mércores. 26.03.2025
El tiempo

A Pipa: A unha vitoria da gloria

A Pipa: A unha vitoria da gloria
Felicidade no Baio - Foto: CD Baio A un triunfo de alcanzar os campionatos de 1ª e 2ª Autonómicas atópanse Dumbría e Club Deportivo Baio, respectivamente, regresando ás categorías perdidas un ano antes por ambos conxuntos. O domingo podería estalar a festa no Conco e no Pratas Reinoso coas visitas de Tordoia e Porteño, que intentarán a sorpresa e que teñan que atrasar unha semana o seu título e ascenso. Na Liga da Costa, nesta última xornada, sobresaíu, por encima de todo, a nova derrota do Corme, que en quince días pasou de ser o máximo rival do Baio na loita polo título, á terceira praza da clasificación, superado por un San Lorenzo imperial, e empatado a puntos co Mazaricos. Os cormeláns viron como unha renacida Esteirana, que parece outro equipo trala chegada de Rober Pladur, lles vencía por 2-3 no Cairo, dando un paso moi importante de cara ao súa permanencia na categoría. Quen non cede no seu afán de conseguir a súa presenza na promoción de ascenso é o San Lorenzo, que non deu ningún tipo de opción ao descendido Laxe, endosándolle un forte 0-8 no seu propio terreo, que coloca aos de Óscar Suárez na segunda praza da clasificación, un punto por encima dos perseguidores Corme e Mazaricos. Estes souberon sacar adiante o seu compromiso ante o Baiñas e seguen pugnando pola promoción, vencendo aos de Vimianzo por 2-0, con dous goles na primeira metade, que deixaron sen opcións aos verdes, que prácticamente teñen asegurada a súa permanencia. O Baio deu todo un recital na segunda metade en Corcubión, pois ninguén podía prever o 1-5 final, logo de chegarse ao descanso con 1-0 para os locais, pero nos segundos corenta e cinco minutos os pupilos de Pedro Gómez se desmelenaron e alcanzaron un resultado inapelable, que lles coloca a un triunfo do título e ascenso. Por abaixo, o Porteño fixo saltar a banca ante o Malpica, ao que endosou un claro 4-1, con tres goles na segunda metade, tras chegarse ao descanso con 1-1 no marcador. Os azulgranas empatan na táboa co Coristanco, aínda que de momento sigan en posición de descenso directo. O duelo entre Coristanco e Buño saldouse cun reparto de puntos que non satisfixo a ningún dos dous, pois seguen en situación moi incómoda na táboa, separados por tres puntos, e mirando moi atentamente os descensos en cascada, que actualmente darían co Sporting Zas e Outes en Segunda e a Coristanco e Buño, en Terceira. Virtualmente asegurouse a permanencia o Montelouro na categoría co seu triunfo ante un Castriz que, de ser un dos grandes animadores da competición, vese en situación moi incómoda na táboa, cos descensos en cascada ameazándolles cando parecían ter todo solucionado fai varias xornadas, pero unha racha tremendamente negativa, con seis derrotas consecutivas e catro puntos de trinta nos últimos dez partidos. O Cerqueda venceu nun partido moi igualado e disputado ao Ponteceso, celebrando deste xeito o seu consolidación na categoría, tras unha campaña excelente dos pupilos de Raúl Periscal. Tamén estivo a gran altura o Ponteceso, ao que os últimos resultados non poden empañar un gran campionato dos xogadores preparados por Barca. Tamén deu un paso importante para a permanencia o Cee, que derrotou con claridade a un Camariñas que, tras cinco xornadas puntuando, viu como os homes de Rafa Pais sacaban adiante o choque con máis comodidade da esperada. Os dous equipos parecen ter case consolidada a súa estancia na Liga da Costa un ano máis. Na próxima xornada, ademais do choque do Baio ante o Porteño, onde os locais poden cantar o alirón, aínda que o Porteño seguro que lles poñerá as cousas moi complicadas, sobresae o encontro que medirá a Castriz e Coristanco, coa zona de descenso ameazando a ambos conxuntos, especialmente aos visitantes. O San Lorenzo, que recibirá ao Baiñas; Mazaricos, que rende visita ao Montelouro, e Corme, que visita ao Camariñas, buscarán os puntos que lles manteñan vivos nesa loita por entrar na promoción de ascenso. Por abaixo, ademais do duelo entre Castriz e Coristanco, sobresaen o Buño-Cee e o Esteirana-Corcubión, onde os puntos vólvense vitais para os obxectivos dos catro conxuntos. O derbi malpicán entre Malpica e Cerqueda chega con tranquilidade absoluta para ambos conxuntos, separados por tres puntos na clasificación, e que debe de resultar unha festa para as dúas afeccións. O Ponteceso é claro favorito ante un Laxe que tirou a toalla fai moitas xornadas.  

