Martes. 30.04.2024
El tiempo

A Pipa: Fútbol de piscina

A Pipa: Fútbol de piscina
Xornada pasada por auga no Eleuterio Balayo Xornada pasada por auga, como vemos no campo muradán do Eleuterio Balayo A xornada do fin de semana nas competicións costeiras trouxo resultados para todos os gustos pero, por encima de todo, trouxo partidos pasados por auga, no primeiro gran aguacero da tempada, que condicionou, e moito, o bo desenvolvemento dos diferentes encontros disputados ao longo do domingo, especialmente. Unha nova demostración de que son varios os campos, como San Andrés, que necesitan unha remodelación do seu céspede artificial. Campo-piscina de San Andres Campo-piscina de San Andrés

Liga da Costa

En 2ª Galicia, o líder, Mazaricos, superou por 4-1 a un Volantes que chegaba ao Pino do Val nun bo momento de xogo e resultados, pero os amarelos non lle deron opción, sabedores, sobre todo, do que estaba sucedendo en Ponteceso e Muros, onde os seus dous perseguidores non foron capaces de sumar de tres en tres, o que deixa aos mazaricáns á fronte da clasificación con tres puntos de vantaxe sobre o Corme. Precisamente os pupilos de Ángel non foron capaces de manter a súa vantaxe no marcador en Muros, ante un once local moi esixido na clasificación. Nun campo que máis parecía unha piscina, o Corme adiantouse no marcador ata en tres oportunidades, respondendo o once local ata alcanzar un merecido e traballado empate a tres tantos. Non o tivo nada fácil o Ponteceso para sumar puntos no seu choque ante o Monte Louro. Os homes preparados por Oscar Leis adiantáronse cun 0-2, un gol na primeira metade e outro no minuto inicial da segunda, que facía presaxiar a sorpresa no Pinguel. Pero, na segunda metade, os locais sacaron forzas e lograron empatar a contenda no último minuto da mesma, cun tanto materializado por Luca, sendo anulado un tanto a Charro por fóra de xogo. Gran triunfo do Cerqueda no seu terreo ante un Muxía que se atopou cun penalti en contra ao minuto de xogo, transformado por Dani, que deixou moi tocado ao once de Adrián Lema, que viu como, antes do descanso, o mesmo Dani, e novamente desde os once metros, poñía terra por medio. Na segunda metade, o Muxía foi o posuidor do balón, pero a boa organización defensiva dos pupilos de Raúl Periscal foi válida para que o resultado non se alterase. Sentenciou a contenda o Baiñas na primeira metade, na que se adiantou moi pronto no marcador e, cando parecía reaccionar o Lira, acurtando o 0-2 aos 22 minutos, un despois Pablo Muiño poñía terra por medio, e ao descanso chegaríase cun rotundo 1-5. Os locais competiron ata o 1-4, pero a partir dese instante, e cun campo anegado de auga, baixaron os brazos e todo foi carne sen ósos para os verdes. O derbi en Sampaio de Refoxos trouxo a vitoria do Unión Club Cee sobre o Ameixenda por 0-2, nun choque onde os ceenses decantaron a contenda na segunda metade, con dúas tantos obra de Luís Lojo e Chema, ante un gran número de afeccionados que se deron cita no recinto municipal. O partido foi de dominio visitante e contras locais ata o 0-1 e, tralo gol, o Ameixenda buscou equilibrar conténdaa pero o Cee mostrouse moi sólido, facéndose cos tres puntos en xogo. Outro encontro disputado nun campo que máis parecía unha piscina foi o disputado en Zas, onde o Sporting sufriu, e moito, para conseguir empatar unha contenda que se lle puxo moi costa arriba co 1-2 favorable aos pupilos de Chema Rivadulla antes do descanso. Na segunda metade, un erro da zaga visitante propiciou o empate local e, tras este, o Buño buscou o tanto do triunfo e atopouse co bo labor defensivo local e unha intervención providencial do meta Adrián cerca do final do choque. Na Pedra Queimada, o Malpica sumou os tres puntos en xogo ante o San Lorenzo, con dous tantos na segunda metade de Dani Casal e Aitor, cerca do final. Como noutro moitos encontros, o campo condicionou, e moito, o desenvolvemento da contenda, cun fútbol máis directo dos dous equipos, decantado ao final cos dous tantos locais. Na próxima xornada, o líder renderá visita ao Buño, en Xaviña, mentres que os seus perseguidores xogarán os seus compromisos ante os seus afeccionados, recibindo o Ponteceso ao Muros; o Corme terá un miniderbi como anfitrión do Cerqueda e o Muxía mídese en Arliña ao colista, Lira. O Baiñas quere seguir sumando de tres en tres recibindo no Municipal de Vimianzo ao Ameixenda. Duelos igualados en Muros, onde o Volantes recibe ao Malpica; Louro, coa chegada do San Lorenzo e en Cee, coa visita do Sporting Zas ao Unión Club.

3ª Galicia

Non ceden os líderes da clasificación na súa marcha en pos dos postos de ascenso ou promoción, e os tres primeiros clasificados saldaron os seus encontros por triunfos. O Castriz tiña un duro compromiso en Nantón, onde o once local chegou a coloca o 2-1 ao seu favor no marcador, pero os visitantes souberon voltear o resultado ata chegar a un 2-4 que lle mantén á fronte da táboa. Sufriu o Coristanco na Rocheira, onde o Camelle vendiño cara a súa derrota, pero os verdes souberon resolver o compromiso cun 3-1 que lles mantén invictos na clasificación, a dous puntos do líder, pero cun encontro menos disputado. Tampouco o tivo nada fácil o Cabana ante un Camariñas que non termina de arrincar, pero os pupilos do tándem Pablo-Fernando souberon resolver o compromiso cun claro 4-2, que lles deixa a catro puntos do líder e aos locais na terceira praza da táboa a dous puntos do segundo posto de ascenso directo. Non se atopou demasiados problemas o Porteño, que baixo a batuta de Varela están dispostos a repetir presenza, cando menos, no play-off, para superar con claridade a un Seaia que non foi capaz de frear o bo nivel de xogo dos locais. O 5-1 final foi un reflexo do sucedido ao longo dos noventa minutos de xogo. Un dos choques da xornada enfrontaba en Laxe ao once de Ordoñez e ao Outes. O reparto de puntos premiou o traballo de ambos equipos ao longo dos noventa minutos nunha tarde que deixaba o campo en moi malas condicións. No entanto, os dous conxuntos seguen fóra da zona de play-off. Mantén a súa boa marcha o Castrelo, que venceu pola mínima a un moi recuperado As Baleas por 0-1. Os de Vimianzo queren ser o equipo revelación da presente tempada, e mantéñense na zona de play-off de ascenso, na quinta praza, mentres que o once camariñán cada vez compite mellor. Na próxima xornada, partido grande en Castriz, onde os pupilos de David Velo mediranse ao seu inmediato perseguidor, Coristanco. Líder e colíder fronte a fronte e cun Cabana moi pendente do resultado deste encontro de cara a levantarse aos postos de ascenso directo, pero que este fin de semana terá un complicado choque na Serra, ante un Outes que non pode ceder para chegar á zona de privilexio. Primeiro derbi local da historia no Hermanas Patiño, onde o Camariñas será o anfitrión das Baleas, cos locais coa presión de sumar de tres en tres. Outro choque importante disputarase na tarde do sábado no Municipal de Vimianzo, onde o Castrelo recibirá a visita do Nantón. Porteño e Laxe, malia ser visitantes, parecen partir cunha lixeira vantaxe nos seus desprazamentos a Corcubión e Malpica, para enfrontarse á UD, por unha banda, e Seaia, pola outra.

Preferente

Sorte dispar nos encontros de Preferente este fin de semana. O Sofán, con moitísimo sufrimento, sumou os tres puntos de xogo no Carral, ante un San Tirso que vendeu moi cara a súa derrota. Un gol case ao final da contenda outorgou os tres puntos en xogo aos rojillos, que se manteñen na zona media-alta da táboa clasificatoria. Pola súa banda, o Xallas tiña un complicado compromiso na Fontenla coa visita do Arzúa, dirixido por un vello coñecido da afección verde, Chus Baleato, e os visitantes fixéronse cos tres puntos en xogo ao vencer aos xalleiros por 1-3, deixando ao equipo verde na 14ª posición da táboa, aínda que a golpe e unha vitoria dos postos cómodos da clasificación. Na próxima xornada, complicado desprazamento do Xallas ás Pontes, onde lle espera o líder intratable da competición, con 11 triunfos e unha derrota, aínda que os xalleiros esperan dar cumprida resposta á esixencia do choque. A Ordes irá o Sofán coa intención de sumar os tres puntos ante un conxunto que ocupa posición de descenso directo, cun triunfo e tres empates, pero que seguro que lle complicará moito a existencia aos pupilos de Iván Cancela.

1ª Galicia

Seguen a súa suma e segue o Fisterra e o Baio en Primeira, que se manteñen na zona de privilexio da táboa clasificatoria. Os fisterrans venceron e convenceron ante o Escravitude en Ara Solís, e o 3-1 final foi un fiel reflexo ao presenciado sobre un terreo de xogo moi encharcado. Pola súa banda, os branquiazuis alcanzaron un triunfo de prestixio no terreo do histórico Lalín, que non termina de arrincar. O 1-2 que sinalaba o marcador ao final dos noventa minutos deixa aos pupilos de Pablo Torreira na quinta praza, a tres puntos do Fisterra. Encaixou unha dura derrota o Dumbría en Padrón, ante un Flavia que se encarama á terceira praza da táboa e deixa aos homes de Julián na 11ª praza da táboa, moi afastados da zona de privilexio e con seis puntos por encima da zona de ameaza de descenso. Mereceu máis o Soneira no seu duelo ante o Praiña, que se levou os tres puntos do Municipal cun triunfo por 1-3 que non se axustou ao presenciado ao longo dos noventa minutos de xogo. Os pupilos de Pedro Gómez seguen en zona de perigo, con tres puntos por encima dos postos de descenso e non poden descoidarse nadiña de nada para non caer na zona de evidente perigo da táboa. Segue sen ter un ápice de fortuna a Esteirana no seu regreso a Primeira, e ante o Val do Ulla os pupilos de Geno fixeron méritos máis que suficientes para, polo menos, alcanzar o empate, pero ao final os visitantes fixéronse cos tres puntos no José Luís Vara, vencendo por 2-3. Os azulgrana quédanse en zona de descenso a un punto dos postos de permanencia e coa necesidade de comezar a sumar triunfos. Na próxima xornada, derbi ao grande no Pratas Reinoso, onde o Baio medirase ao Fisterra cos dous conxuntos separados por tres puntos e pugnando pola zona alta da clasificación xeral. O segundo derbi da semana enfrontará no Conco a Dumbría e Soneira, cos dous equipos separados igualmente por tres puntos e que queren sumar o triunfo para ir poñendo terra polo medio da zona perigosa da clasificación xeral. Para rematar, a Esteirana renderá visita ao actual, e sorprendente, farolillo vermello da táboa, o Bertamiráns, nun dos campos máis reducidos da categoría. Os locais están un punto por baixo dos azulgrana, polo que os dous necesitan imperiosamente sumar de tres en tres para saír da zona de descenso directo.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Todas as Pipas anteriores

https://quepasanacosta.gal/a-pipa-o-futbol-da-costa-si-que-e-clasico/

Todas as crónicas do Fútbol da Costa

 

Comentarios