado que perdía un dos últimos vagóns da permanencia. Os cabaneses caían ante o pechacancelas tras ir vencendo 0-2, e quedan a 4 puntos dun Zas tamén en apuros, pero que conta co golaverage individual a favor. Así, o Corcubión daba un paso de xigante superando ao Castriz, que co Mazaricos non se pode despistar ante unha posible reacción do Nantón.

Buño - Fisterra (0-0)

  • BUÑO: Brais, Eloy, Ángel, Diego, Brais San Luís, Jorge, David (Emilio, min.60), Ismael (Miguel, min.75), Juan (Richard, min.80), Elías e Víctor.
  • FISTERRA: Joselu, Munitis, Manuel, Cote, Pana, Gus, Eddy (Cristian Hidalgo), Guardiola (Bruno), Rivas (Mané), Marco do Cabo e Dudo.
Partido disputado, sen un dominador claro con opcións para os dous equipos pero non materializaron rematando en empate. 7 baixas de titulares no bando fisterrán condicionaban o partido. Gus avisaba cun tiro que paraba un defensa de baixo dos paos, e Marco do Cabo con outro que parou o porteiro Brais. Os locais tamén tiveron as súas, como un centro de Elías dende a esquerda que non chegou Juan. E na última xogada os fisterráns pediron un gol pantasma que puido significar a vitoria, pero o colexiado entendeu que o balón non traspasara a liña de gol.

Corcubión - Castriz (3-2)

  • CORCUBIÓN: Cristian, Paulo, José de Atalaya, Sancho, Senra, Gabriel (Papi, min.90), Lema, Conguito, Mario (David de Muxía, min.75), Alán e Lourido.
  • CASTRIZ: Herrera, Sergio Pose, Sergio Gerpe, Toniño, Michi (Rubén, min.65), Bruno (Pablo, min.60), Toño, Martín, Jonhie, Pepe e Sebas.
  • Goles: 0-1, min.15: Sebas; 1-1, min.26: Lourido; 2-1, min.55: Lema; 2-2, min.68: Pepe; 3-2, min.89: Lourido de penalti.
  • Expulsión: o corcubionés Conguito no min.80 por sacar rápido unha falta, e o xalleiro Toniño no min.89 co penalti por protestar.
Partido importante da zona baixa decidido cun penalti no min.90 co 2-2 no marcador. Un penalti sobre David de Muxía, moi protestado polos xalleiros, que ademais protestaron unha posible expulsión 5 minutos antes dun corcubionés. Foi un partido vibrante, sen dominador claro, con alternativas no xogo e no marcador, que parecía decantado ao empate. O Castriz controlaba o medio campo, sobre todo por arriba, e se colocaba por diante por medio de Sebas. Respostaba Lourido aos 25 minutos e Lema aos 10 da segunda para darlle a volta ao marcador. O Castriz, con 3 baixas sensibles atrás conseguía empatar de novo e Pablo tivo unha dentro da área pequena co 2-2 que salvou providencial Cristian. Xa no min.88 chegaba a xogada clave.

O Pindo - Nantón (3-2)

  • O PINDO: Juan Vilela, Diego Trillo (Riolo, min30), Juan Fis, Alex, Pablo, Manolito, Lolo, Javi, Bicho (Carlos, min.70), Carlos Leis e Diego León.
  • NANTÓN: Ernesto, David, Martín, Diego, Sito, Carlos Vidal, Fabio (Rubén, min.60), Cristian, Luís, Manolo e Iván.
  • Goles: 0-1, min.1: Manolo remachou unha vaselina de Luís que petou no longueiro nunha mala saí de Juan Vilela; 0-2, min.30: Manolo; 2-1, min.35: Bicho; 2-2, min.44: Bicho de cabeza; 3-2, min.75: Carlos aproveitando un balón morto.
  • Expulsión: o local Carlos no min.90. O club carnotán asegura que ante unha pregunta de por que fóra expulsado, este díxolle "Por me dá a min a gana".
O Nantón está afundido. Proba delo foi a derrota de onte, tras poñerse con 0-2 en Lombáns. Pero en fronte estaba un equipo que non se entende que só sume 10 puntos, pois xogou moi ben o balón, estivo ordenado, e entraba con moito criterio e perigo polas bandas. Comezou o Nantón impresionante, 0-1 ao primeiro minuto, e 0-2 á media hora. Contaron ademais con 3 ocasións de Iván, que parou Garrido, outra de Luís e outra de Manolo que dubidou e marrou. Pero deixou vivo ao PIndo, que resucitou ao fío do descanso cun Bicho que vale para todo. Na segunda saíu o Pindo a por todas e deron a volta no marcador ante un Nantón que desapareciu nos segundos 45 minutos. E iso que os locais protestaron a actuación do colexiado e mesmo fallaron un penalti por medio de Diego León no min.60. O Nantón queda moi tocado tras esta derrota e vé ademais como perde a Cristian para o resto da temporada pois marcha a Suiza a traballar.

