Martes. 16.04.2024
El tiempo

A Pipa: Tralo primeiro gran duelo, “a vida segue igual”

A Pipa: Tralo primeiro gran duelo, “a vida segue igual”
Imaxe do Corme-Baio no alto da Liga da Costa-Foto-Fin Lema Imaxe do Corme-Baio no alto da Liga da Costa-Foto-Fin Lema O primeiro gran duelo da tempada na Liga da Costa, entre os dous primeiros clasificados da táboa saldouse cun empate en terreo do líder, polo que podemos dicir aquilo da canción de Julio Iglesias de que “a vida segue igual”. E é que os máis inmediatos perseguidores tampouco recurtaron distancias, pois os seus choques saldáronse igualmente con empate, polo que as distancias se manteñen na clasificación xeral. No Cairo o encontro foi dun auténtico toma e daca, con dous equipos fieis aos seus estilos de xogo. O Corme comezou moi forte, con ocasións, pero atopándose un Baio moi ben traballado no aspecto táctico que soubo controlar as accións locais. A segunda metade comezou co tanto madrugador de Martín, que se mantivo ata pouco antes do final do encontro, cando Alejo, de penalti, alcanzaba o empate, sendo expulsado un futbolista visitante, o que propiciou un final asfixiante de dominio local e bo labor defensivo blanquiazul, cun reparto de puntos que deixa todo como estaba ao principio entre os dous grandes candidatos ao título e ascenso. [fbvideo link="https://www.facebook.com/cdbaio/videos/1800275793574946/" width="660" height="400" onlyvideo="1"] A vantaxe dos líderes non puido ser recortada polo Mazaricos, terceiro clasificado, que viu como un serio e sólido, defensivamente falando, Castriz, arrincaba un empate sen goles no mini-derbi da zona. Os locais gozaron de mellores oportunidades, cun primeiro tempo mellor do Castriz e unha segunda metade onde o Mazaricos foi superior, pero o choque finalizou co 0-0 inicial que deixa a ambos equipos na terceira e quinta praza, respectivamente. O único que si recortou cos líderes foi o San Lorenzo, que conseguiu un amplo triunfo na súa visita a Buño, ante un Cerqueda que parece perder fol e afástase das primeiras prazas da clasificación, aínda que o 1-4 final non se axusta á realidade do sucedido, pois o primeiro tempo finalizou con 1-1 para, en 15 minutos, voltear por completo o encontro os visitantes, con dous goles en tres minutos, que sentenciaron a contenda. Suma e segue o Camariñas, que deu un auténtico recital de xogo e efectividade en Coristanco, superando con rotundidad a un once local que se viu sorprendido polo bo xogo dos visitantes e deixan aos locais en zona de máximo perigo, cos mesmos puntos que o Buño, que agora é o que ocupa posto de descenso. O 2-6 final veu premiar ao Camariñas, que xa chegou ao descanso cun claro 1-3 no marcador, e que se mantén na sexta praza da clasificación. O duelo entre colistas saldouse con empate no marcador, no debut de Lilo no banquiño do Laxe. Tras un primeiro tempo onde o Baíñas adiantouse cun tanto moi protestado de Pablo Muíño, que trala súa chegada cambiou a fisonomía do equipo vimiancés, e que terminou con oito puntos na cabeza tras un forte choque cun contrario, na segunda metade os laxenses buscaron afanosamente o empate, o que lograron nun protestado penalti no minuto 90, o que deixa aos dous equipos compartindo a última praza, con 11 puntos, a un da permanencia. Caída libre do Corcubión no seu terreo ante o Malpica, que conseguiu catro goles a balón parado, accións mal defendidas polos locais, e que chegou ao descanso cun 0-3 no marcador que deixaba visto para sentenza o encontro. Dous tantos máis na segunda metade non fixeron máis que referendar un cómodo triunfo dos visitantes, que se colocan na novena praza da clasificación, lonxe do ascenso e do descenso, deixando ao Corcubión un punto por encima do descenso directo. En Cee, a mocidade da Esteirana rompeu por completo á experiencia do once local, cun triunfo incuestionable dos xogadores dirixidos por Javier Lodeiro ante un Unión que se viu impotente e que xa ao término dos primeiros corenta e cinco minutos perdía por 0-2. Ao final, un 1-4 inesperado que premiou o labor dos visitantes e castigou aos locais, que se colocan un punto por encima do descenso. Duelo de gran intensidade e igualdade en Monte Louro, onde o once preparado por Oscar Leis sumou un importante triunfo que lle saca dos postos de descenso, onde deixa a un Buño que se adiantou no marcador, viu como antes do descanso o Monte Louro volteaba a mínima vantaxe, volvía a empatar xa na segunda metade e, a falta de 20 minutos, o reaparecido Juan de Selia, tralo susto de fai dúas xornadas, lograba o tanto do triunfo local ao transformar un máximo castigo. Porteño e Ponteceso pecharon a xornada cun empate que non contenta a ningún dos dous, pois os locais seguen nunha situación moi complicada na táboa, un punto por encima do descenso, e os visitantes non recortan cos primeiro clasificados e están estacionados na sétima praza da táboa. Adiantouse no marcador o Ponteceso, xa moi avanzada a segunda metade, empatando o Porteño sete minutos antes do final. Na próxima xornada, o líder, Corme, visita Esteiro, onde os locais esperando dar cumprida resposta á esixencia do choque, mentres que o Baio recibirá no Pratas reinoso a un Corcubión que adoita realizar bos encontros ante os equipos fortes, pero que vén moi tocado tralo 0-5 do domingo. O San Lorenzo quere seguir sumando e presionando aos primeiros clasificados, recibindo nas Pedreiras a visita dun moi necesitado Laxe, mentres o Mazaricos renderá visita a un Baíñas que ten a imperiosa necesidade de sumar de tres en tres para escapar da zona de descenso. Duelo de rivalidade en Ponteceso, coa visita dun Cerqueda que buscará superar o momento delicado en canto a resultado que está sufrindo, mentres que moi preto, en Buño, o once local recibirá a un Coristanco empatados a puntos na táboa e o que salga derrotado pode quedar moi tocado na clasificación. En Malpica esperan ver un equipo que sexa capaz de mostrar a boa cara ante a visita do Porteño, equipo que lonxe dos seus afeccionados ten moitas dificultades. En Castriz, os locais parten con vantaxe sobre o Monte Louro, pero sen poder despistarse, pois os visitantes son capaces do mellor e o peor. Para rematar, gran duelo en Camariñas, coa visita do Unión Club Cee, un partido dos de sempre na Liga da Costa e con dous onces en estados diferentes. Un ao alza, o local, e o outro á baixa, os visitantes.   Xallas, ao alza en Preferente Quen podería afirmar que o Xallas, tralo seu irregular comezo, podería estar a tres puntos da zona de promoción a falta de catro xornadas para o final da primeira volta? Pois a súa fe e o traballo realizado por xogadores e técnicos, con Iván Cancela á cabeza, e o seu triunfo ante o Chantada, co incombustible Doro á fronte e goleando unha semana máis, coloca aos verdes moi preto dos postos nobres, na oitava praza, e deixando unhas sensacións cada vez máis ilusionantes. O duelo de rivalidade en Paiosaco entre o once verdiblanco e o Sofán saldouse cun moi protestado triunfo dos locais por 1-0, gracias a un tanto materializado na primeira metade e cun gol, anulado aos sofanistas xa no desconto, sendo concedido en principio polo colexiado, pero anoulado a instancias do seu asistente, ante as protestas dos visitantes. O encontro, como se esperaba, foi moi intenso e traballado por uns e outros, saldándose ao final co solitario tanto local, que deixa ao Paiosaco na sexta praza e aos visitantes na décima posición. En Vimianzo, un serio e ordenado Soneira contrarrestou o maior potencial do filial do Lugo, Polvorín, nun choque onde os locais fixéronse acreedores a un mellor resultado, sobre todo nos primeiros corenta e cinco minutos, pero ao final o marcador non se movería e deixa aos brancos en posición de descenso, a dous puntos da permanencia. Viaxa o Xallas a Ribadeo na próxima xornada, ante un equipo que, tras un comezo pouco afagador, vai escadando na táboa, situándose a tres puntos dos xalleiros, mentres que o Soneira buscará os tres puntos no terreo dun Lemos moi irregular e do que lle separan catro puntos na táboa. En Sofán, os homes de Josito terán que medirse a un Betanzos que intenta escapar da zona perigosa da táboa clasificatoria e romper a racha de tres derrotas consecutivas.   Primeira derrota do Dumbría en Primeira Tiña un complicado compromiso o Dumbría no terreo do terceiro clasificado, Cordeiro, e saldouno coa primeira derrota da tempada, con dous goles encaixados en tres minutos, que abriron brecha no marcador, apuntillado na segunda metade, recortando o once preparado por Julián a cinco minutos do final,co que os locais colócanse a tres puntos do Dumbría. En Fisterra, un tanto de Pablo Lestón outorgou os tres puntos en xogo ao once preparado por Nacho ante un Escravitude que segue sumido na zona de descenso. O partido foi frouxo, gozando os fisterrans de moitas ocasións para sentenciar, desaproveitadas, e finalizando con ese exiguo pero suficiente 1-0 para os verdes. Non sacou nada positivo o Sporting Zas en Rianxo, ante o potente conxunto do Unión, que deixa aos sportinguistas dous puntos por encima do descenso, con catro xornadas sen gañar, pero motivado polas moitas baixas que arrastran os pupilos de Víctor Pazos que, pese a iso, venden moi caros os seus tropezos. O Outes volveu puntuar lonxe de casa, sumando un empate sen goles no terreo do Flavia de Padrón, que, aínda que non lles serve aos da Serra para saír do farolillo vermello, si é válido para mostrar unha franca melloría e o seu segundo partido consecutivo puntuando, aínda que siga moi afastado dos postos de permanencia. Na próxima xornada, o Dumbría recibirá a visita dun Lalín vindo a menos e que cambiou de adestrador a semana pasada, pero que segue nunha incómoda posición na táboa clasificatoria. Difícil desprazamento do Fisterra ante o Agolada, cuarto clasificado, onde os verdes terán que poñerse o mono de traballo para sacar algún resultado positivo. Zas e Outes xogan ante os seus afeccionados coa intención de sumar uns triunfos que levan xornadas negándoselles. Os sportinguistas terán como rival a un Silleda que ocupa a oitava praza, a catro puntos do Sporting, mentres que o Outes terao complicado coa visita do Unión.   O Nantón endosa a primeira derrota ao Muxía Primeira derrota do Muxía en Terceira, na súa visita a Nantón, onde os locais, que buscan o ascenso e asegurarse os postos de promoción, deron boa conta dun Muxía que se adiantou no marcador e que ve recortada a súa vantaxe na táboa clasificatoria, pois o Ameixenda segue a súa marcha e superou ao Castrelo en Vimianzo, deixándolle fose dos postos de promoción. Lira e Volantes ocupan eses dous postos por baixo de Ameixenda e Nantón. Os primeiros venceron en Cabana por 1-3, mostrando solvencia e superioridade, pese a que o Cabana adiantouse no marcador, pero xa antes do descanso os pupilos de Manín deron a volta ao marcador. O Volantes, con máis apuros dos previstos, cedeu dous puntos no terreo do colista, Camelle, pero aumenta a súa vantaxe sobre o Castrelo, mentres que Outes B e Seaia repartíronse os puntos nun duelo con seis tantos e moi disputado. Na próxima xornada, o Muxía é favorito en Arliña ante o Seaia, do mesmo xeito que o Ameixenda ante o Cabana, mentres que o Nantón terá un complicado desprazamento ao terreo do Volantes, que necesita gañar para non verse ameazado por un Castrelo que recibirá en Vimianzo a visita do Outes B, coa necesitade imperiosa de triunfo para os locais. En Carnota, o Lira é favorito ante o farolillo vermello, Camelle e debe sumar os tres puntos para seguir nos postos de promoción que agora ocupa.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios