A Comisión de Festas de Sanfíns pon a conta atrás para o Torneo de Futsal 4x4 – Memorial Juan Insua

A Comisión de Festas de Sanfins, en colaboración co Concello de Vimianzo, vén de anunciar a 2ª edición do Torneo de Futsal 4x4 – Memorial Juan Insua, que terá lugar o sábado 21 de xuño de 2025 na pista polideportiva de Caxadas (Vimianzo). O cartel oficial foi presentado nun acto especial diante do Concello, deixando claro que este torneo chegou para quedar.
Tras o éxito da primeira edición, a organización quere volver ofrecer unha xornada de fútbol, diversión e convivencia para nenos nados entre 2013 e 2016, convertendo Caxadas nun espazo de encontro para familias, deporte e amizade en plena natureza.
Segundo Félix Roget, membro da Comisión de Festas de Sanfins, “o noso obxectivo segue sendo crear unha experiencia deportiva, lúdica e gratuíta para os pequenos da Costa da Morte, fomentando valores como a participación, a amizade e a diversión”. Roget tamén aproveitou para agradecer de corazón a todas as empresas patrocinadoras e ao Concello de Vimianzo “polo apoio imprescindible para facer realidade este proxecto”.
A alcaldesa Mónica Rodríguez quixo felicitar á comisión polo seu traballo e compromiso: “É admirable ver como as festas non só son verbena, senón tamén deporte, cultura e memoria, lembrando a figura de Juan Insua. Estes proxectos son os que dan vida ao noso municipio”.
Poden realizar as Inscricións ata o 15 de xuño a través desta ligazón
A participación é totalmente gratuíta e todos os xogadores terán dereito a:
- Xantar con churrasco, froita e auga
- Seguro deportivo
- Trofeo, medallas e camisetas oficiais “Costa da Morte #DeathCoast” para o equipo gañador
- Medallas para os equipos 2º, 3º e 4º clasificados
- Trofeo ao máximo goleador, ao porteiro menos batido e ao MVP do torneo
Maratón
Paralelamente, durante os días 21 e 22 de xuño, estase a traballar para celebrar dúas modalidades de maratón de futsal para adultos:
• Categoría Senior
• Categoría +45