Derbi importante en Outes

En Primeira, a última xornada deixa ao Dumbría con prácticamente os dous pés en Preferente, e o seu triunfo en Lalín, incuestionable, fai que cun punto na próxima xornada, ante o Tordoia no Conco sexa suficiente para o retorno, un ano despois, dos pupilos de Julián Ferreiro á categoría perdida. Sporting Zas e Outes sumaron senllos empates lonxe de casa, que lles serven para manter as súas ilusións de permanecer un ano máis en Primeira, máis complicado para os zaseiros e un pouco mellor para os blanquinegros, que ten un calendario máis favorable, con dous partidos en casa, ante dous rivais directos, Sporting Zas, este domingo, e Silleda, rendendo visita na última xornada a un Villestro colista e descendido. O Zas, pola súa banda, visita ao Outes, recibe ao Villestro e termina a Liga en Piloño, necesitando sumar os nove puntos para poder ter opcións de saír do descenso directo e esperar aos arrastres que se poidan producir. O Fisterra, pola súa banda, empató co Agolada, facendo un favor ao Dumbría, e na próxima xornada poden favorecer a os intereses de Outes ou Sporting Zas recibindo en Ara Solís a un Silleda inmerso nesa zona de perigo de descenso.

O derbi de Santa Comba, para o Sofán

Con todo xa practicamente resolto pero con bastante tensión sobre o céspede de Fontenla, Xallas e Sofán disputaron un encontro que lle vale aos sofanistas, vencedores por 0-3, para acariñar a permanencia absoluta na categoría, pois tres puntos, nas cinco xornadas que restan, deixarían aos pupilos de Josito fose de todo perigo por arrastres (4) que se poden producir. O Xallas pouco puido facer para frear o triunfo dos visitantes, aínda que gozou de oportunidades como para lograr un mellor resultado. Antes de comezar o encontro, toda a familia do Xallas quixo enviar unha mensaxe de ánimo e apoio ao seu presidente, José Manuel Pérez Gorgal, e á súa esposa, Elena, que se atopan en Valencia por motivos persoais. Complícaselle a permanencia ao Soneira, que perdía nos últimos minutos por 1-3 ante o Laracha, nun choque onde os pupilos de Víctor Pazos sufriron a expulsión de Rubén Forján e dous goles nos minutos 88 e 90 que lle deixan sen dous puntos moi valiosos de cara a alcanzar a permanencia. Na próxima xornada, os de Vimianzo renderán visita ao Polvorín, cuarto clasificado e que busca a promoción de ascenso, mentres que o Sofán recibirá no Carral ao Paiosaco, que está inmerso en optar aos postos de promoción e o Xallas rende visita a un Chantada que intenta saír do descenso directo.  

Lira e Ameixenda, polo ascenso

Polo que respecta á fase final de Terceira Autonómica, Ameixenda e Lira fixeron bos os pronósticos e lograron o pase á final do play-off, repetindo triunfo os ceenses sobre o Volantes de Baños (2-0), e os lirachos por 4-1 ante o Nantón. A final, a dobre encontro, comezará esta fin de semana en Lombáns, tendo o seu desenlace dentro de quince días en Lira, cos dous conxuntos ilusionados por lograr o salto á Liga da Costa.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios