Tres novos cintos negros, de categoría, para a comarca


O Club Cee Deportes de Contacto pode presumir do seu novo logro: ter obtido tres novos cintos negros de Taekwon-do ITF. O exame tivo lugar en Noia o pasado 15 de outubro. Alí Manuel Tajes (67 anos), Ismael Gándara (16 anos) e José Carlos Rey (17 anos) víronse recompensados, xunto con varios compañeiros do club ITF Noia, polos seus longos anos de preparación e esforzo. Coordinado polo mestre noiés Antonio Blanco e o presidente da FITE (Federación Internacional de Taekwon-do España), Carlos Martín, este exame marca unha nova etapa para os tres practicantes.
Singular atención merece o cinto acadado por Manuel Tajes, coñecido como O Rubio de Camelle, e convertíndose no estudiante máis veterano en acadar esta categoría. Un home que é toda unha lenda na comarca polo seu incansable traballo no mar.

Así, despois do exame, e contando coa presencia de Carlos Martín, veterano e experto neste arte marcial, tanto os aspirantes como outros practicantes interesados, puideron desfrutar dunha “master class” da man desta autoridade. Unha oportunidade irrepetible para os amantes do Taekwon-do na bisbarra para desfrutar desta apaixoante disciplina que non deixaron pasar os integrantes do “Club Cee Deportes de Contacto” en compañía cos amigos do club “ITF Noia”.

Clases en marcha do Club Cee Deportes de Contacto
A asociación ceense, que xa contaba con varios cintos desta categoría, leva máis de 8 anos difundindo, sen límite de idade, a práctica deste arte marcial coreana e do kick Boxing. Disciplina esta última da man do cinto negro II DAN Carlos Leis, que tamén conta cun nutrido grupo de practicantes contentos de compartir as tardes de adestramento entre compañeiros e compañeiras desfrutando de un deporte de contacto que auna amizade, exercicio físico e una gran liberación de estrés.
As clases teñen lugar no pavillón municipal de Brens, coas tardes de luns e mércores ocupadas polos distintos grupos de alumnos. Entre eles atópanse o xa nomeado Ismael Gándara e Antía Río (16), que participarán o vindeiro 12 de novembro no campionato Open de España celebrado en Cádiz. O seu mestre Eloy Cambeiro, móstrase moi satisfeito co acadado, insistindo no traballo de todos os que fan posible que o club siga crecendo como ata o de agora, a pasos de xigante.
Máis info
Novas relacionadas
- Abril 2016: Os Deportes de Contacto de Cee e o CEIP de Corcubión únense por unha recollida solidaria para cos refuxiados de Lesbos.
- Febreiro 2016: Fin de semana de superación persoal no pavillón de Cee.
- Setembro 2015: En marcha unha nova temporada para o Deporte de Contacto en Cee.
- A Costa da Morte afianza o seu poderío en Kick Boxing e Karate.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Eloy Cambeiro, de Deportes de Contacto Cee.