Club do Mar - Dumbría B (4-1)

  • CLUB DO MAR: Gonzalo, Repi, Álex, Chori, Rubén (Manu, min.65), Johnny (Pincho, min.75), Juan Lareo, Chapu (Diego, min.80),Bertín (Brais, min.65), Santi Silva (Fran Borrazás, min.45) e Vituco.
  • DUMBRÍA B: Anxo (Sergio, min.75), Dito, José Carreira, Samuel, Tantán, Chucho, Riki, Pablo Conde (Marco, min.66), Fernando (Álex, min.70), Miguel Poyo e Ivanete.
  • Goles: 1-0, min.25: Vituco; 2-0, min.30: Vituco; 3-0, min.50: Bertín; 3-1, min.55: Miguel Poyo; 4-1, min.60: Rubén.
Cruzábanse a liña implacable do líder coa liña descendente deste Dumbría B que está a sufrir as necesidades do A e dos xuvenís. E o resultado foi claro, malia que os visitantes defenderon con valor sempre intentando saír á contra. Pero dúas xogadas de picardía de Vituco á media hora sentenciaron o choque. Na segunda o partido igualouse e o Dumbría B tivo ocasións para recurtar, malia que o partido nunca perigou.

Malpica - Esteirana (2-0)

  • MALPICA: Suso, Charly, Marcos Amado, Iago, Dani, Rancaño (Manu Pardo, min.67), Daniel (Neucha, min.73), Charro (David Álvarez, min.88), Pablo, Tato e David Blanco (Gonzalo, min.90).
  • ESTEIRANA: Beni, Codesido, Simón, Dani Rama, Maceiras (David, min.69), Adrián (Ángel, min.79), Álex, Yago, Roberto Pladur, Adelino e Isma.
  • Goles: 1-0, min.15: Tato de falta rasa; 2-0, min.50: Pablo de penalti cometido sobre Charoo.
Dous erros dos visitantes en sendas xogadas a balón parado, un regalo do porteiro e un penalti inútil, foron claves para a vitoria malpicá. Un Malpica que foi superior en todo momento, cun equipo moi ordenado e mandando no xogo. Pero a Esteirana tam-én tivo as súas opcións por medio de Roberto Pladur tras sendos pases de Adrián e de Adelino, que precisamente tamén probaba a balón parado cunha boa falta directa que rexeitaba de puños Suso. Así o Malpica só puido marcar a balón parado, cunha boa falta de Tato e cun penalti transformado por Pablo.

Corme - Zas (3-1)

  • CORME: Javi, Adolfo, Alejandro, Jesús, Pandi, Brais (Abel, min.67), Juan, Adri (Antonio, min.89), Alejo (Chino, min.88), Lucas e Diego (Lelo, min.75).
  • ZAS: Elías, Pereiro (Quintáns), Mancebo, Dani, Oliver, Amado (César), Rubio, Ismael (Kevin), Lagoa, Peque e Pastor (Pablo Fuentes).
  • Goles: 1-0, min.4: Alejo tras un balón longo; 1-1, min.23: Ismael; 2-1, min.42: Juan Chans; 3-1, min.85: Alejo cun golazo dende lonxe e pola escuadra tras coller o balón no medio campo.
Xa gaña o Corme por inercia, e onte, nun encontro no que puido gañar calquera, a eficacia de Alejo e a falta de acerto de Rubio marcaron a diferencia. Os goles chegaron en momentos clave ademais, un gol ao principio e un ao final do primeiro e do segundo tempo, que mataron pouco a pouco aos de Corredoira. O Corme, ben organizado, e moi acertados, aproveitaron a volta de Alejo para sacar 3 puntos e manterse na loita. A chave foron, co 1-1, dúas ocasións de Rubio que non puido definir ante un fantástico Javi, que puideron cambiar o rumbo do partido. Na segunda, con 2-1, unha falta de Lagoa estrellouse na cruceta, noutra das mellores ocasións dun Zas que estivo moitos minutos presionando o Zas pero sen eficacia. Cómpre destacar no Corme o debut de Brais, de 24 anos, que levaba un par de anos sen xogar, primo de Lucas e con tanta calidade coma el. Notou tamén o Corme a alta de Alejo que volvía, e o facía con dous bellos tantos, sumando xa 20 goles en 14 partidos. Iso si, Lucas será baixa para Muros.

