mércores. 19.03.2025
El tiempo

Heroes por accidente

Heroes por accidente
QPC fala con Carlos, meta do Camelle, e Rafa, atacante do Ameixenda, aínda convalecentes no hospital dos fortísimos golpes sufridos o pasado sábado, e que provocaron un sentimento de unión que debe marcar un antes e un despois no fútbol costeiro Rafa no Hospital cos companeiros do Ameixenda recuperandose Rafa recuperándose no Hospital de Cee, acompañado polos compañeiros e o míster do SD Ameixenda Carlos Cousillas Cousillas seguramente, aos seus 36 anos, non vai dar ningún gran salto significativo no mundo do fútbol. Pode que algún máis, pero tampouco cara o profesionalismo, o pegará Rafael Ramos Louzán, de 21. Aínda así, para moitos o gardamallas do Camelle e o atacante da Sociedad Deportiva Ameixenda son desde o pasado sábado parte da historia do fútbol da Costa da Morte. Co seu infortunio, con dúas xogadas fortuitas, acadaron unha sorte de unión que por desgracia, valga a redundancia, só aparece nas desgracias. Agora, a súa mensaxe debe ir en maiúsculas e non caer únicamente na solidariedade efímera. Ese 'panaborrollismo' costeiro debería ser 'carlismo' ou 'rafismo', en recordo a dous anónimos que desexarían non ter sido nunca protagonistas. O 'black sábado' foi tan retorcidamente casual que nuns minutos se lle parou o latido a varias familias deportivas. Con apenas unha hora de partido do Camelle-Lira, o gardamallas local Carlos Cousillas e o visitante Canosiña porfiaban por un balón, con resultado de golpe fortuito no peito para o primeiro e inmediatamente mareos, vómitos e un pánico que medraba. Xa no centro hospitalario, os doutores diagnosticaban unha perforación no intestino, coloquialmente unha rotura de tripa, con resultado de exitosa operación de urxencia. Non demasiado lonxe, en Cabana, e case ao mesmo tempo, nun balón longo polo que loitaban un defensor local e Rafa este saía trompicado e batía coa cabeza nun dos bloques do fondo. O impacto foi brutal e o futbolista estivo varios minutos inconsciente, e cunha brecha na cabeza. Fundamental foi a actuación do corpo técnico cabanés, así como dunha enfermeira e un doutor que se atopaban entre o público. Carlos Cousillas Porteiro laxense do Camelle Carlos Cousillas, porteiro laxense do Camelle Ningún deles descansa aínda na casa, pero si teñen xa forza e a calma necesaria para atender a QPC e falar cunha notable sensación de alivio. "Non podo correr aínda, pero xa me sinto mellor; lembro a xogada como un balón dividido no borde do área pequena; eu chego por centímetros para despexar de puños e chocamos", explica Carlos, ao que aínda lle queda polo menos unha semana de hospitalización. "Eu agora estou ben, doeme algo a cabeza, pero polo que din os médicos todo vai normal; da xogada non lembro case nada, o único é o que me contaron os compañeiros, pero por experiencia propia nada", di do seu caso Rafa, que onte recibía a visita de toda a expedición do seu equipo. No outro lado da balanza está o papel dos involuntarios desencadeantes do suceso, que foron case dos primeiros en interesarse polo estados dos mancados. Iso, ademais dunha soliedariedade total de todo o balompé costeiro. "Onte (por antonte) veu o rapaz a disculparse, pero non tiña por que, son cousas que pasan e notábase que non tiña mala intención; cando eu cheguei ao hospital, os dos outros equipos xa estaban aquí e síntome moi agradecido a todos", confesa Carlos, nunha liña moi parecida ao que quere transmitir o seu descoñecido 'colega de destino' Rafa: "Só quero dar as grazas a todos, non só no meu caso en concreto, senón de todo o que relaciona o fútbol da Costa; somos coma unha familia e só quero dar as grazas un a un, empezando polos medios". Onde diverxen os casos do camellán (laxense de orixe) e o ceense é no futuro deportivo, en parte por tema persoal, en parte laboral, e tamén xeracional. Para Carlos, que chegara ao Camelle con ganas de levalo á Liga da Costa e lamenta unha tempada difícil, o accidente pudo ter sido un aviso. "Aínda vai para tempo, polo menos dous meses e despois pouco a pouco, as ganas non se perden, pero pensas na posibilidade de quedar sen traballo", lembra. Rafa, en cambio, fala coa ilusión dun rapaz con fame: "Soño con ese momento de volver xogar o antes posible, se pudera ser hoxe non agardaba a mañá; estas cousas por un lado quítanche as ganas porque fan ver que o campo non é ningunha tontería e podeste xogar a vida, pero sen fútbol non vivo". O que é seguro é que o fútbol da Costa, polo menos de aquí nun tempo, vivirá máis unido que nunca grazas a dos heroes que nunca pensaron en selo, pero que deben ser lembrados en cada momento de calentón ou mala vecindade fóra dos terreos de xogo.

Novas relacionadas

 

Comentarios