Sábado. 12.10.2024
El tiempo

Preferente: Só o Santa Comba supera unha xornada complexa

Preferente: Só o Santa Comba supera unha xornada complexa
Era unha xornada complicada que se traduxo en resultados malos para os nosos. Só o Santa Comba foi quen de sumar os 3 puntos, nun choque no que perde ata 3 xogadores por expulsións, unhas expulsións que parecen que sentan ben aos laranxas. O cadro de Gelucho segue nunha liña moi boa de resultados e xa se mete na 4ª praza, a só 2 puntos do Boiro. Precisamente o Boiro podía co Soneira nun encontro no que os de Miguel prantaron cara pero se viron superados por goles en momentos clave. Tamén caeu o Dumbría cun Narón veterano e eficaz. Pola súa banda, o Xallas sumaba un punto de ouro, contando coas baixas que tiñan os verdes, co Bertamiráns.

Dumbría - Narón (1-2)

  • DUMBRÍA: Juan, Iván (Tatán, min.77), Ismael, Aarón Fdez., Suso, Aarón López, Luisete (Poyo, min.64), Schuster (Riki, min.77), Iago, Eloy e Leo (Cacho, min.64).
  • Goles: 0-1, min.29: ; 1-1, min.41: Leo; 1-2, min.71.
Escapouse un punto de novo do Conco, tras un partido igualado, cun Narón veterano e tremendamente eficaz. Foi un choque con moito xogo no medio campo, sen ocasións, cun cadro ferrolán que soubo contemporizar, e que sentenciaron en dúas xogadas de estratexia. Así e todo os visitantes acabaron pedindo a hora e Iago no desconto tivo unha ocasión a "bocajarro" para empatar. Antes un gol anulado a Eloy por fóra de xogo puido supoñer a vantaxe dos locais, pero ao final nulo premio para os dumbrieses.

Boiro - Soneira (3-0)

  • SONEIRA: Durán, Ferreiro, Pablo, Martín, Vecino, Santi, Andrés (Mayor, min.60), Míchel (Mauro, min.80), Iago, Kike (Richi, min.73) e Brais (Javi, min.60).
  • Goles: 1-0, min.44; 2-0, min.70: de penalti; 3-0, min.89.
  • Expulsión: Vecino no min.70.
Dando a cara o Soneira ante o potente Boiro pois o resultado foi moi enganoso. Miguel quedou contento porque o equipo compite cos de arriba, pero os goles en momentos claves decantaron o choque. Moi ben os de Miguel na primeira metade, sobre todo nos primeiros 20 minutos. Aí pediron os soneiráns un penalti sobre Brais, que o colexiado non viu. Pero ao fío do descanso chegaría o primeiro gol psicolóxico dos locais. Kike tivo unha só diante do porteiro para empatar, pero no minuto 70 chegaría a xogada que acabou co partido: un penalti e expulsión de Vecino que puña o 2-0 e deixaba o Soneira con 10. Para a semana, o cadro afronta un partido vital ante o Unión, un dos que marcan o descenso, a falta de 8 xornadas, ten 7 puntos menos que os vimianceses.

O Val - Santa Comba (0-1)

  • SANTA COMBA: Diego, Gelo, Angelo, Roberto, Gonzalo, Jota, Doro (José Ángel, min.6) (Darío, min.47), Noli (David Agra, min.88), Orlando (Óscar, min.67), Julián e Pablo Baña.
  • Gol: 0-1, min.87: Darío de falta directa.
  • Lesión: Doro cun forte golpe no nocello e José Ángel cunha brecha no pómulo.
  • Expulsión: Gelo (min.52), David Agra e Roberto Amoedo e o segundo adestrador Manolo Genaro no min.89, ademais de numerosas cartóns amarelos por protestar.
Foi o Santa Comba o único en sumar 3 puntos, e tamén 4 expulsións, pero parace que as expulsións séntanlle ben aos de Gelucho. O cadro laranxa vai como unha moto e xa van 4 vitorias e un empate nos últimos 5 partidos. Foi este de O Val un partido igualado, disputado, de moita intensidade, ante un bo equipo, no que os xalleiros contaron cun pelín de sorte e acerto. Os locais non marcaron as que tiveron pero o xuvenil Darío, que volvía tralo seu paso polo Conxo de División de Honra, tirou de descaro, e tras un partidazo, colleu o balón nunha falta ao borde da área e a clavou cando apenas faltaban 3 minutos para o final. Iso si, o cadro laranxa levou o peso do partido e tivo varias ocasións para Noli de cabeza que salvou o porteiro; outra tras ese córner José Ángel mandou un rexeite ao longueiro. Na segunda, Julián e Pablo Baña tamén avisaron pero foi Darío quen asinou o gol da vitoria.

Xallas - Bertamiráns (0-0)

  • XALLAS: Cheli, Isma, Iván Forján (Óscar, min.83), Becerra, Álvaro, Ricardo, Rubén Forján, Pío (Luís Castro, min.52), Luís, Brais e Alexandre.
O Xallas acadou un empate que lle sabe a gloria, pois o Bertamiráns foi mellor de principio a fin. Os de Iván Cancela andan xustos de xente e de forzas, e a liga estase facendo moi longa. Saíu plegado o Xallas, dificultando a saída do balón, e non permitindo que o Bertamiráns desplegase o seu xogo. Pero en liñas xerais, o cadro santiagués foi superior. Só avisou o cadro local con unha ocasión de Becerra nunha xogada de estratexia, pero sen máis consecuencias. Empate pois que lle permite seguir cómodo na táboa ao cadro verde.

Máis información

Crónicas da semana

Nova relacionadas

Fonte

Comentarios