Tesouro feito na casa
22:20 06/10/16
A incidencia de Víctor Alcaina no líder Muxía é de prácticamente protagonista en tódolos goles do seu equipo; o pulmón do histórico conxunto Infantil pasa por ser o elemento diferencial da categoría e unha visa para soñar en Arliña
Víctor, á dereita, durante a súa presentación
Se a paciencia é a nai da ciencia, os seareiros do Muxía poden pasar por científicos da NASA. Pero ata o máis impasible sabe do cíclico do fútbol, sobre todo cando se sabe coñecedor de algo tan intanxible como o talento, e por ese Houston do balón ten pasado un deses cometas máxicos que orbitan cada X anos. De novo na galaxia do balompé costeiro manda o Muxía, e boa parte da enerxía que ten posto a andar esa maquinaria ten nome e apelidos, oriundos por suposto: Víctor Alcaina. A estatística é incontestable: a súa participación é de case o cen por cen dos goles do líder de Terceira, xa sexa como goleador ou asistente.
Para definir ao canteirán vermello un pode coller o manual de futbolista clásico costeiro. Forte físicamente, abarca campo, ten chegada, corazón e unha clase tan intermitente coma deslumbrante cando aparece. "É un deses", que dicían os adestradores antigos. Un deses polos que paga a pena pasar por taquilla en Arliña. Recén cumpridos os 20 anos, o apelido parece levar anos e anos resoando no libreto dos entendidos. Hai só sete anos Víctor e o seu irmán Adrián exercían do equipo que en Infantís pulverizaba tódolos rexistros de base. O Muxía era campión invicto e aquela xeración 'caramelito' para moitos cazatalentos, como ben comprobou o seu compañeiro Dani Picallo, sondeado por Valencia, Villarreal e Deportivo. "Dani era o que máis oportunidades tiña, pero ao final non foi fóra; finalmente fomos uns cuantos para o Dumbría", lembra o de novo profeta na súa terra, que parece unha metade indisociable do seu irmán maior, Adrián. "Gústame moito xogar con el, levamos toda a vida xuntos, entendémonos moi ben e síntome moi cómodo", engade.
A pesares da súa xuventude, Víctor ten probado xa case tódalas categorías do fútbol Sénior, desde a Preferente, onde 'tirou' do Dumbría, a unha Terceira que agora tenta abandoar liderando o Muxía. Precisamente, e tal e como perciben moitos seareiros na Vila da Barca, o centrocampista intúe que este pode ser o ano do regreso dun histórico. "Xa se viu o ano pasado que este Muxía pode, pero esta vez temos mellor equipo, moitos reforzos e de seguir así podemos subir", advirte un home que, á pregunta de que fai un xogador coma ti nunha categoría coma esta responde desde o corazón: "Sempre preferín xogar no equipo de meu pobo, e o Muxía merece estar máis arriba; sempre farei o posible por axudarlle a conseguilo". Remitíndose ás probas, parece que se a Víctor se lle pon iso entre cella e cella é case imposible que o Muxía non xogue o vindeiro curso na Liga da Costa.