Primeira Galega: Somos de Primeira... ou máis
15:22 13/03/17
Gran tarde para os conxuntos costeiros, invictos nesta xornada, e co Dumbría recuperando o liderato; o momento do Outes invita a apostar pola súa permanencia
Adicou o grupo do Dumbría o seu triunfo ao meta Sergio, que emprende unha nova etapa
Máis Deporte, a tenda de Deportes de Cee, patrocina as Ligas Xuvenís
Sporting Zas 2-2 Lalín
O Sporting Zas superou ao Lalín
Campo: San Andrés
Sporting Zas: David Insua, Alberto (Nolo m.72), Pablo Novo, Fuentes, Diego, Róber (Chapela m.90), Bruno (Rubio m.78), Josito, Dani Mato, Fabi (Andrés m.85) e Álex Flores
Lalín: Cristian, Álex, Matías (Robin m.65), Brais (Benito m.46), Diego, Gustavo, Adrián, Matías (Alexandre m.46), Jorge (Diego m.46), Leonel, Dani (Cristian m.75)
Árbitro: Núñez Fiuza (A Coruña). Amonestou a Diego, Bruno, Josito, Fuentes e Rubio do Sporting Zas; Diego do Lalín
Goles: 0-1 m.49 Diego; 1-1 m.56 Álex Flores, de penalti; 2-1 m.66 Álex Flores; 2-2 m.86 Cristian
Outra vez esfumouse
Non acaba de enlazar unha serie de resultados positivos un Sporting Zas que de novo volveu ter a vitoria no peto, e comprobou como se lle marchaba no último suspiro. Chegaba un moi mellorado Lalín a San Andrés, co obxectivo de encarrilar unha permanencia cimentada nos dous últimos meses de competición. Foi superior o cadro costeiro durante a primeira metade, na que disfrutou de ocasións para poñerse por diante. Non sería ata pasado o descanso cando aparecería a figura de Álex Flores, aínda que antes pasaría por unha fase de desaparición o Zas. Saiu durmido e Diego castigou ese baixón de intensidade co 0-1, tras aproveitar un balón morto no área. A salvación para o Sporting foi a recuperación de Álex Flores, que provocou un penalti que el mesmo convertiría e foi un quebradeiro de cabeza para os dezanos, que sacaban sobre a línea de gol o que era o segundo. Non tardaría en chegar a ledicia, non obstante, despois de que o uruguaio cabecease a gol un centro medido de Josito. Apretou o Lalín nos vinte últimos minutos, xogados en forma de monólogo. Fixo xustiza a ese empurre Cristian, cun disparo desde trinta metros.
Outes 1-0 Cordeiro
Campo: O Cunchido
Outes: Xandre, Borja (Sergio m.90), Chúa, Maroñas, Pose, Martín, Mario, Kim (Chía m.63), Yago Dosil (Simón m.68), Cutu (Babu m.90) e Jura
Cordeiro: Pablo, Rubén, Gabri, Alejandro, Juan Abalo, David, Manu Bustelo, Jose (Manu Nieto m.61), Jesús, Pablo e Padín
Árbitro: Alaoui Soulimani (Santiago).
Gol: 1-0 m.83 Simón
Piano piano…
Pouco a pouco a realidade supera á ficción na historia de permanencia dun Outes cada vez con máis opcións de repetir o ano que ven en Primeira. Esta vez a súa víctima foi un Cordeiro con moitos máis recursos e que xogou mellor durante moitas fases, pero que non vive o estado de absoluta confianza do equipo de Cambeiro. Pose e Martín tiveron as opcións máis claras, aínda que o visitante Juan era o que, cun tiro lonxano, facía lucirse a Xandre. Mellorou notablemente o cadro costeiro na segunda metade, na que Maroñas estrelaba unha falta no pau (sen ninguén que aproveitase o rexeite), e Cutu e Martín perdoaban novamente ante Pablo. Faltaban sete minutos cando Simón aproveitaba un balón colgado para gañarlle a partida á zaga e porteiro visitantes e colaba o balón por arriba. Apretou e moito de aí ao final o Cordeiro, pero sen poder superar a ilusiñon outiense.
Dumbría 4-2 Esclavitud
Campo: O Conco
Dumbría: Iván Bouzón (Sergio m.87), Jacobo, Raúl (Cristian m.62), David Carreira, Iago, Manu Nogueira (Rubén Márquez m.62), Soule, Diego Cespón (Julito m.83), Pablo Conde, Darío Capelo e Adrián (Charly m.77)
Esclavitud: Adrián, Ángel (Javi Nogueira m.71), Borja, Jorge, Castromil, Raúl, Iván (Darío m.36), Gonzalo, Víctor, Abel e Juanma
Árbitro: Reboridro Rodríguez (A Coruña). Amonestou a Diego Cespón e Pablo Conde do Dumbría; Gonzalo, Jorge e Borja do Esclavitud
Goles: 1-0 m.8 Darío Capelo; 2-0 m.18 Adrián; 3-0 m.21 Adrián; 4-0 m.48 Soule; 4-1 m.64 Jorge; 4-2 m.88 Castromil
De novo líder
Recuperou a súa condición de primeiro clasificado un Dumbría que superou sen problemas ao Esclavitud. A outra boa nova da tarde foi o retorno de Pablo Conde despois dunha longa tempada mancado. Contra o que sucedera no pasado mes, desde o primeiro minuto os de Julián Ferreiro saíron moi enchufados e a resolver o encontro. E iso xa estaba feito aos vinte minutos. Abriría o marcador Darío Capelo, nun man a man que Messi da Pereira resolveu con mestría. Despois chegaría o turno de Adrián para saciar a súa fame de carne. Un pase en profundidade de Diego Cespón a Soule, con pase da morte deste para o fisterrán, deu no segundo gol. No terceiro, a conexión foi directa Iván Bouzón-Adrián, co punta controlando, revolvéndose e resolvendo. No enésimo córner que executaba, Diego Cespón poñíalle o cuarto na cabeza a Soule, unha fichaxe que lle ten dado moito aire ao Dumbría desde a súa chegada.
Piloño 1-2 Fisterra
Campo: O Camballón
Piloño: David, Santi Iglesias (Brian m.57), Diego, Otero, Imanol, David (Jairo m.55), Víctor, Ezequiel, Joan, Xairo e Dani Soto
FIsterra: Norberto, Breixo, Robertín, Roa (Champi m.61), Tati, Abel (Bruno m.53), Piti, Jesús (Álex m.73), Adri, Roco e Cote
Árbitro: Castro Currás (Lalín). Expulsou a Piti, do Fisterra (m.90). Amonestou a Alberto, Otero e Xairo do Piloño; Piti, Tati, Cote, Jesús, Bruno, Norberto do Fisterra
Goles: 0-1 m.3 Adri; 1-1 m.71 Joan, de penalti; 1-2 m.90 Bruno, de penalti
Con suspense e moito mérito
Venceu o FIsterra en Piloño, un dos feudos máis difíciles da categoría, nun exercicio de sufrimento e sobre todo seriedade. Os verdes inauguraron moi pronto o marcador, ao facer Adri unha acción de videoteca: controlou, fixo un cano de costas, amagou e sentou ao seu marcador e resolveu con frialdade. Tocaba sufrir de aí ao final ante un rival que na casa apreta moito. Protestaron moito os pontevedreses un gol anulado, previo ao penalti inexistente co que igualaron a contenda. Nun final de infarto, o pequeno Piti foi expulsado tras ver o segundo cartón amarelo e Bruno provocaba un penalti á saída dun córner que el mesmo transformaba. Un dos rivais malditos dos fisterráns (co que xa caeran na súa anterior etapa en Primeiro) mordeu por fin o polvo. Os verdes aínda poden soñar con cousas moi grandes.