De clase Preferente
22:19 06/11/16
Xornada sen derrotas para os equipos costeiros na máxima categoría, onde o Sofán asoma incluso en postos de promoción; na Liga da Costa hai unha brecha de xa case dous partidos entre o dúo de cabeza e o resto
O Sporting Zas caeu co Tordoia na casa
Por primeira vez no que vai de tempada o fútbol da Costa da Morte pasou por enriba da xornada 'picando' algo en cada unha das frontes que tiña abertas na máxima categoría autonómica, algo extremadamente positivo tendo en conta que o común denominador obxectivo dos tres representantes é a permanencia. Só o Xallas acadou os tres puntos, nun encontro incluso cómodo e con viaxe maratoniana a Lemos, para medirse ao Atlético Escairón. Os combeses son equilibrio puro no que vai de curso: catro vitorias por outros tantos empates e derrotas, cun gol e medio por partido a favor e en contra. E transitan exactamente no ecuador da táboa. Aínda que sen deixar de sumar, peor sorte tivo o Soneira na súa visita a Sarria, onde nun festival realizador mereceu mellor sorte. Os vimianceses amagan e gustan, pero non acaban de dar o salto cualitativo hacia a tranquilidade. Un regusto moi distinto tivo a igualada do Sofán, aínda que fóra na casa, ante o duro Bertamiráns. Os carballeses asoman a cabeza nos postos de promoción a Terceira División, por encima de xigantes coma Laracha, Paiosaco ou Atlético Arteixo.
Cada vez máis sobrado vai na Primeira Galega un Dumbría que goleou, convenceu e ata avasallou contra o Agolada. Os brancos, invictos, non só medran en fiabilidade defensiva, senón que teñen a extraordinaria nova da recuperación xa total de Rubén Márquez, cada vez máis protagonista. Do resto da xornada novamente un desprazamento debuxoulle o sorriso á SD Fisterra, que curiosamente está a acadar os seus mellores momentos de fútbol a domicilio. A igualada en Sigüeiro é de candidato a ascenso e borra o mal trago da derrota co Piloño. Mellorou o Outes na visita do Lalín, pero non lle deu tampouco esta vez para puntuar, mentres que o Sporting Zas atopou no Tordoia unha pedra.
Empeza a rachar a táboa nunha Liga da Costa na que o bipartito Corme-Baio abre unha brecha de xa case dous partidos respecto ao seguinte pelotón. Dez goles marcaron entre os dous conxuntos, e notables foron os dos cormeláns nas Pedreiras de Verdillo, a modo de mensaxe de fiabilidade e tras remontar dous goles en contra. Algo máis sinxelo o tiveron os de Pedro Gómez na casa co Monte Louro. Outras noticias agradables do comezo de Liga tiveron un día para esquecer, coma o Cerqueda, que cedeu o seu posto ao seu verdugo Mazaricos, ou o Camariñas, que parece dimitir da carreira de fondo tralo mal partido ante o Buño. Chave pola zona baixa foron a vitoria do Corcubión en Vimianzo ante o Baíñas, así como a igualada entre Laxe e Porteño.
Deixou a Terceira unha sorpresa e media. Boquiaberta deixou á liga o triunfo/goleada do Volantes de Baño en Cee ante o Ameixenda, que amosa o potencial dos muradáns cando saen ben dúas cousas básicas. E foi nova da semana que o Muxía non acadase o triunfo, tras igualar sen goles en Vimianzo contra un serio Castrelo.
PreferenteNorte, xornada 12
1ªAutonómica, Gr.2, xornada 10
2ªAutonómica, Gr.2, xornada 10
LigaGalega Xuvenil, xornada 9
1ªXuvenil, Gr.2, xornada 6
1ªXuvenil, Gr.3, xornada 9
LigaGalega Cadete, xornada 9
1ªCadete, xornada 6
LigaGalega Infantil, xornada 8
1ªInfantil, xornada 8
LigaAlevínSur, xornada 4
LigaBenxamínSur, xornada 4LigasVeteranos, 1ª División
LigasVeteranos, 1ª División
Máisinformación
- Mercado de fichaxes do Fútbol da Costa.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.