Martín Varela continúa cun comezo de campaña ilusionante
O cormelán Martín Varela Dourado, integrante da sección de deporte para discapacitados A.D. Cempés e patrocinado polo colectivo "Con V de Valarés", participou e foi doblemente finalista no Open de Tenis en Cadeira de Rodas de Cataluña 2011, celebrado no Club Atlétic Terrassa da mesma localidade do 25 ao 27 de marzo.
Martín Varela disputou o seu segundo torneo do ano nas pistas de terra batida do club Terrassa. Partía como segundo cabeza de serie, tras o catalán Kiko Tur e ambos cumpriron os prognósticos e plantáronse na final. Martín Varela tamén xogou a final de dobres facendo parella co madrileño Rubén Pérez. Ambas as finais, deslucidas pola choiva, non puideron xogarse nas pistas de terra batida do Club Terrassa e tiveron que disputarse en pavillón cuberto a sets curtos de catro xogos, nunha superficie pouco apta para a práctica do tenis en cadeira.
Comezo de campaña ilusionante
O cormelán pechaba así unha boa semana, tras o seu triunfo no Open de Cueno (Italia) e trala nova de que o colectivo "Con V de Valarés" apoiará ao cormelán cunha achega que lle permitirá empezar a tempada, en busca da ansiada clasificación para as Paraolimpiadas do 2012. Martín quere dar as grazas ao colectivo polo seu apoio e publicitará a imaxe do Festival por diversos puntos da xeografía mundial.
Aínda así, o tenista intentará pechar algún patrocinio máis para poder realizar o maior número de torneos internacionais posibles durante esta tempada.
Boa participación en Cataluña
En canto ao desenvolvemento do torneo, Martín pasaba a primeira rolda por bye, disputando os cuartos de final contra o andaluz Mikel Muñoz. Varela gañaba facilmente por 6/1 e 6/2. Xa en semifinais xogou ante o terceiro cabeza de serie do torneo, o aragonés Carlos Pina. Martín sorprendía a Pina no primeiro set superándoo por 6/0 e aínda que o aragonés quixo recuperar no segundo, o cormelán mostrouse seguro e levou tamén o segundo set por 6/4.
Desta forma xogábase a final esperada entre Varela e Tur, ambos os membros da selección española de tenis en cadeira. Pero a final non puido brillar todo o que debía por mor da choiva que ata o domingo non fixera acto de presenza en Terrassa. As finais do domingo tiveron que trasladarse a un pavillón cuberto cunha superficie sintética moi rápida e que non permitía moita mobilidade ás cadeiras. Tur mostrouse moi forte e con grandes golpeos facía inútiles os esforzos de Martín por chegar ás bólas. En sets curtos de catro xogos, o catalán vencía a Varela por 4/1 e 4/2.
Pero a boa actuación de Martín Varela tamén continuou en dobres, onde facendo parella con Rubén Pérez plantáronse na final ante os favoritos, a parella catalá Tur - Montoya. Do mesmo xeito que a final individual, tivo que disputarse en pavillón cuberto e non permitiu ver un gran partido entre estes grandes catro xogadores. Os cataláns alzáronse co triunfo por 4/1 e 5/3.
Vindeira cita
Martín participará xa este venres no seu terceiro torneo do ano, o Open de Marbella que se celebrará entre o 1 e o 3 de abril.
Máis información
Novas relacionadas
- Martín Varela escríbese con V de Valarés.
- Martín Varela comeza a temporada internacional cun triunfo en Italia.
- Martín Varela inicia, sen patrocinio, a tempada de tenis en cadeira de rodas 2011 en Italia.
- O Festival ConVdeValarés asina coa Axenda SON da Estrella Galicia e completa o cartel.
Fonte
- Nota de prensa do Colectivo Con V de Valares.