Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Ponte da Olveira: Unha recuperación necesaria

A Ponte da Olveira: Unha recuperación necesaria
Ponte Olveira na actualidade Ponte Olveira na actualidade na que se poden ver algúns cambios despois das obras de 1962

A mediados de setembro de 1539 o aventureiro e peregrino italiano Bartolomeo Fontana cruzou pola ponte da Ponteolveira camiño de Compostela. A súa fora unha peregrinación atípica: entrara en Galicia procedente de Asturias, continuara polo norte ata A Coruña, bordeara a Costa da Morte, fixera parada en Muxía e en Fisterra para inmediatamente, e de forma inversa a orde que seguían a maioría dos peregrinos, tomar o camiño tradicional ata a Cidade do Apóstolo. O camiñante non fai ningún comentario sobre a ponte, unicamente nos di que ao seu pé se atopan “doe casette di paglia”, é dicir, dúas casas de palla (Villar Álvarez, 2010, p. 61). Supomos que o único que terían de palla serían os tellados. Unha forma de cubrición que aínda se conserva nas serras da Galicia oriental e que foi moi común ata o século XVIII nas vivendas dos menos podentes.

Pero como era a ponte pola que atravesou o río Xallas Bartolomeo Fontana? Era unha construción antiga, se cadra romana? Era unha obra realizada unicamente de pedra ou tiña partes importantes feitas de madeira? Erguérana na longa Idade Media ou viña de ser edificada nos primeiros anos do século XVI? Tratábase da ponte que chegou ata 1962 ou, esta última, era froito de reconstrucións e restauracións posteriores?

Vista xeral da ponte Olveira con anterioridade as obras de 1962 Vista xeral da ponte Olveira con anterioridade as obras de 1962

Nas liñas que seguen intentaremos contestar a estas preguntas. Pero antes de facelo procedemos á reconstruír o aspecto que tiña a ponte antes da desfeita de 1962. Cando, cunha absoluta falta de visión de futuro, a esnaquizaron en virtude dun progreso mal entendido. Para a recuperación descritiva que imos abordar valerémonos dalgunhas fotografías tomadas con anterioridade ás citadas obras, das partes que aínda quedan en pé da obra orixinal  e da valiosísima información que nos facilitaron dúas persoas que se criaron arredor da ponte: Bienvenido Solís Lado (Venido de Solís da Ponteolveira, dende hai anos casado no Pino de Val) e José Rodríguez del Río (Pepe do Regacho da Ponteolveira, que agora vive acabalo entre A Picota e A Coruña). Venido, ademais sendo moi novo, formou parte do equipo de obreiros que traballou no ensanchado da ponte.    

A ponte que ata o malfadado ano de 1962 salvaba o curso do río Xallas estaba articulada por catro arcadas, morfoloxicamente iguais, é dicir, son todas de medio punto, pero de moi diferentes luces. Se comezamos a enumeración pola beira mazaricá: a primeira, a máis pequena de todas, ten unha anchura de 4,89 m.; a segunda 8,07 m.; a maior de todas é a terceira con 8,37 m.; e a última ten 6,06 m.

Os piares ou machóns que contribúen a sustentar as bóvedas están provistos de tallamares ou contrafortes que reforzan a estrutura entre ollo e ollo. Teñen base triangular en ambas caras: augas arriba e augas abaixo. Se non hai dúas arcadas iguais, outro tanto podemos dicir dos tallamares: o primeiro e o último ao atoparse parte da súa estrutura ensumida nos estribos de apoio laterais, obviarémolos. Os tres restantes, e outra vez iniciando o noso recorrido dende a marxe esquerda: atopámonos co segundo con 2,82 m., o terceiro con 3,00 m. xustos e o cuarto que é o máis ancho por moi pouco, conta con 3,01 m. As tres parellas de tallamares laterais subían algo máis arriba do arranque das bóvedas, rematando con “sombreretes” piramidais. Pola contra, os dous contrafortes centrais prolongábanse ata a liña de coroación formando, a un e outro lado da calzada, os característicos apartadoiros. Toda a obra estaba, e aínda está nas partes que se conservan, construída en boa cantería, agás os tímpanos, é dicir, os espazos existentes entre as arcadas e os tallamares que forma fileiras que subían máis alá das claves dos arcos ata alcanzar os peitorís de protección da calzada. Estas zonas, de menor importancia estrutural, posúen unha labra máis deficiente.

Os extremos da ponte únense ás marxes do río mediante estribos, tamén de cantería e, como xa deixamos dito, reforzados por tallamares.

A lonxitude que teñen as bóvedas é de 2,81 m. A esta medida habería que restarlle o espesor dos peitorís, arredor de 40 cm., o que nos daría como resultado unha calzada duns 2,21 m. de anchura útil que, no seu día, estaba rematada por lousas de forma irregular. O espazo existente entre as bóvedas, os tímpanos e a calzada, por informacións facilitadas polo citado Venido de Solís, como era costume neste tipo de obras, estaba composto de materiais lixeiros: cantos rodados, argamasa,… Un recheo de pouco peso para que a presión sobre as bóvedas e os piares fora a mínima posible. Os bordes lonxitudinais da toda a estrutura estaban coroados polos peitorís aludidos anteriormente, tiñan a misión de protexer aos viandantes. Xa deixamos constancia máis arriba de que este paramento se quebraba formando os apartadoiros sobre os tallamares que en ambas frontes da ponte, ocupaban unha posición relativamente equidistante das dúas orelas do río.

A asimetría das luces das catro arcadas viña dada polas diferentes alturas das marxes do río. A beira mazaricá posúe unha cota algo inferior á que se atopa no borde dumbriés.  Se a este condicionante engadimos a costume de que a arcada ou arcadas centrais tiveran máis anchura e, polo tanto, con maior capacidade para evacuar a auga das enchentes que se producían no inverno e na primavera. Con todos estes antecedentes obtemos unha ponte con un perfil alombado, en cumio. En cada un dos arranques da ponte iniciábase unha pendente ascendente que culminaba nun vértice situado, neste caso, máis cerca da orela dereita. Este traxecto ascendente e descendente tiña outra vantaxe, favorecía o saneamento da ponte ao impedir ou dificultar o apozado de auga en superficie e as posibles filtracións que puideran socavar as partes fundamentais da estrutura.

No vértice ao que aludíamos anteriormente e segundo informacións de Pepe do Regacho, houbo ata os primeiros anos trinta do século pasado un mollón, un marco que impedía o paso de carros pola ponte. Non sabemos a altura que tiña pero pola testemuña de Venido de Solís, a parte enterrada na calzada tería 1,20 m. de longo.

Entrada da ponte Olveira dende a marxe mazarica con anterioridade as obras de 1962 Entrada da ponte Olveira dende a marxe mazarica con anterioridade as obras de 1962

Alá polos primeiros anos trinta do século pasado chegaron a Mazaricos as primeiras malladoras. Era un xogo de dúas máquinas, a “trilladora” e a limpadora, que estaban montadas en carros de vacas que as conducían de eira en eira. Pois ben, contan que o dono dun destes xogos de máquinas negouse a vadear o río con elas, e para poder cruzar pola ponte rompeu o mollón a golpes de marra. Dende aquela a ponte xa tivo o paso franqueado a todo tipo de vehículos  que colleran polos 2,21 m. que tiña de ancho a calzada. Temos que lembrar aquí que a aldea mazaricá que se atopa ao pé da ponte era denominada oficialmente ata hai poucos anos: O Mollón. Topónimo que tiña a súa orixe no marco que dividía as xurisdicións de Muros e Corcubión.  Coidamos que a existencia deste mollón, máis alá do seu valor de límite, tería como misión reducir as cargas sobre a ponte e así contribuír ao seu mantemento e permanencia no tempo.

