Martes. 30.04.2024
El tiempo

#MontePindo: O cabodano da gran catástrofe medioambiental

#MontePindo: O cabodano da gran catástrofe medioambiental
Imaxe aerea do incendio do Monte Pindo en 2013-Foto-Jorge Perez Gonzalez

Hoxe, 11 de setembro de 2014, cumpriuse un ano daquel fatídico 11 de setembro onde comezaban unha semana de verdadeiro inferno no sur da bisbarra. Unha semana de lumes, unha semana onde toda España botou a súa ollada triste cara Carnota, Mazaricos e Dumbría, cara o Monte Pindo.

Para “celebrar” o cabodano, deixámosvos unhas imaxes inéditas de Jorge González Pérez, veciño da zona e Enxeñeiro de montes e Xefe de brigada municipal en Dumbría durante aqueles días, co que ademais fixeramos unha mirada ao futuro do Olimpo Celta e ao que agardamos ler de novo en breve.

O Ezaro e O Pindo tomado polo fume en 2013-Foto-Jorge Perez Gonzalez O Ezaro e O Pindo tomado polo fume en 2013-Foto-Jorge Perez Gonzalez Brigadistas no incendio do Monte Pindo en 2013-Foto-Jorge Perez Gonzalez

Un roteiro polo Cabodano

Tamén a Asociación Monte Pindo Parque Natural celebra o cabodano e o fai artellando para este sábado un roteiro dende Caldebarcos. Pero tamén fai balance de como está sendo a recuperación. E malia que as súas primeiras conclusións parecían positivas en canto á rexeneración do olimpo, hoxe apuntan que un inimigo, vello coñecido polas organizacións conservacionistas, anda pola volta.

Invasión de eucaliptos

Eucaliptos no Monte Pindo

A AMPPN asegura que o eucalipto está a comer boa parte dos bosques que deberían ocupar carballos e outras especies autóctocas. E culpa á falta de actuación da Xunta que máis alá daquel esperpéntico air mulching. non fixo nada por favorecer a reforestación, e mesmo puxo trabas ás iniciativas civís.

A entidade culpa tamén ás empresas da industria pasteira, asegurando que tiveron “coñecemento de que testaferros das ditas corporacións están visitando a veciños e propietarios particulares nas saias do Monte Pindo, para xenerosamente retirarlles a madeira queimada das súas propiedades e unha posterior repoboación. Pero logo esas repoboacións fanse sempre con eucalipto, independentemente da especie que houbera antes”, denuncian dende a asociación.

Sen perdón

A Asociación fala claro: “Non esquecemos nin perdoamos: O pirómano, sen a inacción da Xunta, non o tería logrado. Hoxe cúmprense 365 días do incendio declarado en Cima da Arca (Cornes) que en menos dunha semana tería devorado sen oposición o Olimpo Celta, espazo mítico e natural para o que os veciños levaban 3 anos alertando á Xunta do risco grave de abandono en que se atopaba, e pedindo unha declaración de Parque Natural con cuxas dotacións económicas e humanas puidera atinxirse as súas problemáticas. Sen embargo todas esas voces, asi coma a de 169 institucións, asociacións veciñais, partidos políticos ou organizacións empresariais, ecoloxistas, turísticas, deportivas... foron deliberadamente ignoradas, dando como resultado a desaparición de toda a vida natural nas preto de 2.500 hectáreas no maior incendio declarado no 2013 no noso País, suceso vergonzoso para todos os galegos que hoxe a Xunta se empeña en ignorar nas súas avaliacións e comunicados”.

Tampouco tivemos máis noticias da investigación policial sobre a autoría material do incendio”. “A nós citáronnos no acartelamento de Lonzas (Coruña) para ver se tiñamos algunha pista sobre quen fóra”, sinalan.

Novas relacionadas

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios