Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Pipa: Para todos os gustos

A Pipa: Para todos os gustos
Xornada con resultados para todos os tipos a celebrada o pasado fin de semana, especialmente nas competicións de Preferente e 1ª Autonómica, onde únicamente conseguiu o triunfo o CD Baio, curiosamente ante o ata ese instante líder invicto, Piloño. Nos restantes encontros, empates de Sofán e Xallas e derrotas do resto de conxuntos, sen contar a celebrada entre semana, onde o Xallas rompeu o seu racha negativa derrotando ao Outeiro de Rei. En 2ª, seguen firmes, unha xornada máis, Mazaricos e Ponteceso, mentres que en 3ª houbo cambio de líder, tralo triunfo do Volantes de Baños en Cabana, que deixa aos muradáns á fronte da táboa.

2ª Galicia

Comezando pola Segunda da Costa, o Mazaricos suma e segue logo do seu triunfos, cimentado na segunda metade, no campo do Unión Club Cee, tras un primeiro tempo onde a igualdade foi predominante e un segundo no que o tantop de Barbeira rompeu a confrontación pese aos intentos locais de alcanzar un mellor resultado. O partido máis rechamante da xornada disputábase no Pinguel, onde o once local, en plena racha de resultados positivos, recibía a visita do terceiro clasificado, Muxía, e ao final un 2-0 para os azuis, que se afastan dos seus rivais e manteñen a súa persecución sobre o líder, Mazaricos. O gol inicial de Charro abría moi rápido o marcador, gozando da súa mellor oportunidade o Muxía nun penalti que desviou o meta local. Na segunda metade, os dous equipos xogaron de ti a ti, podendo empatar o once rojillo e sentenciando preto do final o Ponteceso. En Corme, os pupilos de José Angel sufriron de xeito abondo para impoñerse a un Cerqueda que mereceu un mellor resultado, logo de adiantarse no marcador na primeira metade, pero nos segundos 45 minutos, os azuis deron a volta ao tanteador, cun tanto de Samu Costa, xa avanzada a segunda metade, e o definitivo gol de Diego cando parecía que o empate sería o resultado final. Saltou a sorpresa na Serra, onde o Outes era superado por un Monte Louro moi serio e que comezou vendo como os pupilos de Alfredo Cambeiro se adiantaban no marcador aos tres minutos de xogo, dominando nesta primeira fase da contenda. Tralo descanso, os homes de Oscar Leis foron capaces de empatar, primeiro, e darlle a volta ao marcador, máis tarde, sumando os tres puntos en xogo. Golpe sobre a mesa do Coristanco en Zas, onde o once local, logo dun frouxo primeiro tempo, ao término do cal perdía por 0-1, con mellor xogo visitante, empataba a contenda e pasaba a dominar a confrontación. Pero un tanto dos pupilos de Alberto Pensafdo, a falta de nove minutos, rompeu por completo o encontro e afundiu a un Sporting que, á contra, encaixaba dous novos goles nos cinco últimos minutos do partido, deixando no marcador un inesperado 1-4 final. No derbi de Buño, o once local e o mellorado Malpìca repartíronse os puntos ao empatar sen goles nun choque onde a igualdade e o bo xogo durante moitas fases da contenda foron a constante. Primeiro tempo cun Malpica mellor asentado sobre o terreo de xogo e un Buño á contra e unha segunda metade onde os homes de Dani Calvete aproveitáronse do baixón físico dos visitantes e puideron alcanzar a vitoria. Ao final, un reparto de puntos sen goles que satisfixo a ambos conxuntos. Prosegue a súa liña ascendente o Baiñas, que derrotou, nun encontro moi intenso e de entrega total, ao Camariñas por 2-1. Tras chegarse ao descanso con vantaxe local, empataría o Camariñas a falta de 20 minutos, pero aparecería unha vez máis a figura de Pablo Muiño para, no tramo final da contenda, conseguir o gol do triunfo do Baiñas. Gran partido da Esteirana en Carnota, onde superou a un Lira que parece gripado nesta fase da competición. Os visitantes adiantáronse cun claro 0-2 aos 15 minutos de xogo e, aínda que recortou distancias o once local, un tanto de Rober Pladur, a falta de dous minutos, deixaría visto para sentenza o encontro, onde a Esteirana foi un xusto vencedor do mesmo. Na próxima xornada, o Mazaricos recibirá a visita do Malpica, coa mente posta en manter o liderato invicto, mentres que o Ponteceso renderá visita a un Monte Louro crecido tralo seu triunfo en Outes. A Esteirana, que recobra a terceira praza, medirase no José Luís Vara ao Buño, mentres que o Muxía, cuarto, recibirá no Novo Arliña a un irregular Sporting Zas. Repite en casa o Cee, que non o terá nada fácil ante un Corme capaz do mellor e o peor. A Coristanco viaxará o Baiñas coa intención de sumar o seu terceiro triunfo consecutivo. Bo partido en Cerqueda, onde os pupilos de Raúl Periscal intentarán superar ao Outes.

