Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Bruno Méndez suma un novo “oitomil”

Bruno Méndez suma un novo “oitomil”
Bruno Mendez escoltado por David Castreje e Ruben Reborido en Redondela Bruno Méndez, escoltado por David Castreje e Rubén Reborido, en Redondela

O colexiado cormelán Bruno Méndez, o árbitro de maior categoría da Subdelegación da Costa da Morte, está a ter unha magnífica temporada, e esta próxima fin de semana volverá coroar un dos estadios senlleiros do noso país. Se na xornada 4 tivo a encomenda de dirixir o Racing de Ferrol-Céltiga no campo da Malata, desta volta (xornada 13) visitará outro campo con moitísima historia e con partidos de fútbol profesional non hai tantos anos: O Couto.

O partido (domingo, 16.30 horas) enfrontará ao UD Ourense (cuarto clasificado) co colista (Porriño Industrial). Bruno Méndez estará auxiliado por dous compañeiros da Delegación da Coruña, Héctor Castiñeira e Martín García.

Tamén estará na Terceira División Rubén Reborido, no seu caso como asistente número 1 no Arousa-Boiro que se disputará no campo da Lomba e que dirixirá o coruñés Adrián García.

Tres tríos costeiros para a Primeira

E a Subdelegación da Costa terá tamén moita presenza esta xornada na Primeira Galicia, con tres tríos costeiros en liza.

David Castreje dirixirá un encontro de urxencias no Andrés Pena (domingo, 16.30 horas) entre o conxunto local, o Sada (actualmente antepenúltimo) e o Brexo Lema (situado só tres puntos por riba do descenso). Estará auxiliado nas bandas por Rai Reborido e Sebastián Pérez.

Tamén dentro do grupo 1, en horario Champions, Adrián Pérez dirixirá na Grela 1 (domingo, 20.00 horas) o encontro de rivalidade coruñesa entre Orillamar e Olímpico, equipos que viaxan ambos na zona morna da táboa. Nas bandas estarán os tamén costeiros Juan Marcos Ríos e Manuel Trillo.

E no grupo 2, Alberto Baña dirixirá o encontro que no municipal de Vimianzo (domingo, 16.30 horas) enfrontará ao Soneira e o Escravitude. Para os locais é unha especie de final máis que anticipada, pois atópanse antepenúltimos, moi lonxe dos obxectivos iniciais. Alberto Baña estará acompañado por Óscar Rey e Esteban Domínguez.

Un derbi que bota fume en Pedra Queimada

Xa na liga da Costa, o partido que atrae todas as miradas terá lugar en Pedra Queimada, onde se dirimirá un novo derbi malpicán entre Malpica e Buño. O encontro é de moitas urxencias para os visitantes, que chegan ao borde dos postos de descenso, despois de encaixar unha dura goleada na súa casa e con incertidumes no banco. O derbi malpicán terá tamén colexiado malpicán, para que todo quede na casa: Marcos Ordóñez. O outro derbi da xornada disputarase no Eleuterio Balayo entre Muros e Louro, con arbitraxe por conta de Marcos Bravo (delegación de Santiago).

O líder invicto da categoría ten un compromiso a priori asequible contra o UC Cee (Pino do Val, domingo, 16.15 horas, Iván Vilanova) en tanto o Corme visita ao colista Lira (Lombáns, domingo, 16.30 horas, Carlos Señarís).

Na Terceira o partido da xornada enfrontará o domingo na Rocheira (16.30 horas, Iván Ferreiro) ao líder e principal favorito, Coristanco, e á revelación da temporada, o Castrelo, líder durante varias xornadas e actualmente cuarto clasificado. O Castriz, que cedeu o liderado no enfrontamento co Coristanco da pasada xornada, tentará retomar a primeira posición, cando menos de forma provisional, no partido adiantado ao sábado no Rodeiro contra o Camelle (16.15 horas, Juan Marcos Ríos).

O liderado do fútbol base pasa polo Cairo

En categoría xuvenil, o que parecía intratable Corme viu freado o seu dominio, e cedeu dous empates nas últimas tres xornadas, o que apretou algo a clasificación por arriba. Sen embargo, esta pode serlles unha semana propicia para volver abrir oco, pois reciben no Cairo (sábado, 16.00 horas, Carlos Señarís) a un Camariñas que só foi quen de sumar até agora seis puntos, mentres que o segundo clasificado, o Fisterra, ten xornada de descanso.

Tamén en categoría infantil o Corme defende liderado, despois de oito partidos saldados con sete vitorias e un empate. Nesta xornada reciben nun duelo de veciñanza ao Cabana (O Cairo, sábado, 11.30 horas, José Ageitos). Os dous perseguidores do Corme, Dumbría e Sofán, enfróntanse entre si no partido da xornada, que será no Carral (sábado, 19.15 horas, José Ageitos).

A categoría cadete mantense como a máis igualada de todas neste arrinque de temporada. Catro equipos igualan á fronte da táboa con 15 puntos: Cee, Esteirana, Concello de Zas e Outes. E tamén neste caso o liderado pasa polo campo do Cairo, pois ao Corme renderá visita o que, por gol average, é actualmente líder, o Cee (domingo, 11.00 horas, Manuel Espasandín).

O fútbol veterano pon a mirada nas Pedreiras

O partido da xornada no fútbol veterano ten lugar e hora: As Pedreiras, 10.00 horas, con arbitraxe a cargo de David Castreje. Alí se atoparán o conxunto local, San Lorenzo, líder case intratable da categoría (8 vitorias e apenas 1 derrota en nove partidos) fronte ao vixente campión, o San Román, que comezou dunha forma irregular pero acumula xa cinco vitorias de forma consecutiva.

En Primeira, o Corme encaramouse ao liderado e parece afianzarse (cinco triunfos consecutivos) despois da vitoria da pasada xornada fronte ao Deportivo Razo (naquela altura, segundo e aspirante ao trono). Esta semana volverá ter rival carballés, pois visitará As Eiroas (domingo, 10.00 horas, Daniel Martínez) para enfrontarse ao Deportivo Carballo.

  Xa saben que teñen todas as designacións en www.futgal.es e todos os horarios, resultados e clasificacións actualizados ao momento en www.futboldacosta.com.

Comentarios