Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Pipa: O efecto cascada provocaría a día de hoxe catro descensos na Liga da Costa

A Pipa: O efecto cascada provocaría a día de hoxe catro descensos na Liga da Costa
O Muros celebrando un tanto-Foto-Manuel Caamaño O Muros celebrando un tanto-Foto-Manuel Caamaño Segue o seu duro camiño a competición de Liga nas diferentes categorías do fútbol galego con representación costeira, e non todo son boas noticias, especialmente nas dúas principais competicións, Preferente e 1ª Autonómica, por canto Dumbría, Baio e San Lorenzo atópanse en posicións moi incómodas na táboas clasificatoria, e que poden traer consigo descensos en cascada en 2ª, pois, a día de hoxe, perderían a categoría catro equipos na Liga da Costa de 2ª Autonómica, por mor do descenso, de xeito directo, do Dumbría e San Lorenzo e, por arrastres, do Baio.

2ª Galicia

Na Liga da Costa, 2ª Autonómica, o Mazaricos segue firme no seu camiñar cara ao título e o ascenso a 1ª, logo de gañar, con evidente sufrimento, ao Cerqueda por 2-0. Os mazaricáns non o tiveron nada fácil, especialmente tras quedarse con dez futbolistas sobre o terreo de xogo, pero sorprendentemente foi cando alcanzaron os seus dous goles e o triunfo final, nun terreo moi pesado e ao que aclimatou moito mellor o once amarelo. Non ceden nin Esteirana nin Baiñas no seu intento de dar alcance aos líderes da clasificación. En Esteiro, os azulgrana, que comezaron moi ben o seu choque ante o Sporting Zas, adiantándose no marcador, viron logo como os visitantes lograrían o empate e gozarían de varias oportunidades non materializadas, mentres que a Esteirana si mostrábase eficaz ante a meta sportinguista e lograron os tres puntos en xogo. Pola súa banda, o Baiñas suma e segue derrotando con merecimiento a un Malpica que parece perder fol trala derrota da semana pasada. Con tres tantos na segunda metade, os verdes sumaron os tres puntos na Pedra Queimada, e seguen tendo todas as opcións para chegar, cando menos, á praza de promoción de ascenso. Quen parece dicir adeus ás súas posibilidades de título é o Corme, que era superado, nun gran encontro, polo Muxía, no Novo Arliña, cun 2-0 que premiou o bo facer rojillo e deixa aos azuis a catro puntos da terceira praza e a dez do liderato, asaltando a quinta praza o Muxía, empatado a puntos con Ponteceso e Monte Louro. Tanto Ponteceso e Monte Louro sumaron sufridos triunfos nos seus choques ante dous dos conxuntos que están sufrindo moito para alcanzar posicións de permanencia na clasificación. Os primeiros venceron con todo merecimiento en Camariñas por 0-2, cun tanto en cada tempo e rompendo o seu racha de resultados negativos, mentres que o once de Oscar Leis, que se adiantou no marcador con dous tantos, soubo sacar rendemento á súa vantaxe e derrotaba por 3-2 a un Cee que nos últimos instantes soñou con lograr a igualada tralos dous tantos do incombustible Leo Picallo, unha vez máis. Paso adiante do Buño, que coa chegada de Anxo e Gurita parece reforzar as súas liñas de xeito considerable, e daba boa conta dun Lira moi irregular , vencéndolle por 3-1 e colocándose a un punto dos postos de salvación sen arrastres, posición que pecha o Camariñas, con 23 puntos. Partido de urxencias en Coristanco, onde os locais e o Outes non pasaron do empate sen goles, e seguen en zona de descenso directo, os blanquinegros, e de arrastres os verdes. Foi un encontro moi competido onde, curiosamente, cando se quedou con dez homes o equipo de Alberto Pensado xogou mellor que o seu rival e a punto estivo de alcanzar o triunfo. Foi o único reparto de puntos da xornada. Na próxima fin de semana, partido grande en Vimianzo, onde o Baiñas recibirá a visita da Esteirana coa segunda praza en xogo e esperando o tropezo do Mazaricos en Buño para poder asaltar o liderato. Nos duelos onde hai participación de equipos en problemas, destaca a visita do Camariñas a Zas, separados por dous puntos na táboa, mentres que o Cee recibirá a un Cerqueda que quere asegurarse canto antes a súa praza en Segunda do mesmo xeito que o Muxía na Serra de Outes. O Coristanco rende visita a un Ponteceso crecido tras romper o seu racha negativa. Na zona cómoda da táboa, polo menos inicialmente, o Corme recibe ao Monte Louro e o Lira ao Malpica, pechando deste xeito a xornada.

Preferente

Non termina saírse da zona de descenso directo o Dumbría, que vía como o Boimorto e facía cos tres puntos en xogo no Conco. Os visitantes adiantáronse no marcador, pero os pupilos de Nacho lograba a igualada, pero un rápido tanto visitante noqueaba aos locais e deixáballes a catro puntos da salvación, aínda que os arrastres de Terceira aínda poderían levarlle a Primeira Auotnómica. Os que si deron un paso moi importante para asegurarse a súa presenza un ano máis en Preferente son o Xallas e o Sofán. Os primeiros, moitísimo traballo, sumaron un importante empate en terreo do Escairón, pese a adiantarse no marcador os locais, pero o Xallas está nun momento de resultados positivos e soubo sobrepoñerse e alcanzar un empate máis que merecido e que lle coloca na oitava praza, a seis puntos da zona nobre á clasificación e dez por encima da zona de perigo. Gran triunfo, con goleada incluída, do Sofán nas Eiroas ante un Arteixo que ve freada a súa marcha cara á zona de promoción de ascenso. Os homes de Iván Cancela non deron respiro aos arteixáns, e cun rotundo 4-0 final suman tres puntos importantes na súa marcha cara a afianzarse un ano máis en Preferente. Na próxima fin de semana, o Xallas volve a terras lucenses, para render visita a un Castro do que lle separan dous puntos na clasificación, mentres que o Sofán viaxará a Boimorto, ante un rival que marcha un punto por baixo dos rojillos. Quen non pode fallar é o Dumbría na súa visita ao farolillo vermello da clasificación, Outeiro de Rei, con tres puntos de vital transcendencia en xogo para os obxectivos dos pupilos de Nacho Barreiro.

1ª Galicia

Xornada de sensacións contrarias para os equipos da Costa. Por unha banda, o Soneira prácticamente dixo adeus ás súas posibilidades de asaltar os postos nobres da clasificación trala súa derrota en Verdillo, ante un moi necesitado San Lorenzo, que suma tres puntos moi importantes para seguir soñando coa permanencia, da que agora lle separan seis puntos, e con novo inquilino no banquiño trala chegada ao mesmo de Pablo Mallón, que esperan sexa o revulsivo que necesita o equipo para saír da zona de descenso, aínda que hai que valorar, e moito, o bo traballo desenvolvido por Oscar Suárez, co ascenso a Primeira da pasada campaña, cos maiores, e o título co plantel xuvenil. O Baio segue sen reaccionar e complícase, e moito, a súa permanencia na categoría. Os dous encontros vitais que tiña ante Tordoia e Siguüeiro, ambos ante os seus afeccionados, non foron positivos, pois ambos significaron sendas derrotas por 0-1, que colocan aos blanquiazules en zona de descenso por arrastres, e dous puntos por encima do descenso directo. Ante o Sigüeiro, un tempraneiro gol foi suficiente para que voasen os tres puntos en xogo, pese aos intentos locais de alcanzar, polo menos, a igualada. Agora, son dous os puntos que deixan ao Baio fóra dos postos de permanencia. Mellor fóronlle as cousas ao Fisterra en Riveira, onde os homes de Noe volveron sumar puntos, ante un rival que ocupa o último posto de descenso directo e ao que deixan a catro puntos de distancia. Pese a que os locais adiantáronse no marcador, os verdes souberon dar cumprida resposta e sumaron un punto moi importante mantendo a súa boa liña de resultados. Na próxima xornada, partido clave para o San Lorenzo en Sigüeiro, un dos rivais que buscan a permanencia. Máis complicado teno o Baio, que rende visita ao líder da clasificación, Agolada. Non pode fallar o Soneira ante o Riveira, nin o Fisterra que se medirá en Ara Solís ao Silleda, penúltimo clasificado da táboa.

3ª Galicia

O título e o ascenso parece cousa de dous na 3ª, e vaise a quedar no Concello de Muros. O Volantes, cun gran e traballado triunfo sobre o Cabana, ata ese instante terceiro da táboa, cun gol no último minuto, fai que a distancia co terceiro posto sexa de dez puntos cando restan cinco xornadas para o final. É dicir, está a dous triunfos de lograr o ascenso de categoría. Pola súa banda, o Muros mantense a dous puntos do seu veciño e rival, trala vitoria muradana en Camelle, por 0-2, nun dos duelos máis complicados que lle restaban aos celestes. Na primeira metade deixaron resolto o partido, co resultado que sería definitivo, e non deron opcións aos locais, que caen á sexta praza. O máis beneficiado da xornada foi o Laxe, que asaltou o terceiro posto coa súa vitoria, máis sufrida do que parece, sobre o Corcubión, por 3-0, pois os tres goles chegaron no tramo final da o contenda, nos últimos quince minutos, e todos eles entre o minuto 75 e o 85. Pincharon Ameixenda e Castriz na súa loita por alcanzar os postos de promoción. Os ceeses tiveron que remontar un 0-2 que campeaba no marcador aos 25 minutos de xogo favorable ao Nantón, pero na segunda metade foron capaces de igualar a contenda e a punto estiveron de voltear o marcador. O Castriz, en San Pedro, viu como dous goles do Castrelo, moi mellorado e combativo, antes do descanso, significaban a súa derrota, malia recortar no marcador e buscar un empate que non chegaría, deixando aos rossoneri fóra da zona de promoción de ascenso. O Porteño segue porfiando por chegar a eses postos e gañou, moitísimo traballo pese ao resultado final, ao colista do grupo, Outes B, cun 0-3 á conclusión dos noventa minutos, pese a que os locais mereceron, cando menos, conseguir o tanto do honor. Na próxima xornada, o Muros recibe ao Seaia e espera o pinchazo do Volantes en Nantón, nun dos partidos da xornada, para dar o salto á primeira praza do grupo. Partido grande en Ponche do Porto, onde o Porteño medirase a un Laxe que quere asegurarse a súa praza canto antes na promoción. Buscará redimirse da derrota deste fin de semana o Castriz no sempre complicado terreo do Corcubión, do mesmo xeito que o Camelle, que rende visita a un ilusionado Castrelo. Non pode fallar o Cabana nas Redondas coa visita do Outes B, pois a promoción estase poñendo cada vez máis cara. Hai que recordar que os dous primeiros ascenden de xeito directo a Segunda, mentres que os duelos de promoción polo último posto de ascenso disputaranllos o terceiro contra o sexto e o cuarto contra o quinto, en semifinais, e os vencedores desta eliminatoria na final, coa vantaxe do factor campo na volta para o mellor clasificado na Liga Regular.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Novas relacionadas

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios