O día menos pensado

21:59 30/10/16
Os triunfos de Xallas, Sofán ou Sporting Zas, unidos ao liderato fortalecido do Dumbría, debuxaron unha xornada insospeitadamente positiva nas categorías máis altas
Pablo Rey, do Malpica, porfía por un balón con Raúl, do Monte Louro - Foto: Edu Olveira
Houbo pedrea un dos días que menos boletos parecían ter mercado os equipos costeiros de categoría superior. Tanto a Preferente como a Primeira Galega deixaron sorpresas positivas, e tamén algunha decepción, que deixan un horizonte de optimismo para a maioría de representantes. Máis previsible foron unha Liga da Costa e Terceira onde os líderes son cada vez máis líderes, e o son ademais cunha decidida aposta pola representación local e o fútbol alegre.
Viña o Xallas de facer o seu peor partido do curso, e chegaba á Fontenla un case campión do ano pasado como o Atlético Arteixo. Pois os astros puxéronse do revés e os combeses tiraron de casta, clase e boas maneiras para levar un partido de bandeira e recuperar as mellores sensacións e o espírito da permanencia de hai uns meses. A un nivel parecido pode valorarse o éxito do Sofán no difícil campo do Arzúa, que deixa aos carballeses máis preto dunha utópica Terceira División que de calquera tipo de apuro. Nese sentido, a nota negativa foi o resultado dun Soneira que está a pagar as baixas e a mala fortuna de cara a gol.
Instalado na dinámica case de rutina e sempre baixo os mesmos patróns vive un Dumbría líder de Primeira, no que case sempre marcan a diferencia os mesmos, e que empeza a ter pinta de dominador da competición. Ese bo aspecto conecta ademais co éxito do Sporting Zas en Lalín, nun exfeudo de Segunda División B, e ante o que incluso pode chegar ser un rival directo. Da balanza tiran para abaixo esta vez un Corme con síntomas preocupantes e un Fisterra con sorprendente patinazo na casa ante o Piloño.
Pouco cambia a vida nunha Liga da Costa cun Corme e un Baio cada vez máis fiables, e onde os plans B de competitividade, como San Lorenzo, Ponteeso, Castriz ou Camariñas patinaron esta vez. Os carballeses viron como a 'resurrección' de Penedo na última acción lles privaba do triunfo, mentres que o prometedor cadro palilleiro comprobou en Mazaricos que aínda lle queda que remar para colocarse a tope na parrilla de favoritos.
E na Terceira Galega poderíase dicir que xogan o Muxía e nove máis. O Ameixenda, alternativa na táboa, tamén caeu en Arliña tras, iso si, un partido precioso e de reivindicación do nivel da categoría. Os da Vila da Barca teñen en si mesmos e na confianza o peor enemigo, con tres partidos de marxe xa sobre a zona de non ascenso.

PreferenteNorte, xornada 11
1ªAutonómica, Gr.2, xornada 9
2ªAutonómica, Gr.2, xornada 9
LigaGalega Xuvenil, xornada 8
1ªXuvenil, Gr.2, xornada 6
1ªXuvenil, Gr.3, xornada 8
LigaGalega Cadete, xornada 8
1ªCadete, xornada 5
LigaGalega Infantil, xornada 7
1ªInfantil, xornada 7
LigaAlevínSur, xornada 3
LigaBenxamínSur, xornada 3LigasVeteranos, 1ª División
LigasVeteranos, 1ª División
Máisinformación
- Mercado de fichaxes do Fútbol da Costa.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.