Sábado. 04.05.2024
El tiempo

Denuncian no Parlamento o desleixo e abandono da Xunta co Monte Pindo

Denuncian no Parlamento o desleixo e abandono da Xunta co Monte Pindo
Rebrotes de toxo na volta das ruínas do castelo de San Xurxo do Monte Pindo-Foto-Jorge Gonzalez Perez

Volveu aparecer o Monte Pindo no Parlamento de Galicia. Foi da man da deputada do BNG, Ana Pontón, que denunciou onte o “desleixo e abandono da Xunta” co Monte Pindo. UNha Xunta cuia única actuación sobre o Olimpo Celta, foi aquel esperpéntico "air mulching" sobre menos do 1% da superficie queimada.

Na súa intervención, a deputada afirmou que un ano despois do incendio, “as promesas da Xunta e do PP caeron en saco roto” e lamentou que o Director Xeral de Montes, cargara toda a responsabilidade do acontecido no vento do nordés, obviando a “responsabilidade da Xunta” por non actuar nun espazo que xestiona directamente e que está integrado na Rede Natura 2000.

Ana Pontón lamentou que a Xunta careza dun plan de recuperación dos espazos arrasados no Pindo e suxire ao director xeral de Montes que visite a zona e constate que o eucalipto está substituíndo á vexetación autóctona.
Tras a resposta do membro do Goberno, Pontón recalcou que “non é de recibo que se impedira a acción de voluntarios e a Xunta recoñeza que nin fixo nada, nin teña previsto ningunha actuación.”

Pontón fíxose eco da denuncia da asociación Monte Pindo Parque Natural, sobre a substitución da vexetación autóctona polo eucalipto que tamén ameaza o hábitat do carballo anano, ao que a Xunta respondeu cun “non sei nada”, negando a evidencia.

Finalmente o BNG reclamou de novo que a Xunta elabore e aplique un Plan Urxente de restauración medioambiental do Monte Pindo, contando coa participación veciñal e asociativa, dotado economicamente coa finalidade de recuperar e rexenerar as zonas afectadas polo lume. Unha medida básica, afirmou, para “retomar nun futuro próximo a declaración de Monte Pindo como Parque Natural, como unha peza importante no desenvolvemento e creación de riqueza neste concello”.

Novas relacionadas

Fonte

  • BNG.

Comentarios