Pedigrí e con selo 'Made in Fisterra'

18:23 29/09/16
O 'neoadulto' Breixo Martínez é xa un fixo no sistema defensivo de Nacho; a SD pode presumir xa do último 'producto' dunha factoría de futbolistas que parece o maná da eterna supervivencia
Conta a lenda que, se un camiña desde a recta da Anchoa ao Cabo Fisterra, tropeza e lle pega unha patada a unha pedra pode estar a crear unha nova criatura en forma de futbolista talentoso. A última proba vivinte desa sorte de fenómeno remóntase alá por 1997, data de nacemento de Breixo Martínez. Titular xa case indiscutible, defensa polivalente e precoz debutante en Sénior, o domingo pasado tivo o seu primeiro partido chave, ao asinar o gol co que os verdes igualaban en Padrón co Flavia, mantiñan a súa condición de invicto e minimizaban o efecto de ter xogado media hora con dez futbolistas. Básicamente, se Fisterra fose Apple, o xove central sería o iPhone 7.
Parece que o patrón está a mudar co paso dos anos. Breixo é prácticamente o antifutbolista fisterrán. Cumple no físico, pois xa en categorías inferiores destacaba pola súa fortaleza e envergadura, pero está moi lonxe de ser ese 'purasangre asimeonado' clásico. De feito, aínda que a súa proxección foi sempre vista como un valor e activo de futuro seguros, ao zagueiro sempre se lle achacou unha certa indolencia ou, tal como el mesmo recoñece, vagancia excesiva: "Creo que é unha fama merecida (ri), pero despois o compenso no campo". Seica a xenética algo ten que ver neste 'rara avis', irmán do tamén central Disciclín, retirado prematuramente a pesares da súa clase.
Non é Nacho un deses adestradores cos que un sexa capaz de recitar o once de 'carrerilla', pero sexa por unha cousa ou outra Breixo soe estar na liña defensiva, á que 'culpa' do inicio virxe de derrotas do equipo. "O Fisterra ten unha das mellores defensas da categoría e un bo medio, que axuda atrás e ataca, de aí que encaixemos poucos goles", explica o fisterrán, que se define así: "son un futbolista rápido, que vai ben de cabeza".
Recén cumprida a maioría de idade Breixo tivo que aportar e moito ao título do pasado curso (as baixas eran moitas e a profundidade de banco reducida). Agora, sen chegar aos 19, vive un bautismo exprés que supón outro dos pasos comúns na traxectoria de calquera futbolista de referencia. "A categoría e a idade nótanse sobre todo á hora de protestar, tirarse ou saber entrar duro", destaca.
Na Sociedad Deportiva Fisterra esperan agora que non se cumpra o máis triste dos denominadores comúns de todo xenio fisterrán emerxente: o movemento migratorio. Seguido xa por equipos de Liga Nacional e Liga Galega Xuvenil a pasada campaña, de momento a Breixo os ventos de cambio non lle barruntan na cabeza, aínda que é consciente de que é unha etapa posible. "No clube trátanme moi ben tanto a directiva como o adestrador, aínda que estea algo tolo, pero de vez en cando cambiar de aires e tentar de medrar e seguir aprendendo tamén está ben", di.
Así que, comprobados os efectos positivos dese misterioso fenómeno, xa teñen unha pista todos eses equipos e clubes que temen pola supervivencia por falta de efectivos. Collan o coche, pase a anchoa e empecen a golpear pedras.