Preferente

Non foi excesivamente esperanzadora, outra vez, a xornada en Preferente, pois aínda que Sofán e Xallas empataron a domicilio, o Dumbría saía goleado do campo do Betanzos por 6-0. En Dubra, o Sofán tivo que remontar un tempraneiro tanto local, aos cinco minutos de xogo, nun partido de bo xogo por ambos lados. Os homes de Iván Cancela souberon contrarrestar a formulación con liña de cinco na retaguardia de Chus Baleato, pero a base de controlar o balón e levar o peso do partido o Sofán soubo conseguir o empate antes do descanso. Nos últimos quince minutos foi cando mellor estivo o once local, pero o marcador xa non se movería. Tiña un complicado desprazamento a Callobre o Xallas, onde rendía visita ao Estudiantil de Gelucho, pero o cambio de técnico parece cambiar a sorte dos xalleiros, que á vitoria do día 1 sumaron un positivo nesta saída, malia adiantarse os locais no marcador, pero igualando no tramo final da confrontación o Xallas de xeito merecido. Desafortunada saída do Dumbría a Betanzos, onde os pupilos de Diego Lobelos mostraron a súa peor cara e foron claramente superados por un once local que deixaron visto para sentenza o choque na primeira metade, cun rotundo 3-0 e un expulsado no Dumbría, o que fixo imposible que os visitantes alcanzasen un mellor resultado. Na xornada da próxima fin de semana, os tres equipos costeiros xogan nos seus respectivos terreos de xogo. A Dumbría chega o líder invicto da clasificación, o Paiosaco de Juan Riveiro, mentres que o Xallas, pola súa banda, medirase ao segundo clasificado, o Polvorín lucense. Dous bos partidos, sen dúbida, con grandes dificultades para os equipos da zona. En Carballo, o Sofán será o anfitrión na visita do Betanzos, crecido trala goleada ao Dumbría, pero os homes de Iván Cancela esperan sumar un triunfo que lles manteña na zona alta da clasificación.

1ª Galicia

Mala xornada, unha vez máis, na Primeira Autonómica, onde Fisterra, Soneira e San Lorenzo perdían nos seus respectivos desprazamentos a Bertamiráns, Padrón e Chaián, mentres que o Baio daba a de cal vencendo ao ata ese instante líder invicto, Piloño. Os pupilos de Pedro Gómez realizaron un excelente encontro ante o líder, especialmente na primeira metade, na que mereceron moito máis que o 1-1 que campeaba no marcador ao término dos primeiros corenta e cinco minutos. Na segunda parte, e pese á lesión da súa goleador MC, un tanto de Adrián Lema fixo que os tres puntos caesen no casillero blanquiazul de xeito xusto e merecida. Mala xornada para os outros tres equipos da zona, que saíron derrotados nos seus tres encontros e sen conseguir un só gol. O San Lorenzo viu freada a súa reacción no campo do Chaián, perdendo por 2-0, cun tanto en cada tempo dos locais, malia os intentos dos homes de Óscar Suárez na segunda metade, pero serían os santiagueses os que volvesen marcar cerca do final do encontro. Tiña unha complicada saída o Soneira a Padrón, onde lles esperaba un Flavia que quere estar na zona alta da clasificación, e ao final dos noventa minutos un resultado que ninguén esperaba, co cómodo triunfo local por 3-0, logo de chegar ao descanso cunha vantaxe de dous goles, cimentada no bo xogo do Flavia e o frouxo primeiro tempo visitante. Na segunda metade, un novo tanto padronés, nun penalti, colocaba o 3-0 no marcador. Con moitas baixas e dous goles nos primeiros dez minutos de xogo foron dous bazas coas que non puido loitar o Fisterra, que viu como un irregular Bertamiráns sumaba o triunfo, malia os intentos dos verdes de recortar, e merecimientos fixeron os fisterráns para, polo menos, marcar algún tanto, pero a fortuna foilles esquiva e o choque terminaría cun claro 3-0. A próxima fin de semana será unha boa oportunidade de mellorar as presentacións de todos os equipos costeros. O San Lorenzo recibirá nas Pedreiras ao Flavia de Padrón, facendo o propio en Vimianzo o Soneira, que intentará retornar á senda do triunfo ante o Bertamiráns. En Ara Solís, o Fisterra recibe a un Tordoia colista, pero do que lle separan únicamente tres puntos. O único que xoga lonxe da súa afección é o Baio, que rende visita ao irregular conxunto do Cordeiro, do que se esperaba moito máis neste inicio de campaña.

