Xoves. 10.10.2024
El tiempo

O Lira FSF estreouse por todo o alto

O Lira FSF estreouse por todo o alto
Lira FSF de estrea

Temos novo equipo de Fútbol Sala Feminino na Costa da Morte. E que mellor para a súa posta de longo que un trofeo con outros dous veciños da volta, como aconteceu no I Torneo Concello de Ponteceso. Un trofeo que enfrontaba ás carnotás co Vila de Cee FSF, e mais co Concello de Ponteceso FSF e A Baña, que deixou o título na casa, pero que permitiu ver que a Liga Provincial este curso terá un completo acento costeiro, pois ademais de estes 3 equipos, temos que sumarlle o filial do Fisober.

E como cada martes, repasaremos todo acontecido durante a fin de semana en materia de fútbol sala feminino, que nos leva ademais pola Copa Xunta, e ata a Coruña, para ver como seguen as nosas xogadoras do Viaxes Amarella na máxima categoría.

Trofeo Ponteceso

Foto de Familia do Trofeo Ponteceso de FSF

A primeira semifinal, disputada entre o F.S.F. Villa de Cee e o Concello de Carnota-Lira F.S.F, que servía para ver a posta de longo das "Roxiñas". Foi un partido entretido e moi igualado, que chegaba ó descanso con táboas no marcador con goles de Sandra para o Cee e Bárbara para o Lira. Na segunda metade eran as do Concello de Carnota as que se adiantaban no marcador por medio de Sandra ó pouco do comezo. E a 6 minutos do final, a ceense Sandra volvía empatar o partido cun bo gol. Pero pouco lle duraba a alegría, pois Sandra encargábase de marcar o terceiro tanto para o Lira 2 minutos despois, sendo o 2-3 o marcador final que levaba ás de Lira á xogar a final do torneo e ó Villa de Cee a xogar o terceiro partido, disputando o terceiro-cuarto posto.

A segunda semifinal enfrontaba ás anfitrioas co S.D. A Baña, non foi igualado como a primeira, pero si moi entretido. As xogadoras pontecesanas saíron moi metidas no partido, e no minuto 4, Zeltia poñía o 1-0 no marcador. A pesar do apurado gol, non baixaron os brazos as da Baña, que conseguiron empatar o partido tras un fallo da defensa local. Pero ós 2 minutos, Noa tras un saque de córner, facía o 2-1 para as pontecesanas, que as volvía poñer por diante no luminoso. Antes do descanso, Carmen e Zeltia aumentaban a vantaxe das pondalianas, indo cara os vestiarios co 4-1 no marcador. A segunda metade foi máis relaxada, coas locais variando o esquema de xogo e facendo probas de cara ó primeiro partido de liga, o que non evitou que outra vez Carmen e Zeltia, que conseguía o hat-trick tras unha boa xogada combinativa do equipo, poñían o 6-1 final no luminoso. Con este resultado, o Concello de Ponteceso FSF chegaba á final do seu torneo, sendo o S.D. A Baña o que xogaría o terceiro e cuarto posto contra o F.S.F. Villa de Cee.

O partido do terceiro e cuarto posto comezou moi igualado, cos dous equipos metidos no partido e intentando non cometer erros. No minuto 9 adiantábase o Cee cun gol en propia de A Baña, tanto que metiu máis no partido as ceenses e, no minuto seguinte, Andrea xa poñía o 2-0 no luminoso. Non baixaron os brazos as de A Baña, que tiveron varias oportunidades para acortar distancias, pero que só conseguiron chegar ó descanso sen máis goles en contra. No segundo período volveron saír moi metidas no partido as de Cee, e Andrea volvía aumentar distancias ós 2 minutos de volver dos vestiarios. Co 3-0 no marcador, eran as da Baña as que intentaban acortar distancias. E foi no minuto 35 cando o lograron cun gol de Andrea. Pero non sería o último tanto do partido, posto que no último minuto, María convertía unha bonita vaselina no cuarto e último gol para as ceenses, que deixaban o marcador co 4-1 que as convertía nas terceiras clasificadas do Torneo, a falta de xogarse a final.

E chegaba a final. O Concello de Ponteceso FSF contaba con todas as súas integrantes para xogar contra o Concello de Carnota-Lira FSF, equipo recientemente formado, pero con algunha xogadora xa coñecida polas pontecesanas. O encontro comezou igualado, pero coas locais intentando levar o control do partido. No minuto 4, Zeltia xa poñía por diante do marcador ás pontecesanas. Pero non llo ían poñer fácil as visitantes, que a piques estiveron de poñer as táboas no marcador, pero Salomé evitou que os goles entraran na portería. Tamén tiveron oportunidades de aumentar distancias as xogadoras de Barca e Curro, pero chegábase ó descanso co 1-0 no marcador. Na segunda metade, volveron saír enchufadas as pondalianas, intentando facer o seu mellor xogo e no minuto 32, Carmen facía o segundo cun tiro ó primeiro pao tras unha xogada individual. Co 2-0 non baixaban os brazos as de Lira, e Bárbara sacou un bo tiro desde a frontal da área que Salomé soubo despexar moi ben. Nos últimos minutos o control do xogo e a posesión do balón era do Ponteceso, que tiña as oportunidades máis claras de gol. Cintia facía o terceiro tras unha bonita xogada a 5 minutos do final e, 3 minutos despois, era a propia Cintia a que facía o cuarto cun bo tiro cruzado ó segundo pao. Remataba o encontro co 4-0 no luminoso, resultado que proclabama vencedoras do I Torneo de Fútbol Sala Feminino Concello de Ponteceso ó equipo anfitrión, ó Concello de Ponteceso FSF.

1ª xornada da Liga Provincial

A vindeira fin de semana da comezo a Liga Provincial Feminina, e o Concello de Ponteceso FSF enfrontarase no primeiro partido a outro dos novos equipos formados esta tempada, o Ártabras Fene FSF, encontro que se disputará o sábado 27 ás 18.00 no Pavillón Municipal de Ponteceso. Pola súa banda o FSF Villa de Cee debuta na Coruña contra o Espartanas F.S., o estréase Concello de Carnota-Lira FSF tamén na casa contra o Troula F.S.; mentres o Fisober B recibe ao Cruces.

Copa Xunta

Partido do Fisober na Copa Xunta

Mentres, tiña lugar o segundo partido da Copa Xunta para o Fisober disputado o sábado na Coruña, onde caeu ante o Hércules quedando xa eliminado da competición a falta de un partido que se disputará o vindeiro mércores fronte o Cidade das Burgas.

  • Resultado: Hércules - Fisober FSF (6-3)
  • FISOBER: Leti, Mai, Ana, Noelia e Inés ; tamén xogaron : Raquel, Paula Fandiño e Laura.
  • Goles: 1-0 Sara, ( descanso ), 2-0 Monchi , 3-0 Rita, 4-0Monchi , 5-0 Monchi, 5-1 Raquel, 6-1 Sara, 6-2 Inés, 6-3 Inés.

As da Costa non tiveron a intensidade que amosaron fronte o Amarelle e iso xuntouse cun día aciago o que as levou a perder sen paliativos fronte o actual campión autonómico. A primeira metade estivo igualada con ocasións para ambos lados e cun gran protagonismo das porteiras , tanto a local Anabel como a visitante Leti. Pero a única que foi capaz de perforar a portería contraria foi Sara nunha contra que finalizou a pracer despois dunha gran combinación. Tralo gol os dous equipos continuaron cas ocasións pero as porteiras seguían inspiradas.

Na segunda metade Monchi ( orixinaria de Os Muiños-Muxía ) ,os tres minutos facía o dous a cero que foi unha lousa para o Fisober. Dende este momento perdeu totalmente o control do partido. Iso si seguían aparecendo ocasións en ambas porterías. Aínda que ata mediada esta segunda metade non recibiu máis goles. A falta de dez, nove e oito para o fin recibiu tres goles consecutivos obra da fisterrana Rita e dous obra de Monchi. Así chegouse a uns últimos minutos tolos cheos de goles, onde marcaba Sara para as locais e Raquel e Inés por dúas veces para as visitantes.
Partido para aprender dos erros cometidos e seguir sumando minutos de cara a esta difícil tempada.

O vindeiro mércores as 20:30 horas o Fisober disputará en Ourense fronte o Cidade das Burgas o seu terceiro e definitivo partido nesta edición da Copa Xunta. As da Costa xa sen opcións de pasar a semifinais , enfróntanse a un conxunto da máxima categoría que xa comezou a competición. Colocadas na sétima posición despois de dúas xornadas despois dunha vitoria e unha derrota.
O Fisober asumirá o partido como un máis de pretempada de cara o comezo da Liga o día 4 de Outubro, para seguir sumando minutos. A tempada pasada xa se enfrontaron nesta mesma competición coa vitoria do Cidade de Ourense por 0 a 7 , nun partido disputado na Ponte do Porto. O Fisober desprazarase moi xusto de efectivos o tratarse dunha xornada escolar e laboral.

Primeros tres puntos para o Viaxes Amarelle FSF

Paula e Patri co Viaxes Amarelle

Na máxima categoría, con Paula e Patri en liza, o Viaxes Amarelle sumaba os seus primeiros puntos nun partido con moita tensión ante o Estanda Ordizia KE. Gañaron 2-1 as herculinas e Patri xogou bos minutos.

Patri co Viaxes Amarelle

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios