Un ano de Primeira
21:07 08/01/17
Xornada sen precedentes para os equipos costeiros na segunda máxima categoría autonómica, con case pleno de triunfos, nun día no que a destitución de Manín en Lira acapara o outro titular
Cee e Louro deixaron un partidazo - Foto: Edu Olveira
Nada de ouro, incienso ou mirra. Tres puntazos por cabeza foi o que deixaron os Reis Magos aos equipos da Costa que militan en Primeira, agás no caso do Fisterra, onde o punto de Cordeiro leva aínda así un regusto a triunfo moral. A lectura é perfecta para un Dumbría que voltou impune de Padrón (saída trampa), para un Zas que atopou o camiño do triunfo e un Outes que con dous vitorias seguidas abre a fiestra da esperanza de par en par.
E mirando ao ceo azul que debuxa o panorama para os pupilos de Cambeiro otéase unha Preferente na que as cousas estiveron a piques de saír tamén a pedir de boca. Instaurado desde hai tempo o estado da ledicia eterna en Santa Comba (esta vez a víctima foi o Laracha), o punto do Sofán a domicilio leva tamén unha forte carga de mérito. Non pudo ser no caso dun Soneira que tiña en Arzúa un comezo de ano de todo menos sinxelo.
Once dianas marcaron entre os tres primeiros clasificados da Liga da Costa, repartidas con cinco para o paseo do Baio en Laxe, tres no traballado éxito do Mazaricos en Coristanco e outros tantos para que o Corme se desfixera do trago da semana co gallo da visita do Castriz ao Cairo. Parece mínima a marxe de erro para calquera dos tres, aínda que no caso dos bergantiñáns ademais pide un despliegue goleador a quen queira pasarlles por enriba. No resto da xornada tamén emerxe coma unha sorte de regalo de Reis a recuperación da puntería por parte dun Cee que bateu ao Louro nun bo choque, así como o éxito do Camariñas na Ponte, nun derbi que caeu en forma de mazazo para o Porteño.
O carbón tocoulle a Manín, adestrador do Lira ata hoxe, que comeza o ano con derrota e cambio de ciclo. Non seguirá o fisterrán no banco sureño, a pesares da recente mellora e conxura para a caza do líder. Curiosamente, o seu último servizo foi na que a pasada campaña resultou a súa casa, e onde hai un enorme cheiro a campión histórico. A noticia triste e o pau da xornada chegou en Camelle, onde o pasamento da empresaria camariñán Sheila Garrote, de 31 anos, deixou á SD sen unha amiga e colaboradora absolutamente desinteresada desde hai anos.
PreferenteNorte, xornada 19
1ªAutonómica, Gr.2, xornada 17
2ªAutonómica, Gr.2, xornada 17
LigaGalega Xuvenil, xornada 16
1ªXuvenil, Gr.2, xornada 12
1ªXuvenil, Gr.3, xornada 16
LigaGalega Cadete, xornada 16
1ªCadete, xornada 13
LigaGalega Infantil, xornada 15
1ªInfantil, xornada 15
LigaAlevínSur, xornada 11
LigaBenxamínSur, xornada 11LigasVeteranos, 1ª División
LigasVeteranos, 1ª División
Máisinformación
- Mercado de fichaxes do Fútbol da Costa.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.