Martes. 15.10.2024
El tiempo

Deporte e saúde con DaFIT: Exercicio funcional para saber cargar pesos

Deporte e saúde con DaFIT: Exercicio funcional para saber cargar pesos

Seguramente, escoitariades a frase “exercicio funcional”, pois é un concepto moi en boga na actualidade, pero que é? que características ten para chamarse así?

O termo funcional, foi popularizado, fai máis de 30 anos, por Paul Chek provinte da súa labor como fisioterapeuta. Empregaba na rehabilitación exercicios que semellaban movementos da vida diaria, para aquelas persoas que non lograban melloría con métodos tradicionais. Estes debían cumprir unha serie de características básicas.

Exercicios Funcionais con DaFIT  

Os exercicios funcionais teñen varias características propias, como son:

  • Simular patróns de traballo que se realizan na vida cotiá.
  • Activan cadeas musculares enteiras, e non de xeito illado.
  • Orixínanse dende o core (zona centro) cara as extremidades.
 

O seu obxectivo é unha función concreta: levantar, cargar peso… simplemente pensade naqueles movementos que se realizan a diario, con máis técnica e aplicados ós adestramentos.

Estes teñen en conta, tanto os músculos mobilizados para realizar o movemento como aqueles encargados de manter a postura e o equilibrio; incorporan movementos diagonais, horizontais, verticais e rotatorios, nun mesmo, buscando a mellora do rendemento muscular.

Do que se trata un adestramento funcional é de poder utilizar tódolos movementos da vida diaria adaptados a un plan de adestramento. De acordo cas súas necesidades e obxectivos calquera persoa pode adestrar funcionalmente.

Os principais beneficios do adestramento funcional son:

  • Mellorar a mobilidade xeral, tanto articular como muscular.
  • Un maior gasto e queima de calorías.
  • Mellora das habilidades motrices: axilidade, coordinación ou o equilibrio.
  • Mellora da postura corporal, xa que tamén emprega exercicios de rotación.
  • E é moi divertido, xa que emprega múltiples exercicios e movementos. Sóense realizar en grupo, o que favorece a integración dos participantes.
 

O crossfit, por exemplo, é un adestramento funcional, baseado nun programa de forza e acondicionamento físico total. As sesións son de alta intensidade e de curta duración, e todos os exercicios implicados no seu desenvolvemento son funcionais. Dentro da súa variada programación un dos exercicios que emprega son os burpees, os cales detallaremos máis polo miúdo, a continuación.

Eficaz, completo e funcional: Os burpees

burpees

Os burpees son por excelencia un dos exercicios máis odiados nos adestramentos, quizais debido ó seu nivel de esixencia, pero que posúe grandes beneficios, así que vexamos a que se debe esta relación de amor-odio.

É difícil saber concretamente, quen é o creador do burpee, pero a mediados dos anos 30,  Royal Huddleston Burpee, é o que lle dá nome e popularidade ó mesmo. O burpee formaba parte dun exame de medición de aptitude física, moi en auxe na época, a día de hoxe este sufriu variacións en relación co orixinal. Xa no ano 1944, foi adoptado polo exército americano como un exercicio do programa de adestramento.

En que consisten?

Realízase con unha sucesión de movementos directos e sinxelos. Para comezar débese estar de pé e con eles separados á altura dos ombreiros e cos brazos relaxados. Partindo desta postura o primeiro é baixar realizando unha semi-sentadilla (squat), inclinando o torso e apoiando as mans no chan, ate poñerse en posición de prancha horizontal, facer unha flexión (pushup) pectoral e de tríceps á vez. A continuación, levantarse con impulso (cun salto de rá) xuntando as pernas e enderezando o corpo, para rematar dando un salto final cos brazos estendidos por encima da cabeza e dando unha palmada.

Os burpees que se realizan en croosfit, buscan potencia e rapidez, iniciase o exercicio igual, só que o peito contacta co chan e ó incorporarse realizase extensión de cadeira, salto e brazos estendidos por detrás ou por encima da cabeza e dando unha palmada, ó mesmo tempo que se despegan os pés do chan.

Resulta un exercicio esixente, xa que nunha soa repetición son involucrados: bíceps, tríceps, peito, ombreiros, cuadríceps, glúteos, abdominais, etcétera. Este feito fai que coa continuada repetición do exercicio o corpo note o desgaste, dado que se utiliza o corpo como carga.

Sóense realizar cunha intensidade alta ou medio-alta, de aí os seus beneficios a nivel de resistencia muscular, resistencia pulmonar, resistencia cardiovascular ou na mellora da capacidade para traballar máis rápido en espazos curtos de tempo.

A súa versatilidade:

Tan só requiren o corpo (como “material”), sen necesidade de equipamento algún e moi pouco espazo, o que permite realizalos en case calquera sitio. Préstase a multitude de modificacións, permitindo adaptarse a diferentes niveis, en función da condición física de cada participante. Facéndoo máis sinxelo, eliminando a flexión ou o salto, ou ben facéndoo máis complexo, engadindo cambios: modificando os puntos de apoio (só cunha man ou só cunha perna), variando os saltos, introducindo superficies inestables, combinándoos con outros exercicios, engadindo materiais, etcétera.

Ó comezar a facelos é interesante comezar por partes ou ben lentamente, para mellorar pouco a pouco a súa execución antes de engadir velocidade, para ter mellores resultados e sacarlle o máximo proveito ó exercicio.

Beneficios

Ó ser un movemento multi-articular e multi-muscular, trabállanlle simultaneamente os músculos das pernas (cuádriceps, isquiotibiais e glúteo maior), do core (recto abdominal e flexor da cadeira)e do tren superior (deltoides, ombreiro, peito e tríceps), desenvolvendo a capacidade muscular. Permitindo así gañar tonicidade e forza, queimar calorías e desenvolver a potencia, entre outros, contendo un gran compoñente aeróbico.

Se queredes descubrir en primeira persoa estas vantaxes dos exercicios funcionais achegádevos polo Complexo Deportivo de O Conco (Dumbría), todas as tardes de luns a xoves.

Saúde e burpees para tod@s!! ;)

 

Sesións con Dafit

Máis información

Dafit seguenos

Fonte

  • Enlace patrocinado.

Comentarios