E comezamos o repaso pola Preferente, que tiña o ollo posto nas Eiroas para ver a proba do Dumbría no campo do líder. Ao final, empate que mantén ao Bergantiños no máis alto e deixa ao Dumbría na 8ª praza, a 9 puntos do 3º clasificado. Mala, malísima a xeira do XSC que sumou a súa 5ª derrota consecutiva, desta volta en Riveira. Ademais, o Soneira sumou só un puntiño en casa ante o Castro e perderá a Basti para a vindeira xornada pola súa expulsión.
O partido da xornada, marcado pola necesidade, era na 1ª Autonómica. O Hermanas Patiño acollía o choque entre Camariñas e Ponteceso, e tras un choque tremendamente tenso o cadro local quedou cos puntos e sae dos postos de descenso, deixando ao Ponteceso pechacancelas e a 5 da salvación. Polo demais, dous empates, do Malpica en Amio e do Baio en casa co Lamela, e unha derrota, da Esteirana en Agolada, quedando os tres en posicións cómodas.
A 2ª Autonómica mirou ao Carral, onde o derbi carballés era unha das citas máis interesantes. Foi o Sofán o que fixo valer a súa superioridade na táboa para quedar cos puntos e segue a 4 dun Outes que non baixa a marcha. A 2 do Sofán queda o Zas tralo seu empate co Volantes, mentres que Corme e Cee quedan a 8 do cadro sofanista.
Primeira derrota, e severa, do Baíñas na 3ª Autonómica, que o deixa empatado co Montelouro, que vencía nun campo difícil como é o de Xaviña de Cerqueda, ante un equipo cerquedán que non está tendo sorte. Parece que o Lira tamén está amosando as súas armas e xa se pon con 13 puntos, a só 2 do liderato, e cun de vantaxe sobre o Seaia, sorpresa da temporada, e Coristanco.
No tocante aos Xuvenís, polo Gr.3, o Dumbría segue ao seu, e foi a Esteirana a gran protagonista da fin de semana ao vencer o choque máis importante en Fisterra, deixando a 6 puntos da liguilla ao cadro fisterrán É o XSC o que marca o pase á liguilla, tras vencer, sufrindo, ao Outes. Ademais, o Cee, que descansaba, queda a 5 do cadro xalleiro. Polo Norte, no Gr.4 o Cabana vencía ao Malpica e queda 2 puntos por abaixo pero cun partido menos. O Corme queda tamén a 2 tras vencer ao Castriz, quedando agora o Ponteceso a 3 dos dous equipos que marcan o psae á Liguilla tras non pasar do empate en Laxe. O Coristanco vencía ao Baio e estará pendente de posibles tropezos dos de arriba.
Mentres, en Cadetes segue líder o Muros tralas 5 primeiras xornadas, tras vencer no derbi ás Baleas. Por detrás chega pegado o Fisterra. Nos Infantís sorprendentes empates do Corme e do Fisterra en Muros ante os Miúdos e co Coristanco, respectivamente, que os deixan a 2 puntos do Cee, que machacaba ao Ponteceso.
Nos Veteranos, o Laxe segue liderando a 1ª División tras vencer con solvencia ao Baio. O Coristanco queda a 3 puntos tras non pasar do empate ante o Ponteceso. O Soneira, xa está aí. En 2ª División, o Milagrosa vai como unha moto, pero Corcoesto, a só 2 puntos, Malpica e Camelle a 4 e Erbecedo a 5, non o deixan escapar.
E para rematar, na Liga Intermunicipios de Bergantiños, o Cances afiánzase no máis alto ao vencer ao segundo clasificado con rotundidade. Queda agora o Cereo a 4 puntos, os mesmos que o Baldaio.