Luns. 07.10.2024
El tiempo

A Pipa: Xornada de sorpresas, relativas

A Pipa: Xornada de sorpresas, relativas
O Coristanco empatou no Cairo-Foto-Fin Lema O Coristanco empatou na Rocheira ante o Corme-Foto-Fin Lema Xornada de sorpresas, relativas nalgún caso, a disputada o pasado fin de semana na Liga da Costa, onde o Corme, malia non pasar do empate no campo do Coristanco, un dos máis complicados da categoría polas súas curtas dimensións e o bo traballo dos verdes, viu aumentada a súa vantaxe con respecto ao segundo clasificado, Baio, que se viu sorprendido no Pratas Reinoso polo renacido San Lorenzo. En Coristanco, malia adiantarse no marcador, e dominar durante prácticamente toda a segunda metade, o Corme non puido sacar máis que un empate que lle serve para manterse no liderato, agora cunha vantaxe de cinco puntos sobre o CD Baio, e seguir, unha xornada máis, invicto. Os locais souberon nadar e gardar a roupa ata sumar un punto que pode resultar vital para os seus obxectivos de final de campaña. Pola súa banda, o Baio, que se puxo cun marcador favorable aos cinco minutos de xogo, viu como o San Lorenzo, lograba o empate antes do descanso e, na segunda metade, cando parecía estar máis preto o triunfo blanquiazul, dous contras dos de Verdillo colocaron un contundente 1-3 no marcador, que renace as ilusións do once rojillo e frea ao Baio nas súas aspiracións de lograr o título.
Quen non falla é o Mazaricos, aínda que a pesar do 3-0 final non o tivo fácil ante un Cee que mantivo o tipo ata o minuto 66, no que o conxunto de Néstor facía o 2-0 e poñía terra por medio. Os amarelos seguen, paso a paso, acurtando distancias coa zona de ascenso e promoción, estando a un punto do Baio e a seis do liderato. Suma e segue o Ponteceso de José Barca que, aos poucos, colocouse na cuarta praza, a tres puntos do segundo clasificado, logo do seu gran triunfo no derbi ante un Malpica que viña crecido, pero que foi incapaz de frear o bo xogo dos visitantes, ata deixar o marcador nun claro 0-3 que deixa aos locais na novena praza. No derbi de Buño, o once local foi capaz de superar ao Cerqueda por 1-0 nun choque moi intenso e onde os pupilos de Raúl Periscal, tralo gol dos pupilos de Mauro fóronse en busca do empate, e ben puideron alcanzalo nun máximo castigo que erraron e puido significar un empate que non sería inmerecido, pero os tres puntos caeron ao lado do máis necesitado, que pon terra por medio na loita pola permanencia. Do mesmo xeito fixo a Esteirana, que non deu respiro a un Baíñas que se afunde no farolillo vermello da clasificación e xa está a cinco puntos da permanencia, si non hai arrastres de Primeira. Os xogadores dirixidos por Javier Lodeiro volveron polos seus fueros goleadores e sacaron adiante un importante compromiso para poder respirar un pouco e afastarse do descenso directo. Nesa zona de descenso parece ancorarse un Porteño que chegou ao descanso en Castriz con empate no marcador, pero que na segunda metade viuse superado por un once local que mantén a súa sétima praza na clasificación e coa tempada prácticamente resolta en canto ao seu obxectivo primordial. O once da Ponte do Porto segue en zona de descenso, a un punto do Coristanco e tres por baixo do Corcubión. Este último non foi capaz de sumar puntos no desprazamento a Muros, ante un Monte Louro preparado por Oscar Leis que, paso a paso, se ha ir afastando da zona de perigo e xa son nove os puntos que lle separan do descenso, mentres que os visitantes seguen buscando unha racha que lles leve a consolidarse na zona máis tranquila da clasificación. En Camariñas, as baixas de Soule e Brandon parece frear un tanto aos locais, que non pasaron do empate ante un serio Laxe, pese a que o once local puido gañar o choque nun gol anulado por fóra de xogo que puido significarlles os tres puntos. O Laxe busca saír do descenso, pero con só dous triunfos debe de mellorar ostensiblemente para lograr ese obxectivo. Na próxima xornada, partido grande en Ponteceso, onde os locais recibirán a visita do Baio, con tres puntos vitais en xogo para as aspiracións duns e outros. Moi pendentes deste encontro estarán o Corme, que recibirá no Cairo a un perigoso Cee; o Mazaricos, que pode colocarse segundo si tropeza o Baio e gana en Malpica; e o San Lorenzo, que recibirá a unha Esteirana capaz do mellor e do peor. Por abaixo, necesitan o triunfo o Baíñas, ante o Camariñas en Vimianzo; o Laxe, que recibirá a un Buño en alza; e dous duelos importantes na zona de perigo serán os que disputen en Corcubión os locais e o Coristanco, con dous puntos de vantaxe para os blanquiazules, e en Ponche do Porto, onde chegará un Monte Louro en alza. En Buño, duelo entre dous equipos en zona moi tranquila e con todo practicamente feito na competición: Cerqueda-Castriz.   