As varias veces aludidas obras de 1962 consistiron, basicamente, en levantar os paramentos laterais e os tallamares ata conseguir achandar a ponte. Sobre esta estrutura apoiouse unha placa de formigón que polos laterais voou considerablemente sobre a estrutura antiga para conseguir ensanchar a ponte. Nesta operación perdeuse o característico perfil alombado, os peitorís e os apartadoiros, mutiláronse e desfiguráronse os tallamares, o lousado da calzada foi substituído por asfalto, elevouse a cota da estrada dende ambos accesos e na marxe mazaricá ampliouse o número de aliviadoiros para evacuar a auga durante as enchentes.

Despois desta reintegración descritiva da imaxe que tiña a ponte con anterioridade ao inicio das obras de ensanchado, e da desgraciada evidencia que temos a día de hoxe; imos intentar botar algo de luz en relación ás interrogantes que nos facíamos máis arriba.

Foi Ramón Barros Sivelo quen alá polo ano 1875, no seu libro Antiguedades de Galicia (Noia 2007, 2º edición, p. 147 e 148), propuxo a existencia dunha vía romana secundaria que ao unir os portos da ría de Muros e Noia cos da Costa da Morte polo interior, atravesaría o Xallas pola paraxe na que levamos uns poucos parágrafos. Para facer esta afirmación baseábase en certos achados de época romana aparecidos na parroquia de Olveira e, como non, na existencia da ponte que nos ocupa. O dos supostos achados xa se demostrou por aqueles anos que non pertencían á Olveira de Dumbría, senón á do Concello de Riveira. De tódolos xeitos esta teoría foi asumida e difundida por Artaza Malvárez xa ben entrado o século XX, en varias obras sobre Muros e o seu distrito. Moi recentemente tamén foi recollida por Carlos Fernández Casado nun texto cargado de análises erradas baseadas na visión de fotografías parciais, aparecido na súa obra Historia del puente en España: puentes romanos (Madrid 2008, p. 472 e 473). E aínda que a idea desta suposta romanidade segue circulando nalgúns textos de divulgación ata o día de hoxe, investigacións máis autorizadas negaron a existencia dunha vía romana que tivera o trazado proposto por Barros Sivelo. Por poñer un exemplo dos máis próximos no tempo, Carlos Nárdiz Ortiz na súa obra El territorio y los caminos en Galicia: planos históricos de la red viaria (Santiago de Compostela 1992, p. 118), non inclúe este camiño entre a trama viaria romana. E se non había unha vía que pasara por aquí, tampouco ían vir os romanos construír unha ponte que para eles era totalmente inútil.

Isto non desbota que por este treito do río houbese un paso natural para uso da veciñanza máis próxima. Tanto nos tempos da Roma Imperial coma despois, en época medieval, as novas vías de comunicación e con elas as pontes, superpúñanse sobre vellos sendeiros, moitos deles usados dende a prehistoria por homes e animais. Para o caso que nos ocupa, as pontes normalmente situábanse en tramos de río fáciles de vadear a pé, a cabalo ou con carros. Neste sentido, a pesar da existencia da ponte, e quizais tamén debido ao mollón ou marco do que xa temos falado, os carros sempre vadearon o río e a ponte só era utilizada por viandantes a pé ou a cabalo.

Ademais da ausencia desta suposta vía romana, a ponte que chegou ata o ano 1962, tampouco respondía ás características construtivas e morfolóxicas que utilizaban os romanos. Nin o tratamento que se lle dá ao aparello, nin o perfil en cumio, nin a estreiteza de toda a estrutura, nin a proliferación, en ambas frontes, de tallamares de base triangular, se poden inscribir dentro da enxeñería romana.

No ano 1170 aínda estaban traballando na primitiva Pontenafonso. Unha obra realizada con “cepas de piedra y tablero de madera”, é dicir, unha ponte mixta onde os piares ou machóns estaban feitos de pedra, e sobre eles repousaba unha estrutura de madeira que unía as dúas ribeiras. Non podemos desbotar que na Ponteolveira puidera existir con anterioridade á obra que tratamos nestas liñas, unha ponte semellante. É unha hipótese sen ningún apoio documental, pero xa se sabe que, cantos menos datos fiables posuímos e tamén cando a nosa imaxinación ten o campo máis aberto a todo tipo de elucubracións.

