Primarias de Platas

09:21 10/02/17
Baio e Mazaricos, segundo e terceiro na Liga da Costa, xogan o partidazo dunha xornada na que o Corme buscará en Corcubión manter a condición de invicto; non haberá derbis nas categorías superiores
Baio-Mazaricos volven enforntarse no Platas Reinoso-Foto-Santi Díaz
Desde hai tempo, moito tempo, nunha Costa non moi lonxana, as forzas do Corme dominan a competición con man de ferro e sen derrota coñecida nos tres cuartos de competición desputados. Por debaixo, catro batallóns chegados desde diferentes puntos da galaxia de Segunda organizan un desafío para o que é imposible que todos se manteñan a flote. Este mesmo domingo, a Resistencia organiza unha sorte de primarias entre Club Deportivo Baio e Mazaricos, segundo e terceiro, para comprobar quen está en mellores condicións de postularse como alternativa de poder. Os locais levan todo o curso a rebufo, mentres que apostadiño e sen facer moito ruido o cadro amarelo foi recurtando paulatinamente terreo, e xa está a dous encontros da cabeza. Os outros dous candidatos, San Lorenzo e Ponteceso, xogan na casa ante rivais incómodos por diferentes motivos. Nunca foron cómodos os derbis co Buño para os carballeses, mentres que no caso dos da Vila de Pondal o Camariñas é o peor pesadelo da primeira volta. O Corme, pola súa banda, buscará triunfar en Corcubión ante un rival algo irregular.
Hacia arriba non haberá un só encontro veciñal ou de proximidade. Chega con certas urxencias para o Soneira a cita en Betanzos, ante un histórico convertido este ano en rival directo, cheo de xoves e que é o rei da igualada na categoría. Unha vitoria sería un gran paso ao frente para os vimianceses. Xallas e Sofán terán ante Arzúa e Mugardos compromisos ante conxuntos liberados de momento de ataduras clasificatorias.
A Primeira, na que o líder Dumbría non tardará moito en asegurar canto menos a promoción de ascenso, depáralle unha visita ao incómodo campo do Piloño para seguir con esa conta atrás. Pero pode ter preto da casa un aliado, xa que por San Andrés de Zas pasará o Agolada, segundo clasificado, e que ten un enorme poderío goleador. A gran final da xornada a terá o Outes no Cunchido cun Esclavitud con menos potencial e as mesmas urxencias. Para os de Cambeiro só servirá vencer. E o Fisterra, con colchón aínda, visitará a un rival directo como o Unión.
Muxía e Nantón protagonizan na Terceira o partidazo entre o líder e o momentaneo bronce da competición, que xa na primeira volta foi quen de frear aos da Vila da Barca. Ameixenda e Castrelo, dous dos conxuntos máis en forma, protagonizan a outra gran fronte.

PreferenteNorte, xornada 24
1ªAutonómica, Gr.2, xornada 22
2ªAutonómica, Gr.2, xornada 22
LigaGalega Xuvenil, xornada 21
1ªXuvenil, Gr.2, xornada 17
1ªXuvenil, Gr.3, xornada 21
LigaGalega Cadete, xornada 21
1ªCadete, xornada 18
LigaGalega Infantil, xornada 20
1ªInfantil, xornada 20
LigaAlevínSur, xornada 16
LigaBenxamínSur, xornada 16LigasVeteranos, 1ª División
LigasVeteranos, 1ª División
Máisinformación
- www.copadacosta.com.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.