O gol vai cambiar de bando

09:14 01/09/16
Adrián é a gran aposta dun Dumbría que retorna a Primeira Autonómica tras máis dun lustro en Preferente; o que fora xogador do ano a pasada Liga da Costa vivirá ademais unha situación especial, ao enfrontarse ao Fisterra, clube do seu pobo
Adrián, na súa anterior presentación co Dumbría - Foto: Jorge Parri
Ten corenta e un motivos o Dumbría para saír a competir en 1ª co cartel de 'ollo que morde'. Tantos como goles asinou a pasada campaña Adrián López 'Makaay' no seu Fisterra natal, e que agora abandona para capitanear de novo a nave do Conco. O primeiro desafío non será sinxelo. Visita a Costa da Morte o Unión de Asados, cuarto na última liga, e que chegará sabendo que se trata dun enfrontamento directo. O dianteiro, en troques, no regatea nin siquera á responsabilidade. "Pódese agardar de todo do Dumbría; é un equipo cunha mestura de rapaces xoves con xente veterana; hai bos mimbres para facer cousas boas", apunta o atacante.
A historia de Adrián e o Dumbría é a dun matrimonio que ten sacado bens gananciais, e que se ten nutrido mutuamente. Recuperou o fisterrán o papel protagonista tralo seu paso por Montañeros, Betanzos e Laracha, mentres que o clube branco viviu as máis altas cotas con ascenso a Preferente e dobrete en Copas, convertíndose no faro do balompé da zona. Precisamente, outro ascenso é o horizonte que se atisba na lontananza dun plantel con cheiro a categoría superior. "A verdade é que coñezo pouco da liga este ano; pero temos bo equipo e haberá igualdade; espero que sexamos o rival a batir, aínda que non o creo, será difícil para todos", advirte Adrián, que xa engraxa a cadea de montaxe do gol. "O Adrián que veremos poderei dicilo nun tempo, pero agora estou a adestrar moito máis e todo está a saír moi ben; iso si, hai que marcar goles, do contrario…", lembra.
Pero o destino resérvalle a Adrián un reencontro inédito, como se despois de vinte anos atopas de novo ao teu primeiro amor. De seguro que hai todavía moito feeling entre o futbolista e a Sociedad Deportiva Fisterra, onde hai uns meses acadou a categoría de semi Deus, e onde nuns anos aínda se falará 'da liga do ano de Makaay'. "Supoño que será moi raro, nunca xoguei contra o equipo do meu pobo, e será diferente, pero os que me coñecen saben que no campo non penso no que hai fóra", confesa. Pero para iso quedan antes moitos portos nos que atracar a nova nave do capitán gol. O primeiro será este domingo, no Conco.

Máis información
- Mercado de fichaxes do Fútbol da Costa.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.
Fonte
- Guillermo Parga (guillermoparga@quepasanacosta.com).