O camiño máis curto para unir a cidade de Santiago cos portos do “Finisterrae” era o seguido polos peregrinos. Dende cando estivo este roteiro consolidado? É difícil sabelo, quizais dende os séculos XII ou XIII, cando o Camiño de Santiago e a propia cidade lograron unha proxección universal. Puido nesta época construírse unha ponte de pedra e madeira, de realización máis rápida e barata ou había algún tipo de barca para cruzalo, ou como nalgún outro lugar, había algunha persoa forzuda para levar os peregrinos sobre os ombros vadeando o río, ou eran os propios peregrinos os que se arriscaban a cruzalo cando o caudal o permitía. Todo é posible.

Con relación a algunhas das posibilidades que vimos de enumerar, temos que lembrar o silencio de Bartolomeo Fontana, o noso peregrino italiano do ano 1539, sobre as características da ponte. Como podemos interpretar este silencio? Isto xa é fiar demasiado fino, pero aquí vos deixo a miña reflexión.

Se Bartolomeo Fontana non di nada, é, seguramente, porque nada lle chamou a atención. Se nese momento aínda houbera unha ponte mixta de pedra e de madeira, é posible que deixara constancia dese feito. Así que, de existir no pasado ese tipo de ponte, no 1539 xa tería desaparecido. Coido que tampouco debía ser unha ponte novísima, acabada de saír do punteiro dos canteiros. Se así fora o noso viaxeiro teríanos dito algo relativo a tal novidade? Outra vez, é posible.

Lateral esquerdo da ponte da ponte Olveira con anterioridade as obras de 1962 Lateral esquerdo da ponte da ponte Olveira con anterioridade as obras de 1962

Como era logo a ponte que cruzou Bartolomeo Fontana, e de tratarse da obra que chegou aos anos sesenta do século pasado, de cando proviña a súa construción?

Antes de ofrecer a miña opinión persoal sobre estes extremos, quixera aportar algún dato máis sobre o seu devir histórico e deixar constancia do que dixeron outros investigadores ao respecto.

A raíz dunha polémica da que falaremos máis adiante, apareceu na prensa que no foro que o rei Sancho IV lle concede en 1282 á vila de Muros se cita o lugar de Olveira, de onde se pode derivar a posibilidade da existencia da ponte por aquela data. Eu lin a escritura outorgada polo mencionado rei de Castela e non atopei o lugar de Olveira por ningún lado, e no suposto de que aparecera non me parece unha razón concluínte para afirmar a existencia ou non existencia da ponte. Como xa dixen anteriormente, poida que houbera xa dende o século XII unha construción que permitira salvar o curso do río Xallas. Mais esta suposición é só unha hipótese, unha coxectura sen ningún apoio, que eu saiba, en datos documentais.    

Como teimudamente vimos repetindo, a cita documental máis antiga da existencia da ponte fornécenola Bartolomeo Fontana en 1539. A partir desta data aparece nomeada noutros diarios de diferentes peregrinos e no Repertorio de los caminos de España de Juan de Villuga, editado en 1543, pero non aportan ningún dato relevante. Haberá que esperar a finais do século XVIII para obter referencias máis substanciosas.

O Camiño de Santiago era seguido por outros transeúntes, entre os que cabe citar o Servizo de Estafeta ou Correos establecido entre Corcubión e a cidade de Compostela. Por un informe de 1787 sabemos que o traxecto de ida e volta entre estas dúas localidades, facíano en catro días se non incidía negativamente a climatoloxía que se deixaba sentir nas entradas da ponte, sobre todo no borde mazaricán, como nos especifica o citado informe: “a la salida del puente yendo para Santiago ay una calzada vieja y peligrosa que todos los inviernos se inunda con las avenidas y crecientes que toma el paso y tránsito de todo viajero y correo que conduce la valija con detención de algunos días hasta que suceda el desague de las avenidas, con notable perjuicio de la correspondencia, del público y del Real Servicio(…)”

Un pouco despois, en 1789, o sonado ilustrado galego Xosé Cornide, percorreu e fixo un informe sobre os camiños de Galicia, entre os que figura o que dende Compostela por “puente Maceira conduce a los puertos occidentales”. Sobre o asunto que nos interesa comenta o seguinte: “El puente olveira situado sobre el Río Ézaro está muy bien fabricado, pero necesita en su entrada y salida algunos cortos reparos que contarán 500 reales.”