Sofán - Muros (3-1)

  • SOFÁN: Richard, Adrián, Meni, Juanjo, Gus, Eloy, Abel (Pensado, min.30), Suso, Álemán, Victor e Jacobo.
  • MUROS: Fabio, Alberto, Veloso (Marco), Mayuyo, Javi, Gelo, Yanki, Jesús (Adrián), Aitor, Óscar e Sexo.
  • Goles: 1-0, min.3: Eloy de falta; 2-0, min.33: Alemán tras un córner; 2-1, min.43: Aitor de falta directa; 3-1, min.70: Iván Rey.
  • Lesión: o local Abel.
Partido soso, con moitos balóns aéreos, e moi duro, sen moitas ocasións, no que os 4 goles chegaron a balón parado. Un "atraco" ademais segundo aseguran en Muros, que xa protestaron o gol inicial por non considerar que a falta que precede ao gol foi inexistente. O Muros tivo poucas ocasións, pero claras, como un tiro ao longueiro de Jesús, con 1-0, que tamén fixo lucirse ao porteiro local. Recurtaba na segunda o cadro muradán e intentaba o empate, e cando máis acosaba chegou a sentencia cun gol de Iván Rey, tras un aviso de Víctor e outro de Suso que cede a Víctor pero que non chegaba ca porta baleira.

Camariñas - San Lorenzo (5-2)

  • CAMARIÑAS: Pablo, Manuel, Sergio, Diango, Nico, Paco (Ismael, min.80), Moriño (Saviola, min.82), Brais, Javi, Alberto Ogando (Martín, min.81) e Yuyo (Nené, min.75).
  • SAN LORENZO: Sergio, Tono, Puñal, Anxo, Casillero, Quillo, Cachizo, Jorge Pichel (Miguel Varela, min.55), Carlos (Chucho, min.55), Bolón (Javi Pensado, min.46) e Bartolo (Gabi, min.46).
  • Goles: 1-0, min.12: Yuyo a pase de Javi; 2-0, min.30: Javi de volea; 2-1, min.45: Jorge Pichel á contra; 3-1, min.57: Brais; 4-1, min.75: Yuyo; 5-1, min.80: Javi; 5-2, min.84: Cachizo.
Non o tivo fácil o Camariñas que se resiste a darlle o título ao Club do Mar. A pesar das baixas o equipo de Pepucho segue sumando de 3 en 3, e onte puido cun ordenado e serio San Lorenzo no que debutaban os Tono e Gabi. Comezaba pegando o Camariñas que se colocaba 2-0 con goles de Yuyo e Javi. Pero os de Verdillo recurtaban antes do descanso collendo á contra aos locais. Intentouno á saída do segundo tempo o San Lorenzo, pero estivo firme o Camariñas, aguantou a embestida inicial e sentenciou ao cuarto de hora vun golazo de Brais, e dous máis de Yuyo, o xuvenil que xa vai collendo protagonismo coma Nené, e Javi.

Baio - Mazaricos (4-1)

  • BAIO: Manuel, Ramón, Matías, Fredi, Mario, Martín, Fachal, Javi Suárez (Lucas, min.75), Canai, Bieito (Eloi, min.70) e Alberto.
  • MAZARICOS: Juan, Casais, Marcos, Chico, Matías, Ramón, Esteban Pereiro (Oreiro, min.74), Iván, Aldo (Kevin, min.46) (Cristian, min.55), Brais e Estéfano (Molinos, min.79).
  • Goles: 1-0, min.25: Javi Suárez; 2-0, min.44: Javi Suárez de penalti; 2-1, min.50: Kevin: 3-1, min.80: Lucas; 4-1, min.85: Canai.
  • Expulsión: o mazaricán Ramón no min.60.
  • Lesión: o baiés Javi Suárez tras unha dura entrada e o mazaricán Kevin cun problema gordo no xeonllo.
Non foi o mellor partido do Baio pero este equipo tamén gaña partidos por potencial. O Mazaricos prantexou un partido bronco, e se empregou con dureza, pero non puido parar o potencial baiés. Ademais, os visitantes protestaron a actuación arbitral, sobre todo o penalti que foi un gol clave antes do descanso. Chegaba o penalti xa co 1-0, obra de Javi Suárez, que non remataba o partido tras varias entradas duras. Pero non sentenciou o Baio ata os últimos 10 minutos co gol do pequeno Lucas, que debutaban e de Canai. Un Baio ademais celebrou o 50º gol de Cristian e o 36º de Santi Díaz en cadetes, un par de potencias que seguiremos de preto.

Máis información

Crónicas da semana

Nova relacionadas

Fonte

Comentarios