A Costa da Morte bótase a andar
15:10 30/03/17
Ducias de camiñantes participaron na segunda etapa do Camiño dos Faros que tivo lugar o pasado domingo. Imaxe: Gervasio Regueira
Esta fin de semana arrancan dous programas de sendeirismo que botarán a andar a centos de veciños e veciñas da Costa da Morte. Tamén o domingo, os trasnos e trasnas percorrerán a 3ª etapa do Camiño dos Faros.
Un deles, "Andainas pola Costa da Morte" - que leva xa cinco anos xuntando a unha boa parte dos concellos da bisbarra ao redor do sendirismo - arranca este sábado para percorrer parte dos municipios de Dumbría e Mazaricos. A expedición partirá ás 10 horas da igrexa de Buxantes e rematará en Olveiroa. Esta é unha ruta lineal duns trece quilómetros de lonxitude. Dende o seu punto de saída, os camiñantes dirixiranse cara a pedra Cabalgada do Brazal, incorporándose ao Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía dende a que se poderá desfrutar dunha panorámica do val do Xallas e do encoro de Ponte Olveira. Esta primeria ruta remata no lugar de Olveiroa, en Mazaricos.
Os interesados en participar ainda poden formalizar a súa inscrición - que é de balde - en calquera dos concellos participantes neste programa. Poden participar nenos e nenas a partir de 7 anos, sempre que vaian acompañados dun adulto.
Outro dos programas importantes de sendeirismo que arranca esta fin de semana é a "8ª Primavera en Ruta" posto en marcha pola asociación ecoloxista Senda Nova. Nesta oitava edición, o programa faille un guiño especial a Eduardo Pondal. A primeira das saídas terá lugar este domingo para descrubir "O son do Anllóns". Durante uns 21 quilómetros, os camiñantes descubrirán os principais segredos deste río que percorre parte do concello de Ponteceso.
Para participar, é necesario anotarse e o custe é de 6€ para non socios maiores de idade e 3€ para os menores e 3€ tamén paa socios maiores de idade e 1€ para os menores que sexan socios de Senda Nova. A data límite par anotarse son dous días antes da saída. Os lugares de inscrición é no espazo da natureza de Oza, na base de protección civil de Carballo, no departamento de Cultura e Deportes do concello da Laracha e nos centros socioculturais de Zas e de Baio.
Camiño dos Faros
Centos de trasnos e trasnas percorrerán este domingo a terceira etapa do Camiño dos Faros que discorre entre Ponteceso e Laxe. As inscricións xa están cubertas.
A ruta comeza no estuario do Anllóns para dende aí subir ao monte Castelo de Lourido dende onde observar Borneiro e Dombate. A partir de aquí, os camiñantes baixarán de novo á ría para percorrer a costa de Cabana de Bergantiños - chea de furnas e pequenas praias - para chegar ata a punto do Cabalo e desde aí atravesar a praia de Laxe para rematar a etapa.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])