Marco Lado vestiu a camisola da Selección Galega en Tenerife
Menuda experiencia que viviu o dumbriés Marco Lado nos Campionatos de España de Volei Praia Sub 19. Pasou 3 días inesquecibles na localidade canaria de Arona, entre o xoves 21 e o sábado 23 de xullo, vestindo a camisola da Selección Galega, acadando un 11º posto que demostrou a forte esixencia da competición.
Marco Lado (Dumbría Volei) e José Aba asinaban un gran debut no torneo masculino o pasado xoves no seu primeiro encontro da fase de grupos ante Castela A Mancha. Os galegos foron moi superiores aos seus rivais, rematando a contenda en dous parciais claros de 21-7 e 21-15. Pero a boa racha non durou moito, xa que no partido da tarde, Jose e Marco non podían cos canarios, caendo en trinta minutos por 21-16 e 21-12.
Tras o tropezo tocaba levantarse e xogalo todo a unha carta no choque contra Andalucía que se xogaba na mañá do venres. Os nosos pelexaron o indecible nun partido de máis dunha hora de duración que comezou en contra, cos andaluces por diante cun 14-21 no primeiro set. Pero os xogadores de Eloy Mahía non se deron por vencidos e remontaron no segundo 21 a 19 para seguir con opcións de vitoria ata a lotería do tie break no que a sorte non estivo ao lado dos galegos, caendo con escasa diferencia, 12 a 15.
En oitavos, os galegos volvían a deixar a pel na area ante Cantabria, pero tras un inicio igualado (22-20) eran os cántabros os que se facían coa clasificación para os cuartos de final en Arona. Esta derrota relegábaos a pelexar pola mellor posición entre a novena e a décimo segunda, obtendo finalmente a décimo primeira praza tras perder con Asturias en dous sets (19-21/15-21).
Desta forma Galicia forma parte un ano máis das mellores competicións nacionais, que serven aos nosos xoves deportistas para acumular bagaxe e experiencia para seguir mellorando os nosos resultados no futuro próximo. Agora tan só queda agardar a celebración do nacional sub 21 que se celebrará en Alicante do 18 ao 21 de agosto e pechará a actuación das nosas seleccións autonómicas nesta tempada de verán 2016 chea de emocións.Novas relacionadas
- O dumbriés Marco Lado participa en Tenerife no Campionato de España de Volei Praia.
- Dumbría acolle o circuito galego de Volei Praia das categorías inferiores.
- Unai Larrañaga leva á Selección Galega ao 5º posto do Campionato Nacional de Volei Praia.
- 2016: O Volei Dumbría xogará na Superliga 2.
- 2015: O Dumbría proclámase campión galego de Volei Praia Cadete en casa.
Fonte
- FGV.