O Fútbol da Costa perde un dos seus clásicos: A UD Carnota, por Chema Rei
![UD Carnota Campion da 3 da Costa 11-12]()
A UD Carnota celebrando o campionato da 3ª da Costa na tempada 11-12
No panorama futbolístico da Costa tivemos este verán a desagradable noticia de que a U.D. Carnota vai deixar de competir logo de 47 temporadas facéndoo ininterrompidamente, desde que alá na campaña 1969-70 disputou por vez primeira a Liga da Costa. A prehistoria do club viña dada pola súa participación na IIª Copa Ría de Muros, no verán de 1969, torneo este no que competían diversos equipos oficiosos dos concellos de Muros, Noia, Outes e Carnota, moitos dos cales se integrarían máis tarde na oficial Liga da Costa. O Carnota non agardou moito e foi o primeiro dos clubs do "sur" en participar nela; deseguida virían o Noia, Esteirana ou Outes. Do concello carnotán participarían despois a SDC Lariño (fundada en 1977 e desaparecida en 1986) e o Lira CF (creado en 1979, que con máis ou menos atrancos segue aínda competindo).
O primeiro partido oficial da UD Carnota xogouse en Buño, o 22 de marzo de 1970, e perdeu de goleada (5-0), mais no debut en Lombáns xa se impuxo ao Muxía (1-0). Acabou a tempada na zona media da táboa (5º de 10 equipos), clasificación que veu repetindo nos anos seguintes. Pero na súa segunda campaña ía conseguir o seu primeiro título, a xa prestixiosa Copa da Costa. Na final impúxose ao Ponteceso, con vitoria mínima en Lombáns (1-0) -e fallando dous penaltis- e empate na vila de Pondal (1-1).
Na temporada 72-73 volve chegar á final da Copa, pero nesta ocasión non puido conseguir o trofeo, pois o Porteño venceu nos dous encontros (3-4 en Lombáns e 5-3 na Grixa). Nos vindeiros anos, a UD Carnota chegou en varias ocasións ata as semifinais, pero aí parecía que había unha barreira infranqueable: na 75-76 cae co Dep. Carballo, na 76-77 coa Esteirana, na 77-78 co Buño, na 81-82 co Ponteceso nos penaltis, e na 82-83 co Baio, de novo nos penaltis (o Baio errara tres, pero o Carnota catro).
Mais chegará a campaña 85-86, na que a UD Carnota vai conseguir o dobrete, ao proclamarse campión de liga (2ª Rexional Costa Grupo Sur) e campión da Copa. Nesta, o rival da final fora o Club do Mar de Caión, con empate en Lombáns (1-1) e vitoria carnotá no vello campo da Insua (1-2). Coa reforma das categorías por parte federativa, o ascenso do Carnota quedou en nada, pois o que se fixo foi crear unha 1ª Rexional da Costa, polo que nos cinco seguintes anos competiría nesta categoría que non deixaba de ser a Liga da Costa.
![UD Carnota campion da Copa da Costa 85-86]()
A UD Carnota campiona da Copa da Costa 85-86
Os bos tempos deron nos comezos da década dos noventa en tempos difíciles, pero a pesar diso o club non deixou de competir. Na 90-91, cun equipo moi novo cheo de xuvenís e mesmo cadetes, quedou de pechacancelas con 0 puntos (na realidade sumara 4, mais por dúas incomparecencias foi sancionado con catro puntos menos). Na seguinte, xa de novo na 2ª Rexional Grupo Sur, volveu pechar a táboa, sumando só 2 puntos. Na temporada 93-94 xoga na nova 3ª Rexional costeira, na que estivo dous anos seguidos. No segundo deles, na temporada 94-95, proclamouse campión e ascendeu de novo á Liga da Costa. Parece que era o rexurdir do club carnotán, que ao ano seguinte chegaba de novo ás semifinais da Copa, onde se topaba co veciño Lira, que o eliminaba no lanzamento de penaltis. E a mala sorte do equipo de Lombáns con estes lanzamentos tería unha nova etapa na temporada 1999-2000, cando o Soneira os volvía deixar fóra nas semifinais desde o punto fatídico (non foi quen de marcar ningún).
Tivo a oportunidade de gañar a Liga da Costa na 2001-02, mais o título foise para Fisterra pola mellor golaveraxe xeral ao quedaren os dous empatados. Na seguinte temporada chegou de novo á final da Copa, na que non puideron co Cabana, que se impuxo non dous encontros (1-2 en Lombáns e 1-0 nas Redondas). A súa última gran participación copeira tivo lugar na 07-08, na que o Ponteceso o deixou fóra nas semifinais. Na 10-11 descende de novo á 3ª Autonómica polos arrastres, mais na 11-12 volve ascender ao gañar a súa segunda liga da 3ª. Na temporada 2015-16, o Carnota volveu quedar co farol vermello e descendeu á 3ª Autonómica, mais a historia depararía un futuro máis negro, ao non aparecer quen se fixese cargo da dirección do club.
Nas 47 temporadas disputadas, xogou un total de 1492 partidos oficiais (1296 ligueiros e 196 de copa), o que supón ser o 6º equipo que máis partidos xogou na Costa. Dos encontros de liga, gañou 509, empatou 264 e perdeu 523, marcou un total de 2318 goles e encaixou 2379. Como xa dixemos, das 47 campañas, tres disputounas na 3ª Rexional, mentres que as outras 44 corresponden coa Liga da Costa (incluídas esas cinco na 1ª Rexional costeira), o que supón que é o club que máis veces estivo nesta categoría. Na Copa da Costa participou en 44 edicións (non xogou en 91-92, 92-93 e 10-11), nas que disputou 196 partidos (o 4º que máis xogou). Deles 89 foron vitorias, o que dá idea do éxito do club neste torneo, que gañou dúas veces, perdeu outras dúas finais, e caeu nas semifinais en oito ocasións (catro delas no lanzamento de penaltis).
No noso libro dos
50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) recollemos estes datos, e tamén moitas anécdotas que fixeron deste club unha referencia do fútbol costeiro. Coma a da non entrega do trofeo da Copa da Costa gañada en Caión porque a Federación se esqueceu de levalo, e que despois para rematar a desfeita enviouna en autobús a Carnota. Moitas das anécdotas que recollemos da prensa proceden dos tempos malos, como nesa fatídica tempada 90-91, na que os malos resultados deportivos se viron completados cunha certa deixadez, e así non foi raro ese ano a noticia dun árbitro pintando as liñas do campo, ou que algún mañoso xogador visitante, como o laxense Paco, arranxase as redes das porterías. Esta temporada tamén vai ser lembrada pola maior goleada da historia da Liga da Costa (e seguramente do fútbol modesto galego), como foi o 32-1 que lle endosou o Coristanco, partido que deparou varias anécdotas, entre elas as manifestacións posteriores do porteiro carnotán: "a partir do 7-0 xa se vía vir a goleada". Tamén falamos dos actos do seu 25º Aniversario, ou da coincidencia dos Sieso pai e fillo na liga gañada en 1995, ou do intento frustrado de fusión co Lira baixo o patrocinio da empresa Prodemar.
Estes son, así polo aire, algúns dos momentos máis destacados deste club, que agora ve interrompida a súa historia. Agardemos que non sexa durante moito tempo e que a U.D. Carnota volve axiña ao fútbol da Costa.
Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa
Novas relacionadas
Artigos de Héctor Pose do libro “Mar de Paixón”
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).