En Primeira, triunfo con sentimento do Fisterra Aínda que o partido importante era o que enfrontaba en Dumbría, no derbi, aos líderes e Sporting Zas, a emotividade estaba en Fisterra, onde os verdes querían render unha sentida homenaxe ao seu falecido presidente, Desi, e alá onde se atope viu como o seu equipo lograba os tres puntos, sufridos como sempre, ante un Tordoia que se afasta case definitivamente da zona de ascenso. Un éxito que sitúa aos fisterráns na oitava praza con dez puntos de vantaxe sobre a zona de descenso directo. Oito son os puntos que ten de vantaxe o Sporting Zas sobre esa zona, malia a derrota en Dumbría, onde os locais sufriron moito para sumar os tres puntos en xogo, que lle sitúan con quince puntos de vantaxe sobre a terceira praza e cinco sobre o segundo en pos do ascenso. Dous goles na recta final da primeira metade puxeron terra polo medio pese ao traballo dos sportinguistas, que nunca se deron por vencidos, ata o 3-1 final. En Sigüeiro, o Outes foi capaz, na segunda metade, de remotar un 2-0 co que se chegaba ao descanso, pero a vitoria do Val do Ulla aumenta a desvantaxe dos blanquinegros de cara a conseguir a permanencia, agora a tres puntos dos de Ulla e seis co Lalín. Non entanto, foi meritorio o empate, remontando un resultado que puido aínda ser mellor. Pese a todo, hai que contar cos arrastres de Preferente, onde os postos de descenso os ocupan dous conxuntos que recalarían nesta zona, e en Terceira os catro descensos son para Preferente Norte, de xeito que en Preferente podería haber ata sete equipos que perdesen a categoría e tres faríano a este grupo, ata o Flavia, con 23 puntos, podería verse inmerso no descenso, co Sporting Zas un punto por encima do mesmo na actualidade. Pero aínda resta moita competición e aínda a Liga pode dar moitas voltas. Na próxima xornada, irá a Riveira o Fisterra, cos dous equipos empatados a puntos na táboa, mentres que o derbi da xornada enfrontará ao necesitado Outes co intratable Dumbría na Serra, mentres que o Sporting Zas recibirá a un Poboa que non respondeu ás expectativas do principio de tempada.   Xornada irregular en Preferente Ningún dos tres conxuntos costeiros venceu en Preferente, aínda que o Xallas si obtivo un resultado positivo no complicado terreo de xogo do Lemos, cun 0-0 que permite aos verdes seguir soñando con, polo menos, estar na promoción de ascenso, ou ata co ascenso directo, pois son tres os puntos que lle separan do Estudiantil, segundo clasificado, pois o liderato parece consolidado para o Noia. Frenazo do Sofán en Chantada, cun 3-0 excesivamente amplo para os locais ante un once rojillo que non mereceu tan ampla derrota e que queda na novena praza, a dous puntos do Polvorín-Lugo B que parece desinflarse na súa loita con Paiosaco, Laracha e Xallas en pos dos postos de ascenso e promoción. Por abaixo, frenazo inesperado do Soneira ante o colista, Sporting Sada, que sumou un sorprendente empate no Municipal de Vimianzo, pese aos merecimientos dos pupilos de Víctor Pazos para sumar un triunfo vital nas súas aspiracións de permanencia, pois, como comentei anteriormente, os actuais descensos de Terceira fan que sexan sete os equipos que perdan a categoría en Preferente Norte, polo que a permanencia marcaríaa o Lemos, con 27 puntos, sete por encima dos brancos. Na próxima xornada, apaixonante Xallas-Soneira na Fontenla, con dous equipos en tendencias moi diferentes e un Sofán que recibirá en O Carral a un Ribadeo do que lle separa un punto na táboa clasificatoria.   En Terceira, xornada de empates En Terceira, todo segue igual, con catro empates e o triunfo do Muxía sobre o Castrelo, excesivamente abultado polos merecimientos duns e outros, que deixa aos locais con moita vantaxe á fronte da clasificación de face á terceira volta da Liga. Engánchase o Cabana a esa loita polos postos de promoción, pois se coloca a dous puntos do Castrelo e un do Volantes de Baños, que son outros dos candidatos a estar nesa fase final, onde o Ameixenda parece ter praza fixa, do mesmo xeito que o Lira e o Nantón, este sen descoidarse, polo que a última praza poñerana en xogo Castrelo, Volantes e Cabana. Na xornada que pecha a segunda volta, o Castrelo medirase no Municipal de Vimianzo ao Volantes de Baños, mentres que o Cabana recibirá a visita do líder, Muxía. Ningún pode fallar para non comezar a fase decisiva con desventaja na clasificación. A paixón segue na Costa e, cada xornada que pasa, aumenta a mesma, con ilusións intactas e obxectivos en moitos casos aínda por alcanzar. Unha semana máis, os campos da zona volverán vestirse de gala para apoiar, uns e outros, aos seus equipos en busca do triunfo.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios