Xoves. 19.09.2024
El tiempo

Dumbría enche o auditorio a base de bo teatro

Dumbría enche o auditorio a base de bo teatro
Fantástico comezo das Xornadas de Teatro en Dumbria á escena Manolo Lojo en Dumbria

Xa saben como as gastan polo Concello de Dumbría, que cando arman algo, ármano con todo o equipo. Sendo xa unha das grandes referencias en materia deportiva e turística da provincia, o Concello propúxose agora sobresaír en materia cultural, e parece que a cousa vai por bo camiño vendo a resposta da xente trala primeira fin de semana das I Xornadas de Teatro Dumbría á Escena.

Unha fin de semana que encheu en varias ocasións o auditorio da Casa da Cultura de Olveira, que conseguíu que numerosos cativos fixeran as súas primeiras actuacións como paiasos, e que ducias de veciños disfrutasen do mellor teatro galego. Foi unha boa mestura, como recoñecen dende o Departamento de Cultura dumbriés de moitas risas, suspense, realidade, intriga, medos, recordos, soños…

Abría o venres as Xornadas unha persoa moi querida pola volta. Xosé Touriñán ten estado por Dumbría, pero vestido da Mucha. Desta volta tocoulle meterse no papel de Manolo Lojo, unha personaxe moi peculiar que conseguí que todos os asistentes que abarrotaban o auditorio non cambiasen o sorriso da cara en ningún momento. As gargalladas foron as protagonistas da primeira actuación.

O sábado pola mañá foi tempo para os cativos, cun Obradoiro de Clown. Pasárono de marabilla e perderon o medo a facer o parvo, unha das claves desta clase de actividades. Houbo tempo tamén para os títeres nesa mañá de sábado, con Fanfarra Títetes e a súa “Biblioteca dos Libros perdidos”.

Obradoiro de Clown en Dumbria

Quedaba toda a noite do sábado, , con dúas obras de primeiro nivel galego. Abrapalabra chegaba cunha obra con varios Premios María Casares no currículo e malia que non todo o público o sabía, si que se decataron de que a obra era de primeira orde.
Foi o grupo O aturuxo de Melpómene coa súa Ratoeira a que pechou as xornadas cunha sesión de suspense que non permitiu nin pestanear.

Segunda tanda

Encarando xa a segunda fin de semana destas xornadas acollendo a Mofa e Befa, a Talía Teatro e tamén ó teatro afeccionado, da man da Escola Municipal de Muxía.

O venres 29, ás 21.30h será a actuación de de MOFA E BEFA, que saen a escena con “Cociña Económica”, Sketch no que se recrea un plató de Televisión onde se está gravando un programa de cociña. O lema do programa é: Todo se come, nada se tira.

O sábado 30 obradoiros e máis teatro para tódolos públicos, cun Obradoiro infantil de construción e iniciación aos malabares. Haberá dúas sesións, a primeira delas de 11:00 a 12:30 h. e, pola tarde, reanúdase a actividade de 17:00 a 19:00 h.
Ás 12:30h. o público infantil tén unha cita con TALÍA TEATRO, que sobe ás taboas con “XANGO, a moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina”. E ás 21:30h, a compañía costeira achégalle ó público maior de 14 anos o espectáculo “Demolición”.

O domingo 31, ás 21:30 h, pecharanse as xornadas “Dumbría a escena”, dándolle cabida ó teatro afeccionado da comarca. A Escola Municipal de Teatro de Muxía, dirixida por Artur Trillo (Talía Teatro), interpreta “Maribel e a estraña familia”, de Miguel Mihura.

Así que xa sabes, se es un amante do teatro, vén a Olveira! Dumbría co Teatro!

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios