Os campos da costa... abandonados?
11:02 14/11/18
Nas últimas datas estase a xerar un debate sobre o estado dos campos de fútbol na Costa da Morte. Se nos damos unha volta polo fútbol costeiro podemos comprobar que efectivamente o estado das instalacións non é o máis axeitado en moitos casos. Fai 15 anos vivimos a explosións dos campos de herba artificial, que viñeron a sustituir ós antigos campos de terra ou herba. Todos recordamos aquel Platas Reinoso ó que daba gusto ir a xogar, ou Portocubelo recién inaugurada a herba, que parecía unha alfombra, e aquel campo vello de Ponteceso que parecía un estadio dos de primeira división. Pero en moitas localidades o campo era de terra, senón lama no inverno, e os de herba cando viña a auga estaban case sempre impracticables. Era outro fútbol, sen dúbida. A herba sintética foi unha revolución, a revolución da comodidade. E algo nos acomodamos, si.
O campo de Laxe no centro da polémica
Os Concellos fixeron as obras, na maioría dos casos con cartos da Deputación, e aí as deixaron. En case ningún caso se puxeron servizos de conserxería ou, os máis básicos, servizos de limpeza. Cédese o campo ós clubs á boa de deus, e nos clubs na maioría dos casos xa teñen abonda cos problemas propios da actividade futbolística, e faise difícil estar todos os días a arranxar as instalacións, que sufren o normal deterioro do paso do tempo, máis sendo unha instalación ó aire libre. Rompe un lateral do banquillo e ninguén o repón, crece a herba nas beiras do campo e ninguén a corta, o deterioro dos sintéticos é evidente, pois o que nos venderon de que era para sempre e non había que facer mantemento, non é certo. Agora mesmo en moitos casos o estado do céspede é bastante deficiente, moi gastado e que non está apto para practicar con condicións de calidade o noso deporte rei. Fai uns días tivemos xornada pasada por auga, e non había máis que ver o estado dos campos, anegados de auga, parecían auténticas piscinas. Faise difícil xogar en fútbol base con estos campos. Non ían ser a solución? Agora mesmo máis parecen o problema.
Campo-piscina de San Andrés a semana pasada
Varios clubs e asociacións xa o están a denunciar. En Laxe hai bastante polémica, pois o estado do campo non é o mellor en canto a mantemento e limpeza, a veces os equipos dúchanse en auga fría e nunhas condicións de hixiene discutibles. En Muros os clubs locais mostráronnos fai uns días nas redes sociais o estado do Eleuterio Balayo, que máis parece un campo abandonado que un no que se xogan innumerables partidos durante a tempada. E todos podremos nomear defectos nos nosos campos a bo seguro: iluminación, descoido por parte das administracións... Necesitamos botar unha visual e resetear, 15 anos despois, o que ían ser campos infinitos, e que comprobamos agora que se fan vellos coma os outros.
O estado do campo de Muros non é o mellor