A Pipa: A última xornada do ano trouxo o liderato para un Corme que aproveitou o pinchazo do Baio
18:45 20/12/16
A última xornada do 2016 pechouse na Liga da Costa co liderato en solitario para un Corme que soubo aproveitar o pinchazo do Baio para acabar como líder en solitario. En Primeira, suma e segue do Dumbría, e éxitos para os outros tres representantes costeros. En Preferente, tripla coroa, con Xallas e Sofán afianzados na zona nobre da clasificación. E en Terceira, non cede o Muxía con Ameixenda e Lira en ascenso.
O Corme rematou o ano en Buño como líder-Foto-Fin Lema
En Buño, o Corme mostrou o seu potencial e deixou visto para sentenza o choque antes do descanso, con dous tantos do seu goleador Alejo. O comezo da segunda metade trouxo o novo tanto do trigoleador(que xa leva 26), que coloca aos cormeláns como líderes en solitario e deixa ao Buño na zona perigosa, un punto por encima do descenso.
Non puido o Baio superar o traballo de contención realizado polo Cerqueda no Pratas Reinoso, que lle valeu para sumar un punto e restarlle dous aos de Pedro Gómez. O dominio dos locais foi absolutamente infrutuoso, pois os visitantes permitiron moi poucas ocasións de gol aos baieses, pese ao seu acoso á meta do Cerqueda.
Suma e segue do Mazaricos que no encontro da xornada, venceu con comodidade a un San Lorenzo que se afasta dos tres primeiros postos. O once amarelo puxo terra por medio antes do descanso, cun 2-0 que aclaraba o panorama, e aínda que o once de Verdillo acurtou distancias á hora de xogo, os pupilos de Néstor materializaron un terceiro tanto que deixaba aos visitantes sen opcións.
Vitoria cómoda, a pesar do resultado final de 2-1, do Ponteceso sobre un Baiñas que termina o ano a cinco puntos da salvación, compartindo o farolillo vermello co Laxe. Dous goles na segunda metade puxeron o marcador nun cómodo 2-0, para recortar no tempo de desconto os verdes mercé a un penalti que puxo un pouco de emoción ao partido.
O Laxe segue sen gañar pese ao cambio de adestrador, e ante o Malpica volveu sumar unha derrota, con tres goles dos pupilos de Repi na segunda metade, recortados por Eloy cando restaban quince minutos, que deixan ao Malpica na oitava praza, a dous puntos do Camariñas.
En Esteiro, triunfo do once de Lodeiro sobre un Porteño que non escapa da zona perigosa, da que se afasta, en dous puntos, a Esteirana. Malia chegar ao descanso con desvantaxe, o once local remontou o partido cun tanto no último minuto de xogo, deixando aos visitantes compuetos e sen puntuar.
Tres goles de Soule deron un cómodo triunfo ao Camariñas no seu duelo cun Corcubión que finaliza o ano en zona de descenso directo. Dous tantos na primeira metade deixaban case resolto o choque, e o terceiro, a falta de doce minutos, freaba todas as ilusións visitantes de lograr algo positivo no Irmás Patiño.
Recupera boas sensacións o Cee co seu triunfo en Castriz ante un once local que ocupa a sétima praza da clasificación. Dous tantos na segunda metade, cun Cee ben plantado sobre o terreo de xogo, deron os tres puntos en disputa aos xogadores preparados por Rafa Suárez, e deixan aos rossoneri fóra de lalucha polos postos de privilexio.
O Monte Louro, baixo a diestra batuta de Oscar Leis, realizou un gran encontro ante o Coristanco, vencendo por un resultado dos de antes 5-3, premiando o facer dos atacantes e penando ás defensas. Os locais deixan a zona de perigo a sete puntos de distancia, mentres que os verdes están un punto por encima do descenso directo.
Triplo triunfo en Preferente
Sofán, Xallas e Soneira sumaron triunfos na última xornada do ano, que deixa aos xalleiros a tres puntos da promoción, na sexta praza, dúas por encima do Sofán, na tempada da súa debut en Preferente, e ao Soneira sacando a cabeza do pozo do descenso, empatado a puntos co Arzúa e un por encima da Sarriana.
No Carral, dous goles de Luís e un de Quintela asinaron o cómodo triunfo rojillo ante un Escairón afianzado na zona media da clasificación e que é superado na mesma polos pupilos de Josito. O dominio local tivo o xusto premio, e o triunfo puido ser maior de estar os seus atacantes n pouco máis acertados.
Sufriu o Soneira no debut de Víctor Pazos no seu banquiño, e só unha gran actuación do meta Anxo, detendo un penalti favorable ao Viveiro no minuto 90, unida ao gol de Dani Casal, aos 16 minutos de xogo, bastaron para que os tres puntos quedásense no taboleiro de quen máis o necesitaba para escapar da queima.
Un solitario tanto de Róber Pládur, no minuto 76, outorgou un merecido éxito ao Xallas no terreo do Galicia de Mugardos, e iso que o equipo de Iván Cancela tivo que xogar desde o minuto 62 con dez homes pola expulsión de Kevin. Pese a iso, a magnífica disposición sobre o terreo de xogo foi suficiente para que os verdes sumasen o triunfo en Mugardos.
A nova da xornada estivo na Estrada, onde o Estudiantil rompeu a imbatibilidade do Noia, outrora conxunto da Costa, aínda que os noieses manteñen unha cómoda vantaxe á fronte da táboa clasificatoria, con cinco puntos de vantaxe sobe as súas verdugos.
Todo positivo en Primeira
Si foi boa a xornada en Preferente, non o foi menos en Primeira, onde Dumbría, Fisterra e Outes gañaron e o Sporting Zas empató a domicilio.
Os líderes venceron nun gran partido ao Atlético Riveira, cun 4-3 moi merecido, pois o terceiro tanto visitante foi no último minuto da contenda. Os locais terminan o ano con sete puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Agolada, colchón importante no seu afán de retornar a Preferente.
En Fisterra os pupilos de Nacho Barreiro sumaron un balón de osíxeno co seu triunfo por 2-0 ante o Val do Ulla, ao que deixan moi preto da zona de descenso, da que separan aos verdes sete puntos.O mellor xogo e control do partido dos locais obtivo o premio merecido da vitoria.
En Silleda rompeu o seu racha de derrotas o Outes, co primeiro éxito trala chegada de Alfredo Cambeiro ao banco blanquinegro, cun tanto no último minuto da contenda, que deixa aos da Serra a catro puntos da permanencia e permítelles soñar coa remontada na segunda volta.
Para rematar, importante punto positivo para o Sporting Zas no debut de Pablo Mallón no banco. Os zasences, con moitas e notables ausencias nas súas filas, souberon controlar á perfección as embestidas do colista e puideron sacar maior botín, finalizando o ano con tres puntos de vantaxe sobre a zona de descenso.
Muxía afiánzase; Ameixenda e Lira soñan co ascenso
En Terceira, o Muxía, con moitísimo e evidente sufrimento, sumou os tres puntos no campo do Volantes de Baños, en Muros, cun 0-1 que coloca aos muxiáns cada vez máis preto do ascenso á Liga da Costa, con oito puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado.
Golpe sobre a mesa de Ameixenda, que logrou un triunfo importantísimo de cara a contar coa vantaxe da volta en casa no play-off de ascenso, superando a un Nantón ao que avantaxa en sete puntos e ao que afasta dos postos que teñen o factor campo a favor no play-off.
Da mesma xeito atópase o Lira de Manín, que soubo vencer con comodidade ao Sporting Seaia en Carnota. Un 3-0 que deixa aos lirachos como terceiro clasificado, a tres puntos do Ameixenda e catro por encima do Nantón.
Non cede o Castrelo, que se aproveitou da derrota do Volantes para levantarse á quinta e última praza que dá opcións de ascenso, trala súa vitoria cómoda sobre o farolillo vermello, Camelle, que termina o ano con só un triunfo no seu casillero tras catorce xornadas disputadas.
Para rematar, e xa sen nada en xogo prácticamente, o filial do Outes afasta definitivamente da zona de privilexio ao Cabana, ao que derrotou a domicilio por 3-4 e ao que supera na táboa clasificatoria en dous puntos.
E chegamos ao final do ano 2016. Agora, a todos tócalles descansar, cargar pilas e reflexionar ante un 2017 que seguro que traerá máis emocións, alegrías e tristezas, como sempre pasa. A todo o fútbol da Costa, unhas felices festas navideñas e un 2017 cheo de éxitos, triunfos e, sobre todo, que sexa mellor deportiva e personalmente falando, con esa gran nova comunicada na última Asemblea da Federación Galega de Fútbol coa posta en marcha da tan demandada Sé federativa para A Costa, que se inaugurará próximamente na localidade futboleira por excelencia como o é Baio.
- Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A Pipa de Corredoira
- X.15: Non fallaron os catro primeiros clasificados; o derbi Cerqueda-Malpica, para os visitantes.
- X.14: Mazaricos e San Lorenzo mostran as súas credenciais para acosar aos líderes.
- X.13: Tralo primeiro gran duelo, “a vida segue igual”.
- X.12: Lilo substitúe a Adrián Lema no Laxe; Alfredo Cambeiro chega ao Outes.
- X.11: Igualdade polo título e polo descenso, tras unha xornada marcada por unha suspensión.
- X.10: Amplíanse as distancias entre os líderes e os seus inmediatos perseguidores na Liga da Costa.
- X.9: Corme e Baio quédanse sos á fronte da clasificación na Costa.
- X.8: Corme e Baio seguen pelexando polo liderado.
- X.7: O Corme recupera a primeira praza da clasificación ao perder o Baio en Camariñas.
- X.6: O Baio aúpase ao liderado no seu partido 800 partidos na Liga da Costa.
- X. 5: Ponteceso e Baíñas, en sorprendente caída tras un comezo prometedor.
- X.4: O Laxe suma o seu primeiro punto e frea a marcha do Castriz.
- X.3: Un sorprendente Castriz aúpase ao liderado na Costa.
- X.2: O Corme, con paso firme.
- X.1: Arrincou a Liga da Costa co Corme como primeiro líder.
Fonte
- Manuel Corredoira ([email protected]).