Dumbría e Fisterra teñen novos murais no marco do proxecto Arte no Camiño
Presentou onte en Culleredo a Deputación da Coruña o seu programa "Arte no Camiño’. Unha proposta na que se pretende humanizar as vilas do camiño a través do muralismo, aproveitando as lendas e tradicións de cada zona vinculadas á peregrinación.
O deputado responsable de promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, a tenente alcalde de Culleredo, Cristina Pardo, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, a alcaldesa de Fisterra, Aúrea Domínguez e a concelleira de Turismo de Dumbría, Maruxa Lema, participaron hoxe en Almeiras na presentación da iniciativa, que impulsa os primeiros catro murais nestes municipios, xunto cos artistas MØU e Xoana Almar, de Cestola na Cachola.
Ademais de Culleredo e Paderne, Dumbría e Fisterra foron escollidos como lugares para acoller novos graffitis. Se Lidia Cao é a responsable de levar as lendas do Monte Xalo en Culleredo, e a a cooperativa Cestola na Cachola pintou o mural en Paderne baseándose na lenda da Ponte do Porco, as accións artítiscas da nosa comarca son obra de Mou e Nove Noel.
En Dumbría, MØU desenvolveu a idea da viaxe interior que propicia o Camiño a través da figura do ‘Vákner’, unha figura mítica entre un home e un lobo que, segundo contan as lendas, se aparecía aos peregrinos nos montes durante a peregrinaxe a Fisterra. Este será representado como unha persoa camiñante con roupaxes propias das ‘Mascaradas’ que lembra a épocas do Entroido pero pode ser confundida con lobishomes.
Por último, Nove Noel creou en Fisterra a obra ‘Camiñantes’, na que se expón un xogo de figuras na acción de camiñar en distintos planos, posicións e sentidos. É, polo tanto, unha referencia á diversidade de persoas que discorren polo Camiño ao faro de Fisterra.