A Xunta asegura que as obras nos 3 saltos do Xallas crearán 700 postos de traballo
Volve a Xunta poñer grandes cifras enriba da mesa. Se estamos escoitando que a mina de ouro vai crear 1.500 postos de traballo, onte a deputada carnotá Marisol Piñeiro defendía no Parlamento que "a inversión que supón para a zona será de preto de 40 millóns de euros e dará carga de traballo para case 700 persoas e vai supor unha mellora da calidade da distribución elécrica na Costa da Morte e comarca de Muros”.
A deputada do PPdeG defendeu no Parlamento que "estamos ante un proxecto medioambientalmente impecable, e non vai haber novos encoros e que o río Xallas sairá beneficiado xa que se incrementarán os valores de caudais mínimos existentes na actualidade". Unha versión que se contrapón radicalmente coa vertida polos colectivos ecoloxistas que denuncian o tremendo impacto ambiental do proxecto.
Marisol Piñeiro criticou a iniciativa de AGE, debatida onte e sometida a votación no pleno de hoxe, “que plantexa a negativa a calquera proxecto industrial, da natureza que sexa, na Costa da Morte” e o seu descoñecemento do acordo aprobado unánimemente pola Cámara parlamentaria na pasada Lexislatura no que se “declarou os ríos de Galicia libres de novos aproveitamentos hidroeléctricos agás repotenciacións, como é o caso, sempre que se manteña o mesmo vaso e non se altere o caudal ecolóxico, como tamén é o caso”.
Novas relacionadas
- 15-02-13: Denuncian un grave impacto dos 3 novos saltos no Xallas e favoritismo coa empresa de Villar-Mir.
- 14-02-13: A Xunta asegura que os 3 saltos no Xallas non suporán novos obstáculos no río.
- 13-12-12: Ferroatlántica xa ten financiamento para as 3 minicentrais do Xallas.
- 03-02-12: A Xunta aproba os 3 novos saltos no río Xallas.
- 30-5-11: O río Xallas prefire camiñadas e non minicentrais.
- 06-07-09: O Xallas corre de novo perigo de sufrir máis centrais hidroeléctricas.
Máis novas
Fonte
- Xunta.