Chega a última xornada do ano para o Fútbol da Costa. Pero chega cargada de partidos interesantes. Serán dúas semanas de parón, pero terán un inciso o día 29, cos 5 choques da Previa da Copa da Costa.
Así que imos repasando cada categoría, e comezamos pola Preferente, onde os nosos terán partidos complicados para pechar o ano. O XSC quere quitarse o mal sabor do último mes de competición pero para iso terá que pelexar co líder, o Bergantiños, que chega a Fontenla con só unha derrota. Mentres o Dumbría terá a ocasión de empatar co Silva na 4ª praza nun choque moi difícil no Conco. E o Soneira, o máis necesitado visita ao Dubra nunha saída complicada pero asequible, e que os pode deiar fóra o descenso a final de ano.
O partido da xornada xogarase na 1ª Autonómica e no Xosé Luís Vara. A Esteirana recibe a un Camariñas en urxencias que intentará todo para sumar e saír do descenso. O que non poderá saír do descenso polo menos no 2013 é o Ponteceso, pero querrá polo menos pegar un estirón sacando algo positivo da visita dun Arzúa que anda nada menos que 2º na táboa. Ademais, o Malpica visita a un Bertamiráns B que ten os mesos puntos e o Baio visita a un Sigüeiro na zona baixa, onde ademais de sumar, poderá facer un favor aos veciños costeiros en apuros.
Duelos interesantes na 2ª Autonómica, cun Zas-Castriz que pode ser o último tren para os de Corredoira, ou un Muros-Outes que medirá se o Outes efectivamente se desinfla.
Dous partidos centrarán a atención da 3ª Autonómica. O Baíñas recibe a un Lira que vén con moita forza e que se pode poñer a 2 puntos. Ademais o Seaia - Nantón será tremendamente igualado, mentres que o Montelouro terá un choque moi complicado en Arliña para non perder o ritmo do líder.
Nos Xuvenís poden quedar as acousas case que sentenciadas cando quedarían 5 xornadas para o final. No Gr.3, se XSC e Esteirana non fallan nas súas visitas aos Mazaricos e Lira, e Cee e Fisterra non gañan, quedarían as 3 primeiras prazas case que sentenciadas.
Algo parecido pode pasar polo Gr.4, pois se o Cabana vence ao Ponteceso, e Corme e Malpica non fallan ante Coristanco e Porteño, o cadro pontecesán e o Coristanco quedarían moi lonxe.
O Dumbría da División de Honra Cadete quere rematar o ano na 4ª praza e fará do Conco unha festa, mentres que na Liga Galega Infantil buscará rematar o ano no grupo da loita polo título.
Xa na 1ª Cadete, o Muros e o Zas loitarán por saber que remata o ano detrás dun Fisterra que non parece que vaia fallar contra o pechacancelas. E na 1ª Infantil Fisterra e Cee se enfrontarán nun auténtico duelo no cumio, mentres que o Corme terá dous partidos (un aprazado da semana pasada) para colocarse ao carón dos dous de arriba.
Nos Veteranos o partidazo da semana será o Soneira-Coristanco. O actual campión vai de menos a máis esta campaña e o domingo recibirá a un Coristanco que leva toda a temporada arriba e suma 2 puntos máis que o cadro soneirán, e só 2 menos que o líder, un Laxe que visita ao Ponteceso.
E xa na Liga Intermunicipios, o Cances poderá remachar o bo comezo de campaña se non falla ca visita do Xornes. Se tropeza, estará atento o Sp. Brea, que recibe Á Piña, e mais o Baldaio, que visita ao pechacancelas, o Laxe.