3ª Galicia

Cambio de líder na Terceira da Costa, pois tralo triunfo do Volantes en Cabana, os pupilos de Sil se aúpan á primeira praza da clasificación, cun punto de vantaxe sobre os seus rivais e o Muros, que se queda como único invicto nestes instantes. O partido de Cabana foi trepidante, cun Volantes que se puxo cun claro 0-2 aos 21 minutos e, en dous minutos tolos, recortaría o Cabana para sentenciar o Volantes. Os catro tantos do choque materializáronse antes da media hora de xogo, pero puideron marcarse moitos máis, estando aberto o partido ata a expulsión de Pablo, que deixou sen opcións aos locais. En Muros, partido grande coa visita do Camelle, outro dos candidatos aos postos de ascenso, e ao término dos noventa minutos chegaríase cun reparto de puntos que deixa ao Muros invicto e ao Camelle na sexta praza a tres puntos do terceiro. Foi un encontro vibrante, onde os visitantes adiantáronse moi pronto, antes do primeiro cuarto de hora de xogo, empatando pouco antes do descanso o Muros. Non cede o Laxe en busca dos postos de privilexio, e o seu triunfo en Corcubión, tras poñerse cun 0-2 no primeiro cuarto de hora de partido, fixo que os locais fosen a remolque todo o partido e, aínda que recortaron distancias, o 1-3 a falta de dous minutos sentenciou a contenda e deu os tres puntos ao equipo laxenxe. Sorpresa en Vimianzo, onde o Castrelo sumaba o seu primeiro punto da competición ao empatar cun Castriz que se afasta peligrosamente dos postos de privilexio. Os visitantes adiantáronse no marcador cun claro 0-2 e, aínda que recortaban os pupilos de Litos á hora de xogo, o 1-3 conseguido por Pablo Landeira parecía sentenciar o choque. Pero dous tantos locais, nos oito últimos minutos, voltearon o partido e puxeron o sorpresivo empate final. Goleada na Grixa, onde o Porteño recobraba sensacións positivas e batía con claridade ao Outes B por 7-2. Un rotundo 4-0 poñía punto final á primeira metade da contenda aumentándose na segunda parte ata chegar ao término do encontro cun resultado que non ofrece lugar a dúbidas e á incuestionable superioridade local. En Nantón, o conxunto local vencía, nun dos partidos da xornada, ao Ameixenda, que parece perder fuelle, por 2-1, deixando aos pupilos de Manolín fóra dos postos de promoción. O choque foi tremendamente igualado, adiantándose no marcador o Nantòn xa na segunda metade, para empatar o Ameixenda e, cando mellor estaban os visitantes, nunha contra, conseguir o Nantón o tanto do triunfo. Na novena xornada, o líder recibirá no seu terreo muradán a visita dun Nantón disposto a dar a campanada, mentres que o Cabana renderá visita ao Outes B, onde partirá como favorito. O Muros viaxará a Malpica, para enfrontarse a un Seaia que descansaba nesta xornada. Non pode fallar o Castriz no seu terreo de San Pedro ante o Corcubión, mentres que en Laxe mediranse o once local e un dos candidatos a estar na zona de ascenso, o Porteño. O Camelle debe de sumar os tres puntos en xogo no seu terreo ante o Castrelo, polo menos a priori, descansando nesta ocasión o Ameixenda.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios