Pero polo de pronto, toca analizar como quedan as cousas despois desta última xornada. E comezamos o repaso pola Preferente - Senra Sport, na que os nosos pechano ano demostrando a súa irregularidade. O Dumbría volvía case na súa visita ao Escairón, un dos da zona baixa, e deixa escapar o grupo da Promoción, que agora lle queda a 5 puntos. Pola contra, o XSC recuperaba a senda da vitoria na casa ante a Sarriana, outro en descenso, e se coloca a só un punto dos dumbrieses.
Rematamos o ano con líder costeiro na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. O Sofán sumaba a súa 9º vitoria, de 9 partidos, no Carral, e finaliza o ano de líder destacado, con 38 puntos, con 6 de vantaxe sobre o Puebla. Un éxito total dando conta de que o cadro carballés estrea categoría. Ademais, era unha xornada especial pois se disputaba o era o partido 1500 da historia do C.D. Baio, pero a tarde non foi boa no Platas Reinoso. O cadro de Félix caía 0-4 ante un rival directo, o Unión, que queda a só 1 puntos dos baieses, deixando o liderato xa a 10. A xornada tiña derbi costeiro, e o Soneira deu a relativa sorpresa no Cairo, ante un Cairo que parecía remontar posicións nas últimas xornadas. O Malpica pecha o curso cun empate sen goles na casa ante o Cordeiro, mentres a Esteirana comerá as uvas en descenso, despois de caer ante o Agolada. 6 puntos son os que separan aos de Pedrosa da salvación.
A última xornada do ano deixou, na 2ª Autonómica - ES Bazarra, a segunda derrota do líder, o San Lorenzo, e tivo que ser no sempre complicado campo como o de Xaviña de Buño. Un cadro malpicán que queda na 5ª praza a 9 do liderato, mentres polo medio quedan o Castriz, que se aúpa á 2ª praza tras vencer en Carnota e aproveitar o empate do Zas en Ponteceso; emailo Outes, que vencía ao Seaia e queda a só 8 do San Lorenzo. Pecha a zona alta o Volantes, que vencía de novo ao Porteño e queda a 10 puntos. Na zona baixa, Montelouro e Camelle necesitan un cambio de cara ao ano novo, pois non dan sinais de vida. E de feito, o Montelouro xa destituiu a Jurjo e anda na procura dun novo adestrador. O Camariñas daba conta do cadro loureán e podía respirar un pouco, deixando agora ao Carnota como equipo que marca a salvación. con 6 de vantaxe sobre os camelláns e 7 sobre os de Louro.
Xa na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira, pendentes do Cerqueda-Coristanco que se disputa ás 20:00h, o Ameixenda deixou escapar dous puntos e pecha o ano no seu peor momento, despois da primeira derrota colleitada a semana pasada. Os de Manolín quedan a só 4 puntos do Corcubión, que non fallaba ante o Castrelo. Ademais, o Lira reponse da inxusta sanción que sufría a semana pasada e vencía en Nantón por 3-4.
Quedan só 2 xornadas para o remate das Ligas Xuvenís e a cousa aínda ten emoción. CO Dumbría ao seu na Liga Xuvenil Sur, Gr.2 - MáisDeporte, a pelexa parece que vai estar entre a Esteirana e Os Miúdos pola 3ª praza que dá acceso á Liguilla Previa á Fase de Ascenso á Liga Galega. I é que o XSC non fallou en Arliña, e ten 3 puntos sobre os muradáns, que vencían en Corcubión, e 5 sobre a Esteirana, que non pasaba do empate en Outes. Veremos quen falla menos. Xa polo Norte, o Camariñas daba o salto ao liderato vencendo nas Redondas, nun partido marcado pola pronta expulsión do meta cabanés. Ambos conxuntos, en todo caso, xa están clasificados para a Liguilla. A loita agora está entre Porteño e Corme, e pode que o Zas. O Porteño caía en Ponteceso, e o Corme vencía en Malpica, quedando agora a só 3 puntos dos da Ponte, e cun Corme-Porteño na última xornada que pode ser de infarto. O Zas está a 4 do Porteño así que aínda ten opcións.
Nas Ligas Autonómicas, non puido ser peor a última xornada do ano, con triple derrota, e algunha das duras.
Mentres, nas Ligas Locais, o Corme pecha o ano coa maior vantaxe no alto da 1ª Cadete, despois de vencer en Baio, e aproveitar o tropezo do Cabana en Ponteceso. Mentres, na 1ª Infantil é o XSC o que pecha o ano no máis alto. E nos peques, o Outes pecha o ano de líder na F8 Alevín Costa Sur e na F8 Benxamín Costa Sur. Complicada foi a vitoria do cadro da Serra onte ante o Sofán, como vemos neste fantástico vídeo de Lúis González.
E xa nos Veteranos, había un choque fantástico no alto da 1ª División para pechar o ano. E o Coristanco demostrou por que é o actual campión, e venceu de goleada ao líder, o Hosgran, que aínda así remata de líder, con 4 puntos sobre os coristanqueses. o Dumbría non aproveitou o resultado ao empatar en casa co Xuv. Bergantiños. Mentres, na 2ª División, Agualada, Porteño, Erbecedo e San Isidro-Razo acabaron con vitorias e manteñen a loita polo ascenso.