Como podemos ver non especifica se esa fábrica e máis ou menos antiga. Con relación as obras recomendadas, en anos posteriores, non sabemos cando, pero polas características da obra coidamos que non puido ser antes de mediados do século XIX; fíxose un levantamento de toda a calzada de acceso dende o Concello de Mazaricos. Calzada que a semellanza dun pequeno dique facilitaba o acceso á ponte, pero tamén impedía a evacuación das augas apozadas entre a marxe do río e a mencionada infraestrutura. A pesar de atoparse perforada por aliviadoiros, polo seu pequeno tamaño, sempre se mostraron insuficientes nas grandes enchentes.

Despois destes escasos apuntamentos históricos pasamos a relacionar a opinión dalgúns investigadores sobre a época de construción da ponte, obviando as referencias de Barros Sivelo, Artaza Malvárez e Fernández Casado, que xa foron comentadas.

Segundo Álvaro Blanco, Manuel Durám Fuentes e Carlos Nárdiz Ortiz no sei libro Puentes históricos de Galicia (A Coruña 1989, p. 378), é moi posible que sexa do século XVI, sen meterse en máis fonduras que argumenten tal datación. Con posterioridade, un destes autores, Carlos Nárdiz Ortiz, nunha obra xa citada feita en solitario, El terrotorio y los caminos de Galicia… (P. 182), nun plano da infraestrutura viaria da Galicia medieval aparece a ponte da Ponteolveira. Non sei se este autor cambiou de idea con relación á datación da ponte ou considera que con anterioridade á obra actual houbo outra de construción medieval.

José Ramón Soraluce Blond e Xosé Fernández Fernández no volume IV de Arquitecturas da provincia da Coruña (A Coruña 1993/97, p. 137), supoñen que a obra da que tratamos debeu construírse nos séculos XVII ou XVIII.

Coido que no ano 2017 a Deputación da Coruña fixo un proxecto para intervir na ponte do que falaremos máis adiante. Como parte do mesmo figuraba un informe arqueolóxico que desexaba consultar por ver se aportaba algo novo. A pesar de pedilo por activa e por pasiva foi imposible acceder ao se contido. Parece que os traballos pagados cos cartos de todos son para uso exclusivo non sei de quen. Do que podo dar cadra e que con anterioridade ao proxecto aludido, fixeron un anteproxecto no que o informe histórico estaba copiado palabra por palabra dun artigo que no ano 2008 publiquei sobre esta mesma ponte.    

E agora veño eu, non sei de a enredar máis ou a desenredar este novelo que, se lle fixésemos caso a Barros Sivelo, moveriámonos entre os primeiros séculos despois de Cristo e a centuria da Ilustración. Xa acoutamos algo esta longa secuencia temporal desbotando a súa suposta romanidade, Seguidamente imos intentar, con moitas limitacións, establecer os principais fitos da construción actual.

Eu creo que a ponte pola que sorteou as augas do Xallas o noso protagonista, naqueles días arredor da celebración da Virxe da Barca en Muxía, non debía ser moi diferente á que chegou ata o fatídico 1962.

Como puidemos observar na descrición que fixemos máis arriba, era unha ponte bastante estreita, co clásico perfil en cumio e con tallamares de base triangular nas dúas frontes. Todos estes trazos remítennos ao medievo. En principio polas súas arcadas de medio punto poderíamos situala nos séculos XI , XII e incluso XIII. Pero hai outros elementos que posúe, como os bloques de cantería moito máis grandes que os usados nas centurias anteriores, ou a dobre liña de tallamares de base triangular mais propios do período gótico. Para incluíla neste último período (séculos XIV e XV) en principio, o único trazo en discordia sería a ausencia do arco apuntado, é dicir, o que remata en ángulo, moi empregado nas pontes que nos chegaron daquelas tempadas. É verdade que nas pontes do gótico o arco apuntado está moi presente, pero de tódolos xeitos o seu uso non é universal. É  moi empregado naquelas arcadas que teñen unha luz, unha anchura considerable, normalmente superior aos 9 metros, e na maioría dos casos nos ollos centrais. Con esta escolla a capacidade de fluxo da zona máis sensible á forza da auga era moito maior e, ademais, axeitábase moi ben ao perfil alombado da construción. Máis en arcos de menor luz, hai moitos exemplos ao respecto, sen ser exclusivo, seguía utilizándose con profusión o arco de medio punto.

En resumo, podemos conxecturar con tódalas prevencións necesarias ante a ausencia de documentación, que a construción da nosa ponte se pode situar no curso dos séculos XIV, XV e incluso nos primeiros anos do XVI. Esta escasa precisión non está exenta de problemas que, coido non afectarían ao groso da obra, senón a algunhas partes que puideron ser froito de intervencións posteriores.

Atopamos dous trazos discordantes co que se acostumaba naquelas centurias. En cada doela que conforma cada unhas das fiadas de pedra que articulan a bóveda da primeira arcada do lado mazaricán, está inscrito o mesmo número arábigo. Os números arábigos son os que utilizamos a día de hoxe, mais non foi sempre así. Este tipo de numeración non se popularizou ata ben entrado o século XVI e, seguramente, nos lugares máis illados dos grandes centros de produción cultural, aínda máis tarde.

Para a aparición desta numeración atopamos dúas explicacións. Unha primeira que nos informaría que para efectuar a bóveda farían con anterioridade unhas trazas a tamaño real co despece de cada unha das doelas, e así á hora de montalas axustaríanse perfectamente. Esta forma de traballar era moi corrente na construción dos arcos nos que un perfecto despece era unha parte importante do seu valor estético final, ou tamén en bóvedas enriquecidas con complexos relevos. Pero neste tipo de bóvedas onde o principal é a súa funcionalidade e resistencia, ao ser construídas sobre un encofrado de madeira non eran necesarias tantas prevencións. Coido que é moito máis viable que co paso do tempo a bóveda tivera problemas de estabilidade e decidiran desmontala, reforzala alí onde estivera o mal e volvela a montar. Para efectuar esta operación gravarían tódalas doelas coa mencionada numeración para que fora máis doada a súa reconstrución. Tanto se optamos por unha ou outra posibilidade, teríamos que situar estas intervencións, como moi pronto, iniciado xa o século XVII. Non sabemos se no resto das arcadas ocorre outro tanto. Faría falta entrar no río e nestes días non é moi aconsellable. Quizais máis tarde.  En todo caso, non sería imposible que esta e quizais o resto das arcadas sufriran intervencións posteriores aos séculos XIV, XV ou principios do XVI, nos que situamos a construción da ponte.

Estas intervencións deberon atinxir tamén ao outro trazo discordante en época medieval, os remates piramidais lisos dos tallamares, moi propios dos séculos da Idade Moderna: XVI, XVII e XVIII. Durante o gótico o coroamento destes contrafortes, aínda que inscrito dentro dunha pirámide, era a base de chanzos decrecentes.

Recapitulando: coido que a ponte que viu Bartolomeo Fontana fora construída nos últimos séculos da Idade Media. Mais a que chegou ata 1962, sendo moi semellante á que cruzou o noso peregrino italiano, debeu ser obxecto dalgunhas reparacións no curso da Idade Moderna que afectaron, cando menos, ao remate dos tallamares e á arcada máis próxima ao lado esquerdo.

Este artigo titúlase, A PONTE DA PONTEOLVEIRA: UNHA RECUPERACIÓN NECESARIA. E ata o de agora, e despois de escribir un bo número de liñas, non xustifiquei tal encabezamento. Imos aló.

Durante a primeira quincena do mes de marzo varios xornais fixéronse eco da polémica acontecida entre a Secretaría de Patrimonio da Xunta de Galicia e o Servizo de Obras da Deputación da Coruña a raíz dun proxecto presentado por esta última institución para a construción de dúas pasarelas peonís tanxentes e sustentadas na actual estrutura da ponte. Patrimonio denegou a licenza solicitada basicamente porque “as ampliacións propostas reforzan a liña de actuación da intervención de 1962, minorando a visión da ponte histórica pola ampliación duns 2,5 metros a cada lado da plataforma”. Non me vou meter nas réplicas e contrarréplicas desa discordancia de pareceres.

Na miña opinión no ano 1962 fixeron un apaño e agora o Servizo de Obras da Deputación quería facer outro. Un apaño que só solucionaba o problema a medias e, a maiores, contribuía a desfigurar a ponte aínda máis. Porque todos sabemos que a ponte, se a sometemos aos estándares de circulación segura que rexen no século XXI, non é máis que unha rateira. Sen espazo para o tráfico rodado nin para os peóns. As administracións deben traballar con criterios de futuro que xungan a seguridade coa conservación e mellora do patrimonio. Aquí, polo visto, só se pretendía parchear algúns buratos, e todos sabemos que os parches son arrastrados polas primeiras augas invernais.

No 1962 masacraron unha obra con varios séculos de antigüidade e agora querían completar aquela tarefa arrimándolle uns “colgarellos” que desfiguraban aínda máis a obra orixinal.

A única solución viable e coherente cos tempos que nos tocou vivir, é construír unha nova ponte que debería estar relativamente afastada da actual e que satisfaga as necesidades de eficacia e seguridade que  rexen na actualidade. Esta nova infraestrutura tería que ir acompañada pola restauración e reintegración da imaxe que tiña a actual ponte con anterioridade ás obras tantas veces aludidas. Por suposto nesta recuperación non se podería facer un pastiche, senón que habería que seguir as recomendacións que sobre restauración ofrecen as últimas normativas nas que a parte orixinal, que aínda se conserve, debe diferenciarse da restitución das partes perdidas.

Con esta actuación ademais de recuperar unha obra fundamental do noso patrimonio con tódolos valores engadidos que isto suporía, os peóns e os peregrinos terían a mellor pasarela que puideran desexar. A maiores de todo isto estamos nun encrave histórico: no que durante varios séculos se celebrou unha feira moi concorrida, e onde tivo lugar o 12 de abril de 1809 unha batalla que contribuíu a expulsar do noso País ao exército invasor francés. Non podemos esquecer aquí tampouco as importantes obras que dende a iniciativa privada se fixeron nos últimos anos coa recuperación da arquitectura tradicional a un e outro lado da ponte. Se a estas accións lle engadimos a beleza da paisaxe de ribeira na que se integra, obtemos como resultado unha das paraxes máis fermosas de Galicia e un exemplo a seguir por outros lugares. Para que isto sexa así a recuperación da ponte é fundamental.

Este conto saíu algo longo, pero cando nos atopamos con tan poucas evidencias e con tantos supostos; cando os datos documentais son tan escasos e unha boa parte do traballo o temos que fundamentar na interpretación dos restos arqueolóxicos, tanto nos perdidos como nos que aínda conservamos: é tan amplo o abano de situacións posibles, que a todas elas lle temos  que dar o seu tempo e o seu espazo. Con estes antecedentes a vagarosa extensión non é un capricho, senón unha obriga.

OUTRA BIBLIOGRAFÍA

Artaza Malvárez, R.: La villa de Muros y su distrito. A Coruña 1962

Fernández Troyano, L.: “Variantes morfológicas de los puentes medievales españoles”, en Revista de obras públicas nº3459, Madrid 2005.

Villar Álvarez, M.: El Camino del Fin del Mundo. Asociación de Cámaras Oficiales de Comercio Industria y Navegación de los Caminos de Santiago, 2010.

 
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

                   

                                        

Comentarios